Leccións desde Cuba?

Nun estudo publicado recentemente no British Medical Journal conclúese que a fonda crise económica que sufriu Cuba nos anos noventa traduciuse indirectamente nun descenso moi significativo da mortalidade por doenzas coronarias e por diabete. As razóns disto teñen a ver cunha perda de peso moderada da poboación (5,5 Kg. de media) e cun un aumento do exercicio físico moderado, produto respectivamente da diminución da inxestión calórica e da escaseza de combustíbel para o transporte.

A fonda crise económica que sufriu Cuba nos anos noventa traduciuse indirectamente nun descenso moi significativo da mortalidade por doenzas coronarias e por diabete. As razóns disto teñen a ver cunha perda de peso moderada da poboación e cun un aumento do exercicio físico moderado

O que me resultou sorprendente, unha sorpresa agradábel, é ter coñecido este estudo nun xornal como El País, habitualmente hostil mesmo até o ridículo perante calquera información sobre Cuba. E ademais cun titular na súa edición dixital que, se cadra sen querelo, apunta ao cerne dunha cuestión importante: ”La lección de la crisis cubana para rebajar la mortalidad”. Obviamente a lección da que fala, e á que apunta o estudio, non é que debamos ver algo positivo na crise e na penuria, ou que haxa algo de desexábel nunha diminución forzosa do alimento e da enerxía dispoñíbel para o transporte. Non hai nada exemplar nisto, para dicilo sinxelamente. A lección aquí é que o caso da crise cubana dos noventa é un exemplo case ideal, de laboratorio por así dicilo. Éo porque permitiu un estudo con dados completos nun período de tempo moi longo, cunha crise moi fonda que produciu a devandita escaseza en moi pouco tempo, e –isto será importante- sobre unha poboación homoxénea en termos de saúde, é dicir, sen grandes desigualdades socioeconómicas nin no acceso aos coidados de saúde. Nestas circunstancias é posíbel estabelecer unha relación directa entre as condicións citadas e un descenso na mortalidade por doenzas cardiovasculares e diabete, por máis que non sexa posíbel dicir se é máis importante a menor inxestión de calorías, a perda de peso ou ou aumento do exercicio. Así, a lección da crise cubana para a redución da mortalidade, segundo este estudo, non é nada sobre as crises económicas, senón sobre o feito de que as políticas de prevención deste tipo de doenzas haberían de ser dirixidas ao conxunto da poboación e que efectivamente o peso e o exercicio teñen unha grande importancia, por máis que no caso cubano viñesen dadas por circunstancias non queridas e, no seu conxunto, indesexábeis.

Segndo The Lancet, a crise financeira e a austeridade están a constituír unha forte ameaza á saúde pública en Europa, que xa se está comezando a sentir especialmente en países como España, Grecia e Portugal

Pero a crise dos noventa en Cuba agocha outras leccións útiles para a saúde pública, e para a xestión das crises económicas no que atinxe á saúde das poboacións. Este tipo de leccións son tanto máis importantes na decorrente crise económica que sofremos, un de cuxos efectos está a ser o deterioro da saúde da poboación. Isto púñase de manifesto nun artigo publicado hai pouco noutra prestixiosa revista médica, The Lancet, no que se concluía que a crise financeira e a austeridade estaban a constituír unha forte ameaza á saúde pública en Europa, que xa se estaba comezando a sentir especialmente en países como España, Grecia e Portugal, como tamén advertira hai un tempo –mesmo coa seu habitual conformismo político– a OMS. E isto todo sen ter en conta dúas cousas. En primeiro lugar, que as principais consecuencias das políticas actuais de recortes, exclusión e privatización no eido sanitario non se percibirán en toda a súa amplitude máis que no medio prazo. En segundo lugar, que o principal factor que afecta á saúde das poboacións nos países desenvolvidos non é tanto –sorprendentemente, pero a evidencia empírica é abafante- o  acceso ou a extensión dos servizos de saúde, como a desigualdade socioeconómica. Como é sabido, a desigualdade socioeconómica tense disparado no Reino de España, sendo hoxe o segundo Estado con máis desigualdade na Unión Europea, só por detrás de Lituania.

A lección da crise cubana dos anos noventa amosa que non é inelutábel que unha crise económica, nin mesmo que sexa de grande fondura, necesariamente ten que levar a un deterioro da saúde grave, e ao incremento da desigualdade en saúde

A lección da crise cubana dos anos noventa amosa que non é inelutábel que unha crise económica, nin mesmo que sexa de grande fondura, necesariamente ten que levar a un deterioro da saúde grave, e ao incremento da desigualdade en saúde. En definitiva, que hai outras políticas de saúde posíbeis en situacións de crise, e mesmo nunha situación de emerxencia, unha vez que se establecen cales son as prioridades.

