E agora, a parir...

Entra na Cámara galega o “Plan para a dinamización demográfica de Galiza” para a súa tramitación de urxencia. Considera Feijóo que as familias galegas non teñen fillos/as e que cómpre encher de tinta tóxica centos de folios para despistar ao persoal e buscar algún titular de fin de semana que non sexa sobre barcos e amizades perigosas.

Nin unha referencia á crise económica, nin unha referencia a emigración xuvenil, nin un breve comentario sobre as 37.500  mozas galegas de entre 15 e 34 anos que emigraron desde que Feijóo ocupa a Presidencia do goberno galego. Só propaganda e máis propaganda sobre a necesidade de divulgar a importancia da maternidade.

A maternidade é un dereito que os gobernos deben respectar non mediante a edición de folletos senón a través da posta en funcionamento dos servizos públicos e prestacións que a permitan como tal. Cando se pecha a Galescola de Rairiz de Veiga -entre outras- ou pechan as escolas do rural, cando se cobra polos comedores escolares, se privatizan os servizos sociais, se eliminan as medidas de conciliación da lexislación laboral, se eliminan matronas e pediatras ou se pechan os COFs... de que dereito á maternidade fala a dereita?

A maternidade é un dereito que os gobernos deben respectar non mediante a edición de folletos senón a través da posta en funcionamento dos servizos públicos e prestacións que a permitan

Os plans demográficos teñen tres soportes básicos. Desenvolvemento económico e emprego, servizos públicos e prestacións e, por último, a igualdade real para as mulleres. A política de Feijóo nos últimos anos vai no sentido contrario. Cada día pecha unha empresa, o último episodio o temos con Darty -antigo San Luís-. Os servizos públicos sofren recortes que dificultan a súa viabilidade e o da igualdade o PP o ten claro, que as mulleres se igualen ao seu rol tradicional e coiden gratis no fogar de crianzas e dependentes.

Se cadra por ese motivo, o Plan de demografía publicouse no Boletín oficial do Parlamento o día 2 de abril e o PP pretendía debatelo o 5 de abril case de xeito clandestino. A Conselleira Mato debía ter tal axenda que enviou a unha directora xeral para a súa tramitación parlamentar. En fin, toda unha suma de despropósitos e mal facer dun goberno que mostra vías de auga xusto no inicio da súa travesía. Que conste que fago a metáfora náutica por ser de uso común e non pola querenza feijooniana por este tipo de embarcacións.

Abandonar unha Comisión é algo moi serio. Tomamos esa decisión por coherencia co valor que se lle debe dar ao Parlamento

Abandonar unha Comisión é algo moi serio. Tomamos esa decisión por coherencia co valor que se lle debe dar ao Parlamento, porque consideramos que un Plan de demografía debe ser un documento político real que inclúa medidas concretas e orzamentadas contra o éxodo masivo da nosa mocidade e porque o respecto as institucións comeza a ser algo revolucionario. Cada día estou máis convencida que a dereita quere devaluar as institucións como paso previo a instaurar o goberno das multinacionais. Que decidan os despachos dos conselleiros das grandes empresas sobre os nosos destinos é o anceillo neoliberal deste terceiro milenio. A vista de como lles vai a moitas delas, para mostra temos Pescanova, creo que máis que nunca defender a democracia pasa por plantarse é dicir non e reclamar o valor da Política.

Considero vital para Galiza unha estratexia  para revitalizar a demografía. Mais iso non pasa por animar as mulleres a parir desde organizacións ultrarrelixiosas como a Red Madre

Eu considero vital para Galiza unha estratexia económica, social e política para revitalizar a demografía. Mais iso non pasa por animar as mulleres a parir desde organizacións ultrarelixiosas como a Red Madre. Seguro que as mozas que serven copas en Londres despois de ter rematado o seu doutorado plantexarían doutro xeito o seu proxecto vital de ter a posibilidade de ter unha carreira investigadora no seu país. Tamén as miles de mulleres que despediu o téxtil deslocalizado poderían tomar outras decisións sobre o número de fillos que desexan ter ou as labregas, que non teñen ningún servizo público cercano e que agora pagaran pola comida dos seus fillos e fillas nos comedores escolares, lle darían unha boa clase a Feijóo de que vai iso de parir e criar.

Magoa que un dos debates máis importantes nesta nación ao borde da extinción dependa dos intereses mediáticos das amizades perigosas dun Presidente ao que os asuntos de familia comezan a romperlle as súas aspiracións. Unha vez máis seguimos nisto da Política como espectáculo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.