As nove décadas de J. L.

Este artigo foi publicado no extinto xornal en galego Galicia Hoxe en febreiro de 2007. Unha versión anterior apareceu nun libro de homenaxe a José Luis Sampedro polo seu 90 aniversario. O autor quere rescatalo hoxe en lembranza a quen foi o seu mestre e amigo e mente lúcida contra os estragos do capitalismo neoliberal.

 

Sí, escribin J. L., non T. L. -inanque ben podía ser tamén. Veredes por qué. Cando un egrexio nonaxenario, paisano noso, publicou a sua autobiografía -máis ben ca memorias, dicía il -estruturouna por decenios e titulouna As décadas de T.L. Fíxoo con toda a intención. O noso egrexio paisano do caso foi Lois Tobío, un dos máis excelsos cerebros e corazóns supervivintes da xeración nacionalista republicán martirizada por Atila no trinta e seis, alma do proxecto de Estatuto do S.E.G. no trinta e un, xurista e diplomático de carreira, e autor dunha fermosísima tradución galega do Fausto, elaborada paseniñamente ao longo de moitas desas suas décadas de vida, que editou Laiovento pesia que o departamento correspondente da Xunta fraguiana non lle concedera subvención, seica por considerar o asunto carente do interés cultural necesario para a concesión desa dádiva. Non vos minto, non. Pois ben, ao rotular a sua propria biografia estruturada por decenios, como dixen, o Lois Tobío invertíu intencionadamente a orde das suas iniciais para suscitar o equívoco evocador, coma homenaxe tácita, do clásico latino de Tito Livio.

Lembreime deste xogo do fino e culto humor peculiar do noso Lois Tobío no intre de encetar eu a escrita desta miña sinxela homenaxe a outro amigo egrexio e entrañabel que, cando isto se publique, terá cumplido noventa anos o primeiro de febreiro: José Luis Sampedro

Lembreime deste xogo do fino e culto humor peculiar do noso Lois Tobío no intre de encetar eu a escrita desta miña sinxela homenaxe a outro amigo egrexio e entrañabel que, cando isto se publique, terá cumplido noventa anos o primeiro de febreiro: José Luis Sampedro. Pos dil se trata, a il corresponden as iniciais que figuran no cabezal deste escrito. Nove decenios de existencia que seguramente tamén se poderían periodizar en décadas, entendidas como unidades de tempo histórico deslindadas por crebas ou lañas siñificativas na dimensión social ou persoal da peripecia existencial que lles val de fío condutor.

Hai cousa dun par de meses, dous dos discípulos de José Luis Sampedro máis atentos a agarimalo coa cortesía do corazón, andaluces os dous, os profesores Antonio Rallo e Joaquín Guzmán, fixéronme partícipe da iniciativa de confeccionar un caderno de felicitación a José Luis “pola sua entrada -dicían iles con humor afábel- no restrinxido clube dos nonaxenarios”. O caderno contería un feixe de cartas dun fato de amigos escritores, compañeiros académicos, e discípulos activos na docencia universitaria e no ronsel da sua progresista e heterodoxa conceición da análise estrutural das formacións económicas no eido das ciencias sociais. Coa complicidade da sua compañeira Olga, José Luis recibiría por solpresa ese caderno o día do seu cumpleanos. Agora que esa data pasou xa, a solpresa xa lle foi dada, e portanto non hai reserva nen segredo que gardar por máis tempo, quero dar ao prelo a miña cativa contribución á homenaxe de respeito e agarimo a José Luis Sampedro, para compartila cos moitos leitores de Galicia Hoxe que, con seguranza, len, escoitan e estiman a ese home inxel, diáfano, decote mozo de esprito e xenerosamente solidário cos seres humáns que il segue a ser ao cabo das suas nove décadas de existencia fecunda e apaixoada. Veleiquí, pois, no meu idioma, as palabras que, no seu, lle dirixin na privacidade dese caderno reservado de primeiras para il só.

* * * * *


       Aguiar, 28 de Nadal,
       día dos Santos Inocentes,
       2006.
Benquerido José Luis,

Na natureza non existe o tempo, senón somentes o movemento, a mutación, a metamorfose. De maneira que se o tempo é unha invención -no senso de Bach- humá, ergo, a mente humana ben pode darlle a volta

