Cameron & Castelao

A nunca abondo parabenizada Lara Graña sinalaba o outro día neste xornal que Rajoy copiaba o primeiro ministro británico, David Cameron, ao promover a participación dos desempregados en traballos voluntarios. Discrepo. En realidade, Cameron está moito máis preto de Castelao ca de Rajoy, polo menos neste aspecto. Voume explicar antes de que me anatemicen.

Empezaremos polo que está pasando. Non hai indicadores nin medicións, así que é pouco probábel que datos semellantes cheguen aos titulares de Praza; mais creo que é unha sensación compartida se digo que os xardíns galegos están cada vez máis deixados e peor coidados. Que cada vez as nosas rúas teñen máis fochancas, que cada vez hai menos cartos para actividades escolares e que cada vez haberá máis lixo sen varrer amoreado diante dos nosos comercios. Se esta percepción non é aínda suficientemente evidente, serao máis e máis ao longo dos vindeiros meses e anos.

Non hai cartos pra pagar quen varra o lixo diante da miña porta ou quen roce a herba diante da miña leira. En realidade, é dubidoso que o teña que facer alguén distinto de min. Ata o de agora diso ocupábase o estado a través de diversas administracións, ese estado benefactor ao que durante tantos anos utilizamos como mordomo, cando non coma criado. Pero iso, asumámolo, acabouse. Contra esa inevitábel deixación de funcións por pobreza, podemos manifestarnos e folgar, como propoñen os sindicatos, e presionar para que o estado imprima billetes de euro co que contratar varrendeiros, ou agarrar o mango da vasoira e varrer por nós mesmos.

Entre eses que cren que temos que coller a vasoira nosoutros, está o Cameron que conceptualiza a big society, unha sociedade onde todos os cidadáns e cidadás amplíen a súa responsabilidade activa e axuden a manter, con traballo voluntario, un nivel de vida común que xa non podemos pagar con cartos. Aí está tamén o Castelao voluntarista que dicía que había sitio pra todos cando nos convidaba a sumarnos á obra. Porque non é nacionalista lastrar o estado de todos con obrigas que podemos asumir cada un de nós. Hai sitio pra todos, Daniel, e por riba temos bastante tempo libre. Só que estamos mal acostumados.

Porque unha cousa é que percibamos que as nosa rúas teñen demasiado lixo, e outra cousa é como facemos, en sociedades como a galega, pra evoluírmos dende o tuzarismo individualista, cando non mesquiño, ata un modelo de solidariedade xenerosa onde a acción cidadá vaia substituíndo o estado. Cómo nos organizamos, nós que a penas tivemos tempo histórico de facelo. Qué tenda do Paseo, da rúa Real, de Príncipe, dá o primeiro paso e sae a varrer diante da súa porta pra que o concello mande os varrendeiros a cubrir aquelas zonas onde os veciños non poden facelo.

E, tamén, cómo os que varremos e os que non podemos facelo recompensamos o traballo voluntario; cómo cambiamos as escalas morais da nosa sociedade, cómo deixamos de aprezar a quen engana o veciño e louvamos a quen colabora desinteresadamente pra que todos vivamos mellor. Eis a revolución cívica que necesitamos. A de Cameron, a de Castelao.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.