Alberto Núñez Feijoo

As fotos do Sr. Núñez Feijoo, en contra do que di o PP, teñen moita importancia, pois se un Presidente como Nixon aparecera fotografado en diversas vacacións e viaxes con Al Capone, aínda que fora 18 anos antes, a sociedade americana esixiríalle a dimisión inmediata, simplemente por ética e dignidade. Marcial Dorado era un dos Al Capones galegos, e aínda que non fora condenado por narcotráfico, -agora está na cárcere por ese motivo-, xa fora detido e imputado en distintos anos por contrabandista, antes das fotos. E o peor, e que o Sr. Núñez Feijoo chegou a Xunta como Presidente por un deputado máis, despois de esixirlle, nunha campaña electoral moi sucia, a un dos seus adversarios, a dimisión, simplemente por unhas fotos sacadas cinco anos antes cun empresario que nunca tivo problemas coa xustiza, e cando el tiña xa constancia da existencia das súas fotos con Dorado, hai que ter cinismo! 

A dimisión do Sr. Núñez Feijoo non só se tiña que producir por este escándalo, que xa é dabondo, senón pola súa traxectoria
o fronte da Xunta de Galicia e do PP galego

De todas as maneiras a dimisión do Sr. Núñez Feijoo non só se tiña que producir por este escándalo, que xa é dabondo, senón pola súa traxectoria o fronte da Xunta de Galicia e do PP galego. Durante o seu mandato, o paro e a falta de actividade marcan límites históricos, e si o desemprego non é maior, é pola enorme emigración que se está a producir, sobre todo de xente preparada. A falla de ideas e iniciativas para promocionar o sector primario, o naval, o eólico, a pesca, o turismo, a cultura galega, etc, foi e é unha constante, e desta forma a maior parte das empresas están en apuros ou pechan, a Fábrica de Armas, Pescanova, Navantia, Alimentos Lacteos, empresas eólicas e multitude de empresas pequenas son un exemplo ilustrativo. Non é estraño, con este proceder, que o descenso da demografía e o despoboamento do rural sexan alarmantes.

Durante o seu Goberno deixamos de ter influencia no sector financeiro: Caixanova e Caixa Galicia, Banco Pastor, Banco Gallego, Banco Etcheverria, pasaron a depender do FROB ou doutros bancos foráneos

Durante o seu Goberno deixamos de ter influencia no sector financeiro: Caixanova e Caixa Galicia, Banco Pastor, Banco Gallego, Banco Etcheverria, pasaron a depender do FROB ou doutros bancos foráneos, isto trae como consecuencia que ó perder poder económico, Galicia perde poder político, imprescindible para poder amañar moitos problemas.

Estando á fronte da Xunta non reclamou ningunha nova transferencia, ao revés, perdeuse autonomía política

Estando á fronte da Xunta non reclamou ningunha nova transferencia, ao revés, perdeuse autonomía política. Realmente actuou como un Delegado do Goberno, iso si, preocupouse especialmente polos actos e tertulias madrileñas buscando proxección, que si a conseguiu, o que lle permitiu, xunto co enorme apoio dos poderes fácticos e falla de contundencia da oposición, gañar as últimas eleccións.

Tampouco foi capaz de reducir a corrupción no PP. Os casos da Deputación de Ourense ou o Concello de Santiago son exemplos claros disto, tamén o é, que en tódolos procesos galegos de corrupción: Pokemón, Campeón, Muralla, Arena, Manga, etc , existan membros deste partido implicados.

En resumen, neste período de tempo que estivo o fronte da Xunta, demostrou ser o peor Presidente galego, polo que canto antes dimita moito mellor para o noso país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.