-Por quen saen os tractores? -Saen por ti

Tratoradas. Paisaxe de reafirmación do rural da nosa terra. En cada un dos tractores vai algo máis que un condutor ou unha condutora, vai unha familia ao borde do desafiuzamento. Agosto, o país ferve de festas e tamén de indignación. En cada un dos tractores vai unha familia que apostou por ficar na aldea, que está mantendo unha paisaxe que se nos vai escapando da memoria, unha familia que está mantendo prados, que está freando incendios, que está rozando silvas e está producindo alimento para os que non temos que erguernos todos os días a muxir. Unha familia que apostou polo traballo para saír adiante, que creu no “traballar, facer, crecer” que agora é un slogan da dereita pero que hai dez, quince, vinte anos, cando entre a Xunta e o Ministerio de Agricultura e a Política Agraria Común nos convenceron de que o noso agro pecaba de falta de modernidade, nesa altura, estes gandeiros e gandeiras, familias que non quixeron marchar das súas terras, apostaron por modernizar, por hipotecarse, por traballar duro para sacar adiante a explotación. 3.000 granxas galegas están ao borde do desafiuzamento. Parece que non abonda con traballar para poder pagar as débedas. Parece que o prezo do leite depende dos intereses de grandes empresas, e parece que mandan elas.

Os tractores están na rúa avisando á cidadanía do poder das multinacionais e da connivencia dos políticos. Dos nosos políticos, os mesmos que celebran o país en galego, e dos de Madrid, dos que nos convencen de que o que pasa é que non traballamos bastante ou non calculamos ben os créditos que vamos poder pagar. Feijoo anuncia ao sector lácteo na reunión do pasado 5 de Agosto novas medidas para apoiar a innovación na transformación industrial e a concentración de proxectos empresariais. Como se os problemas do sector leiteiro fosen pola incapacidade dos galegos e galegas de facer as cousas ben. A convencernos vinte anos despois de que a solución é pedir máis créditos. Cada ano seguen desaparecendo explotacións gandeiras no noso país. Non é porque non sexan rendíbeis, é polos plans de desenvolvemento rural que baixo o obxectivo aparentemente neutral do “aumento da competitividade” incentivan o endebedamento dos labregos e pechan explotacións pola vía do control técnico da brucelose, que pode vacinarse, pero que na práctica desaloxou do campo a miles de pequenos gandeiros a través do saneamento. Cada prado que queda a monte é mato que pode arder.

Os tractores están na rúa avisando á cidadanía do poder das multinacionais e da connivencia dos políticos

Cada unha das familias ao borde do desafiuzamento está pagando intereses dos seus créditos hipotecarios. Intereses que engordan contas de beneficio de entidades bancarias. Cada unha das multinacionais que están pagando o leite ao prezo irrisorio de 26 céntimos litro, por debaixo dos custes de produción, está obtendo beneficios que lle está roubando aos gandeiros. Como todas as crises, esmagan ao pequeno e engordan ao grande, como todas as crises, esta é en realidade unha estafa. Cada un deses tractores está facendo ruído para avisar de que os nosos políticos non están vendendo ás multinacionais. De que teñen pensado vendernos aínda moto máis, e por iso non queren que saibamos o que di, ou sequera que existe o TTIP, o tratado que vai permitir a calquera multinacional dicirnos o que podemos ou non podemos facer.

Non chega con que as galegas e galegos merquemos leite galego. Como non chega para curar unha neumonía unha cunquiña de caldo e moito agarimo

Non chega con que as galegas e galegos merquemos leite galego. Como non chega para curar unha neumonía unha cunquiña de caldo e moito agarimo. O agarimo é importante, pero fai falla un antibiótico. É imprescindible que todas e todos nós merquemos leite galego, sobre todo porque nos gusta comer ben, pero tamén hai que saber que a crise do sector lácteo é a mesma que a dos afectados pola hipoteca en todo o Estado Español, a mesma que nos subiu a luz a todas e subiu igualmente os beneficios xa avultados das empresas eléctricas, a mesma na que está atrapado e resistindo o pobo grego, a mesma que fai que arda sen control un medio rural desaloxado polas políticas do desenvolvemento agrario, a mesma que nos obriga a comer alimentos que se parecen aos alimentos só no nome porque para comer alimentos dos de verdade hai que chegar máis folgados a fin de mes, a mesma pola que a xente sae á rúa a resistir contra o TTIP e a reclamarlle á casta que desaloxe.

Temos que esixir todas e todos un prezo mínimo para o noso sector leiteiro, porque en Galicia, que saibamos, nunca votamos que queriamos un goberno da Nestlé, nin da Reny Picot nin de Lactalis, senón un goberno que defenda os nosos intereses. Temos que esixir, como pobo, un prezo mínimo garantizado por lei aínda que iso xere menos beneficios ao capital, e temos que exercer, como individuos, o noso dereito a beber leite de calidade envasada no país. Pero sobre todo temos que saber que ese rebumbio dos tractores non é unha festa, non é por unha familia ou unha aldea, é por todas nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.