É xeralmente aceptado que réxime revolucionario cubano prestou desde o inicio unha atención destacada á saúde pública, con salientábeis resultados na comparativa dos países do seu entorno. Sen embargo, o afundimento da Unión Soviética co que Cuba mantiña unhas relacións económicas privilexiadas que lle permitían compensar o bloqueo norteamericano, provocou nos anos noventa un desastre económico de proporcións enormes, o que o goberno cubano denominou “período especial”. Entre 1989 e 1993 reduciuse o comercio exterior case un 80% e o PIB caeu un 34%. Paralelamente o bloqueo norteamericano que xa se viña producindo durante tres décadas incrementouse coas leis Torricelli e Helms-Burton. O que isto supuxo para os programas de saúde é imaxinábel. Así, a falta de divisas reduciu a un terzo a importación de medicinas ao tempo que a industria farmacéutica local deteriorouse por carencia de materias primas. Os efectos do bloqueo, que incrementaron as presións ás multinacionais farmacéuticas para que non comerciaran con Cuba supuxeron tamén un aumento dos prezos, de xeito que en 1994 Cuba pagou 5,2 millóns de dólares por transporte de medicinas desde países de Europa ou Asia, que só terían custado 1,4 millóns caso de se poderen transportar desde Estados Unidos. É unha anécdota, pero significativa, que tamén se interrompeu o subministro de libros  de texto de medicina desde España: a editora que os publicaba foi adquirida pola norteamericana McGraw Hill, que baixo as leis de embargo non deu cumprido o contrato. A situación económica non comezou a reverter senón no ano 1994, pero o tamaño da economía era só o 65% respecto a 1989 e as importacións reducíranse daquela á cuarta parte.

A falta de divisas reduciu a un terzo a importación de medicinas ao tempo que a industria farmacéutica local deteriorouse por carencia de materias primas

En termos dos resultados de saúde, todo este proceso significou un empeoramento das condicións. Xa non só polas carencias provocadas no sistema de saúde, senón polo deterioro xa salientado das condicións nutricionais, así como o rexurdimento de doenzas tales como a tuberculose ou a diarrea. Paga a pena considerar a cuestión nutricional. A inxestión de calorías reduciuse un 40% de 1989 a 1993 e malia que as políticas nutricionais tentaron protexer aos cativos, anciáns e embarazadas, a porcentaxe de nados con baixo peso subiu do 7,3% en 1989 ao 9% en 1993, despois dos dez anos anteriores de mellora do indicador. O nivel nutricional só se deu recuperado en 2001, mentres que o nivel de redución de nados con baixo peso recuperouse xa algo antes, en 1998.

Con todo, e fronte ao que adoita ocorrer en situacións de crise económica, o axuste estrutural levado a efecto neses anos non puxo en causa o carácter público, gratuíto e universal da atención sanitaria. Un salientábel estudo de campo conducido por Nayeri e López Pardo, publicado en 2005 no International Journal of Health Services, amosou que a pesares da evidente escaseza en servizos e atención deica a recuperación de 1995, non se produciron en cambio graves problemas de desatención sanitaria nin –o que é tan importante- un acceso desigual á mesma (mesmo que se introduciran reformas favorábeis ao mercado e a oferta de tratamentos médicos a turistas como forma de ingreso de divisas). Víronse, si, afectadas a atención secundaria e terciaria debido á falla de provisións e tecnoloxía médica, pero iso non sucedeu no caso da atención primaria.

O feito de contar cun sistema forte de asistencia sanitaria universal que non foi posto en causa durante a crise, xunto cunha aposta pola mellora da atención primaria e a participación comunitaria, mitigaron os efectos sanitarios da crise e mesmo, sorprendentemente, permitiron mellorar algúns indicadores básicos

Certamente a crise tivo consecuencias na saúde pública. Mais o feito de contar cun sistema forte de asistencia sanitaria universal que non foi posto en causa durante a crise, xunto cunha aposta pola mellora da atención primaria e a participación comunitaria, mitigaron os efectos sanitarios da crise e mesmo, sorprendentemente, permitiron mellorar algúns indicadores básicos. Así, por exemplo, a mortalidade infantil que en 1990 era de 10,7 por cada 1.000 nados vivos, reduciuse en 1995 –durante o peor momento da crise- a 9,4 (e mesmo a 6,5 en 2001).

O contraste pode vir mesmo polo que neses anos ocorría nos países resultantes da caída da Unión Soviética: una catástrofe sanitaria da man primeiro do colapso da economía e despois polo deterioro das institucións sanitarias, as privatizacións salvaxes, o desmantelamento dos servizos públicos, o aumento da desigualdade e o deterioro das condicións de vida. O tránsito a unha economía capitalista incrementou en Rusia de forma masiva a porcentaxe de poboación vivindo en condicións de pobreza (a liberalización de prezos de 1992-1993 supuxo un descenso do 40% dos ingresos reais da poboación). Con isto, os resultados en termos de saúde medidos polos principais indicadores, reflectiron un empeoramento con poucos precedentes en tempos de paz. A esperanza de vida para os homes caeu desde 63,8 anos en 1990 a 57,6 en 1994 e aínda que se recuperou en 1998 (61,4), volveu caer a 58,5 en 2001.

Non están os tempos para –como adoita denunciar Boaventura de Sousa Santos- desperdiciar experiencias

O contraste ben serve para resaltar a outra lección da crise cubana, isto é, que é posíbel manter a protección da saúde en niveis razoábeis mesmo nos peores escenarios de crise. Chegados a este punto, porén, son ben consciente que é case unha temeridade analisar o caso de Cuba para tentar tirar algunha lección del. É case imposíbel falar de Cuba razoabelmente por cima de todos os preconceptos, ou avaliar un aspecto concreto sen ter que pasar polo fastío do xuízo sumario sobre o seu sistema político-social só a partir do cal moitos formarán o seu criterio sobre o escrito.  Éo tamén, no tema que nos ocupa, pola incorporación que nesta experiencia de saúde pública se fai dos elementos máis salientábeis da tradición latinoamericana de medicina social. E xa se sabe que é unha tradición que por considerarse periférica e subdesenvolvida é invisíbel ou doada e fachendosamente desbotada desde o centro. Mais creo, é o que me anima a escribir isto, que non están os tempos para –como adoita denunciar Boaventura de Sousa Santos- desperdiciar experiencias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.