"Menina veste de rosa"

Manifestación do movemento #EleNao contra Bolsonaro no Brasil Dominio Público Midia Ninja

Circulaba hai uns días, por teléfonos e redes, un vídeo caseiro feito por dúas adolescentes galegas no que unha moza duns catorce anos monologa mentres a compañeira asente. A nena opina. Asertiva, en actitude retadora, fala do aborto, da igualdade entre mulleres e homes. Di que as mulleres que abortan son unhas putas por se teren aberto de pernas. Para ela, puta é un insulto. Que está claro que as mulleres somos inferiores. Que a ver se con Vox se amaña.

Circulaba un vídeo no que unha adolescente galega di que as mulleres que abortan son unhas putas; só está a repetir o que aprende, o que escoita na casa, na rúa, na tele, na rede

Escándalo. Por uns días, arden as redes, denúnciase o vídeo, é retirado. Respiramos. Porque temiamos... que? Se cadra, que ese discurso mal fiado, simple e con vocabulario escaso, emitido por unha cativa, teña o poder de convencer a outras, as súas iguais, a outros, os seus iguais. Ou, se cadra, porque incomoda ter ante nós a evidencia da realidade.

Mais a nena só está a repetir, ao seu xeito e na súa capacidade comunicativa, o que aprende. O que escoita na casa, na rúa, na tele, na rede.

E, ao tempo, as persoas polas que se guía non fan máis que difundir o que afirman aquelas outras que son as súas creadoras de opinión, como Casado ou Abascal, pero tamén xornalistas, tertulianas, académicas da lingua... Líderes que dirixen mensaxes simples e maniqueas, de doada comprensión e que convencen porque se alimentan da rabia. Unhas mensaxes que benefician só a quen as lanzan, non a quen as asumen. Unha rabia que en moitos homes xorde do temor a perder os seus privilexios capitais emanados do patriarcado. Ben por tratarse dos poucos que consideran que lles quedan a eses homes, empobrecidos e desconcertados antes os cambios sociais, ben tan só por pertencer a unha clase dirixente que non quere deixar de selo. Como dixo Flora Tristán, o home máis oprimido pode oprimir a outro ser, que é a súa muller. A muller é a proletaria do proletario

Damares Alves, nova ministra de Familia do Brasil, quen comezou mandato afirmando "menino vete de azul e menina veste de rosa" © YouTube

Mais tamén nas mulleres non feministas medra unha rabia que alimenta estas mensaxes e se alimenta delas. A frustración de seren mulleres educadas no patriarcado, como a moza do vídeo, ás que o feminismo está a dicir que toda a súa realidade é un erro. Que todo o que coñecen, aprenderon e perpetuaron, é inxusto, desigual, violento. Que son as oprimidas. E non queren velo porque non poden aturalo, como nos acontece a nós co vídeo. Porque o ser humano é moito máis resistente ao cambio e a recoñecer a realidade do que queremos pensar. 

A nosa misión, a das persoas feministas, é facer que este traballo de liberación e emancipación convenza aos homes e mulleres con rabia; que saibamos explicar a diferenza entre dereitos e privilexios. Se non somos quen de incorporar a esa xente, non imos gañar

Véxoo de cote nos obradoiros que imparto. Mulleres ofendidas polo meu discurso feminista que se negan a empoderarse, que non queren ver a realidade nin moito menos cambiala. Que marchan enfadadas e non admiten diálogo. Véxoo no ideario de Alves, a ministra nomeada por Bolsonaro para implementar unha nova era na que menino veste de azul e menina veste de rosa.

E vexo esa outra reacción, a da indignación cando é unha muller, como a nena do vídeo, quen lanza o alegato patriarcal. Que deposita unha dobre responsabilidade na vítima, acusándoa de vitimaria. Que esixe que as mulleres, nós soas, como principais afectadas, espertemos como por arte de maxia. Pero iso non acontece. 

Acho que a nosa misión, a das persoas feministas, é facer que este traballo de liberación, de emancipación, de procura da xustiza e da paz, convenza aos homes e as mulleres con rabia. Que saibamos explicar a diferenza entre dereitos e privilexios. Porque se non somos quen de incorporar a toda esa parte da sociedade na nosa loita, non imos gañar.

E serán os vencedores, con “e”, quen sigan a escribir a historia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.