Como ser muller e non morrer no intento

Para as mulleres que nos formamos nos noventa non hai pau máis grande que o dirixismo co que pretende controlar o destino das nosas vidas o Partido Popular con Ruiz Gallardón á cabeza. Mulleres que traballamos como homes, coa inxusta particularidade, en moitos casos, de non ter abandonado un papel tradicional no que o coidado da casa e a familia corren, en grande medida, ao noso cargo. E agora, por se fose pouco, quérennos quitar o dereito a abortar libremente. O dereito á vida, di o Ministro de Inxustiza. O dereito á miña vida, digo eu.

Para as mulleres que nos formamos nos noventa non hai pau máis grande que o dirixismo co que pretende controlar o destino das nosas vidas o Partido Popular con Ruiz Gallardón á cabeza

Eliminar a Lei de Prazos aprobada polo goberno anterior co apoio dunha ecléctica maioría parlamentaria, e elaborar unha lei aínda peor que a que había antes desta baixo a maioría absolutista, sume a nosa liberdade xa non só como mulleres, senón como seres humanos, nunha escura miseria vital inaceptable, ao tempo que sobrepasa a delgada liña vermella máis alá da cal non hai democracia. E só existe un lugar dende o que se poida facer algo así: a hipocresía.

Cando os conservadores defenden o papel tradicional da muller, fano pensando nas clases traballadoras (a plebe), pero xamais na aristocracia económica (de dubidosa orixe, por certo) á que eles pertencen na súa maioría. As fillas das elites dirixentes realizarán estudos superiores, terán acceso a bos traballos con excelente remuneración salarial e parirán fillos, moitos fillos, pero tamén contarán con recursos económicos dabondo para contratar persoas que se ocupen dilixentemente da súa prole. E, se algún día precisan abortar, non dubidarán en facelo, nas mellores clínicas e cos mellores profesionais. Iso si, todo en segredo, que logo os bispos e o rei disgústanse.

Sabemos que por moi prohibidos que estean, os abortos seguirán realizándose en moitos casos. Pero as condicións en que teñan lugar as intervencións dependerán do nivel económico de cada muller

Eis aquí onde radica a hipocresía do modelo social que intentan implantar. Porque sabemos que por moi prohibidos que estean, os abortos seguirán realizándose en moitos casos. Pero as condicións en que teñan lugar as intervencións dependerán do nivel económico de cada muller.

O coidado abnegado da casa, dos fillos, da familia… están pensados para estratos sociais que non poidan permitirse outras alternativas. É a dobre vara de medir: para as pobres unha cousa e para as ricas, outra. Que nas civilizacións da Idade Antiga existisen cidadáns (habitantes con dereitos) e non cidadáns (habitantes sen dereitos: mulleres, escravos e estraxeiros), aínda podía coar, pero, francamente, na actualidade xa non. A nosa formación –e varios séculos de loita– abócanme a tratar de conservar a miña condición de cidadá.

Decidir libremente sobre o noso corpo e estar protexidas legal e clinicamente perante a decisión que tomemos é un dereito fundamental que debe estar non só garantido pola lei, senón defendido sempre por quen nos goberna

Decidir libremente sobre o noso corpo e estar protexidas legal e clinicamente perante a decisión que tomemos é un dereito fundamental que debe estar non só garantido pola lei, senón defendido sempre por quen nos goberna. O contrario é tratar de enmascarar unha realidade que existe, que está aí para ser compredida e regulada, nunca perseguida e estigmatizada.

Que non nos veñan co conto da Igrexa e do ultracatolicismo, que tamén axudan, pois como lobby antiabortista funcionan moi ben. A realidade é moito máis complexa e dirixida do que podemos imaxinar: técese un novo mundo a respeito do que xa coñeciamos onde ser muller será máis doloroso e difícil. As políticas neoliberais deste goberno alónxanse dramáticamente do interese xeral e son antidemocráticas por iren contra as regras básicas da convivencia social. Éncheselles a boca coas verbas “liberdade individual” pero logo non a respectan.

Éncheselles a boca coas verbas “liberdade individual” pero logo non a respectan

O tema do aborto sempre se trata como un problema dunha minoría cando ninguén poder negar que vive rodeado de mulleres. Sería interesante que máis xente erguera a voz por un dereito tan básico como humano. Eu, como retruca Carmen Maura na película de 1991, tamén lle diría: Pénsao ben, consúltao coa túa muller e logo me dis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.