Resistencia Galega segundo o ABC

Hai uns días, o xornal ABC publicou unha información (?) baixo o titulo Unha vasta rede de financiamento, avogados e adestramento blinda RG. Despois de tan rechamante título, o xornal deseñaba un organigrama de Resistencia Galega-Movemento de Liberación Nacional Galego no que aparecen mencionadas organizacións, colectivos e profesionais con actividade absolutamente legal, sinalando que estes colectivos desempeñarían diversas funcións dentro da “banda terrorista” Resistencia Galega.

En primeiro termo, non existe resolución xudicial que declare a existencia dunha banda terrorista RG

A tentación seria ignorar os delirios dunha prensa notoriamente escorada á ultradereita. Mais o contexto no que se publica a información, acabada de coñecer a acusación fiscal contra varios cidadáns galegos con elevadisimas peticións, máis o contido da mesma, chea de acusacións, obriga a pór o foco sobre algunhas  moi preocupantes conclusións que decorren do artigo de ABC, dende unha perspectiva de respecto aos dereitos colectivos e individuais.

A fonte da  información concluíndo, parecen ser as forzas de seguridade ou/e fiscalía. É función destes órganos crear opinión ou investigar e perseguir delitos?

En primeiro termo, non existe resolución xudicial que declare a existencia dunha banda terrorista RG. Por tanto, a información do xornal español non pode basearse en sentenzas xudiciais senón en informes policiais ou da Fiscalía desa anomalía xurisdicional chamada Audiencia Nacional. A fonte da  información concluíndo, parecen ser as forzas de seguridade ou/e fiscalía. É función destes órganos crear opinión ou investigar e perseguir delitos? Aínda que as actuacións xa non sexan segredas para as partes, responde á concepción dunha fiscalía respectuosa da presunción de inocencia filtrar dados dunha investigación que sinala como culpábeis de integración en banda armada (que non existe xudicialmente) persoas aínda inocentes?

Mais non só se mantén unha actitude escasamente respectuosa cos dereitos individuais dos procesados, nomeadamente da presunción de inocencia, senón que a información dispara contra un conxunto de colectivos aos que imputa unha cooperación criminal que supón unha extensión da presunción de participación en feitos criminais a innumerábeis cidadáns do noso país, pola súa mera participación nun colectivo: CEIVAR, AMI, CAUSA GALIZA, AMAL, grupos ecoloxistas, centrais sindicais nacionalistas, GALICOLA... cada unha coas súas funcións  asignadas polo xornal: captación, financiamento, presos, transmisión de consignas. Como recentemente sinalaba un dos avogados dos procesados, cada vez estamos mais preto do todo é Resistencia Galega importando a Galiza o modelo aplicado en Euskal Herria, onde toda disidencia co modelo económico e politico actual acabou sendo considerada parte de ETA.

A información dispara contra un conxunto de colectivos aos que imputa unha cooperación criminal que supón unha extensión da presunción de participación en feitos criminais a innumerábeis cidadáns do noso país

De feito, a información e os seus inspiradores criminalizan sen recato  un colectivo profesional polo mero exercicio dun dereito fundamental como é o dereito de defensa. Así, afirmase sen base fáctica algunha que avogados que asumen a defensa, “transmiten consignas”, nunha tentativa de desmotivar o efectivo dereito de defensa pola ameaza da imputación penal.

Son moitas as voces que levan denunciado o mantemento dunha situación de excepcionalidade penal no Reino de España. Dende Esculca, denunciamos os actos do Poder expresivos desta excepcionalidade punitiva: aplicación da detención incomunicada, dispersión penitenciaria de presos e presas de orixe ou vinculación galega , torturas na cadea, falta de garantías para evitar os malos tratos durante a detención....

Despois esas conclusións filtranse a un medio amigo que asume a papel de brazo mediático na creación dun inimigo

Mais a perpetuación desta excepcionalidade penal require consenso social. E nun momento en que ese consenso falla, o Poder recorre ao subterfuxio de procurar restablecelo artificialmente. Para iso, dota as forzas de seguridade do carácter de peritos (unha medida procesualmente espuria, pois os membros destas forzas carecen do saber técnico o científico requirido para tal cualificación probatoria) e reviste os seus informes da presunción de infalibilidade científica. Esta é a orixe das alambicadas e artificiosas conclusións onde, sen datos concretos nin imputacións reais, colectivos, organizacións, profesionais e cidadá/ns aparecen como cooperadores dunha organización terrorista fantasmal. Despois esas conclusións filtranse a un medio amigo que asume a papel de brazo mediático na creación dun inimigo. Todo na procura do consenso social que xustifique a dureza penal para as persoas procesadas e o amedrentamento ao activismo social, do ecoloxismo a avogados e avogadas, pasando polos grupos de montaña ou os consumidores da Galicola.

Causa Galiza, sinalada como “organización de masas” na quimérica estrutura que publica o ABC, xa anunciou a súa intención de exercer accións xudiciais contra a publicación. É de louvar a decisión pois o exercicio desas accións non só terá como efecto defender o bo nome da organización senón tamén desvelar a cercania de intereses entre medios de comunicación e Poder. E impedirá posibelmente que na próxima enxurrada con que o brazo mediático-xudicial pretenda confundir a opinión pública o obxectivo da descarga sexan medios de comunicación monolingües en galego como integrantes desa RG omnipresente. Non esquezamos á Egunkaria nin a Martxelo Otamendi.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.