   reanudo hoxe o diálogo por carta contigo, materialmente interrumpido hai algún tempo. Digo materialmente, en soporte de papel, poisque mental e afectivamente non se interrumpíu nunca: continuou cunha frecuencia que cecais non imaxinas durante este tempo último no que non nos cruzamos cartas. Parolei contigo a traveso dos teus textos e dos teus libros, os recentes e máis os de antes, os que andiven a relér ao chou, segundo me viñan de sócato ás mentes. Tamén de fotos contigo, que me axexan dende os andeis da miña libraría cada vez que me achego a apañar algún volume no recanto onde están as tuas obras -éche unha vella manía miña, se cadra larvadamente fetichista, ou totémica, ésta de pórlle una pantalla de facianas amigas á miña biblioteca. Como aquelas no pazo das Torres da Lama e na ponta de Bares, comarca de Ortegal: acompañárate eu a unha insólita universidade popular de vran, con xente moi nova e debecente de escoitarte, e fascinárante aquelas terras,  nas que  máis  logo  situarías  o desenlace dunha das tuas novelas ou romances -“Real sitio”, non si?. Millor dito: o desenlace e máis tamén o “caso do laranxeiro impúdico”, inanque “transplantado” por ti a Aranjuez -por certo que nunca che eu perguntei se aturara ben a mudanza de clima e de solo nutricio. Xa ti ves: os “círculos do tempo” enlazan lugares e culturas distantes no espazo, e non só idades diferentes e, polo que semella, irrepetíbeis das persoas e os povos. Escribes -consulto o libro, no che é portento de memoria que non posúo- escribes, digo, que “ao tempo non se lle dá a volta coma ao mundo”. Non che estou tan certo. Coido que se foses galego -algo diso tés, seino- non o dirías tan rotundamente. E índa sen sérelo -inanque repito, algo diso tés, xa o sei-  coñézote abondo para intuir que tampouco ti estás tan seguro de que ao tempo non se lle dá a volta. Porque, se non, non escribirías a tua triloxía. Millor dito: non terías podido escribila. E menos aínda sen consciencia de estares a facelo, até cáseque o final, “coa vital aceitación do ocaso”, tal coma o dis ti mesmo. Porque, ao facérelo, décheslle a volta ao tempo -só que doutro xeito distinto do cronolóxico. E o cronolóxico só existe nos reloxos. O tempo, ben o sabes ti mellor ca min, é unha invención humá. Na natureza non existe o tempo, senón somentes o movemento, a mutación, a metamorfose. De maneira que se o tempo é unha invención -no senso de Bach- humá, ergo, a mente humana ben pode darlle a volta. Ao cabo, en rigor, ¿non é iso a  “vita  nuova”  do Dante?, ¿ou “la nuova gioventú” de Passolini? -por certo, escrita  orixinalmente  en  friulano,  mira  ti.  Vouche facer  unha pequena confidencia -coido que nunca antes cho contara. Sabes que, nun intre dado, atravesei unha longa e profunda crise que andou a piques de acabar conmigo. Foron, polo cronos, varios anos que pasei fóra da realidade e do tempo. A miña nai contárame, máis tarde, que durante a miña crise eu tiña a absurda pretensión obsesiva de voltar atrás no tempo para volver empezar a vivir doutro xeito. Pois ben: unha vez que sobrevivín, volvín nacer. Por iso sempre me digo que eu nacin duas veces, a segunda en plena corentena conforme á miña idade cronolóxica. Porque volvin empezar a vivir -doutro xeito. ¿Poderásme crér?: renacin nun estado vivencial de inocencia -e de íntima liberdade plena.

Falaches longamente ti sobor de todo. Eu apenas dicía res porque estaba fascinado escoitándote. Foi unha delicia. Ou máis ben: foi o disfroite dunha deliciosa aprendizaxe

O que veño de parolar contigo devólveme vivencialmente a unha noite do 1987 en Madrid. Celebrábanse as xornadas de homenaxe pola tua xubilación -só administrativa- orgaizadas por Rafael. Ese día tocárame a min falar encol da tua obra científica. Ao rematar, fóramos cear todos a un restorán detrás das Cortes. Chegados aos postres, propuxéchesme, nun aparte, írmonos pasear os dous despois da cea polo Madrid dos Austrias -o teu Madrid preferido. E así o fixemos, deica ben entrada a madrugada. Latricamos longamente. Millor direi: nesa ocasión, falaches longamente ti sobor de todo. Eu apenas dicía res porque estaba fascinado escoitándote. Foi unha delicia. Ou máis ben: foi o disfroite dunha deliciosa aprendizaxe. Porque, aínda que non me lembro de todo nen moito menos, faláchesme demorada e asosegadamente do descobremento que estabas en trance de facer: a vellez. E dicíasme que, fronte ao tópico comunmente esparexido, a vellez resultaba ser unha etapa maravillosa da vida,  se ún chegaba a ela en condicións vitais aceitábeis. Hai xa cáseque vinte anos disto. A tua conversa de aquela noite voltou insistentemente á miña memoria hai poucos meses, cando fun eu quen se atopou situado na soleira do corredor polo que ti comezabas a transitar daquela. A xulgar por todo o que ti levas sido, levas feito, levas vivido, levas criado e levas amado nese tempo, coido que tamén ti volviches nacer daquela, volviches empezar a vivir doutro xeito - a tua singular “vita nuova”, a tua peculiar “nuova gioventú”.

Quero dicirche o moito que che debo simplesmente por seres como es e ter eu o privilexio de terte coñecido, adeprendido de ti e convirtido en amigo teu, compartir unha amizade que segue a arrequecerme sempre

Agora -non teño remedio, posto a divagar esquecía dicircho- agora que Rallo e Guzmán me advertiron de que vas culminar os teus nove primeiros decenios -segundo o cronos- de vida, as tuas xenuinas nove décadas de J. (non T.) L., e que o seu aviso tivo a virtude de suscitar a reanudación da miña correspondencia contigo sobre papel, quero dicirche o moito que che debo simplesmente por seres como es e ter eu o privilexio de terte coñecido, adeprendido de ti e convirtido en amigo teu, compartir unha amizade que segue a arrequecerme sempre. Mais, sobor de todo, quero dicirche o moito que te quero e quero seguir a quererte ao longo dese tempo que non se mide nos reloxos senón  nas vivencias que nos fan sermos humanos.

Brindo con mencía da Ribeira Sacra por Olga e por ti. Unha moi fonda aperta fraternal, “irmandiña”, para volos dous.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.