25 de abril, e agora que?

Cando se creou, o mundo foi mal repartido,
a uns tocoulles a sede e a outros o viño
Ataque Escampe "Vista Alegre Social Club".

Existe unha perda acelerada, por non dicir case que irreversible, de soberanía política dos que se din os nosos representantes público

Na película O candidato (1972), un moi "Kennediano" Robert Redford nunha magnífica secuencia, inquire ao seu asesor de imaxe, unha vez rematada a campaña electoral na cal resultou electo contra prognóstico, coa seguinte pregunta: “e agora que?”.

Esta mesma cuestión, non deixa de ser algo de obrigada resposta para a esquerda galega (tamén por extensión para a esquerda europea) neste 2013, non tanto polas datas que convidan á reflexión e á recapitulación coma pola situación de extrema urxencia que a cidadanía  está a sufrir.

Neste marco adverso, pode a esquerda actuar como unha opción reformista, manter a equidistancia e mudar as condicións dende dentro do sistema?

Os síntomas e os signos do que está a acontecer non convidan precisamente ao optimismo na saúde do noso ser colectivo. Existe unha perda acelerada, por non dicir case que irreversible, de soberanía política dos que se din os nosos representantes públicos e unha folla de ruta condicionada por aqueles que nunca pasas polas urnas. A partitocracia na súa versión degradada do bipartidismo, como deformación sistemática da democracia, actúa nestes tempos como correa de transmisión dunha autocracia financeira. Somos avalistas cos nosos dereitos e os nosos cartos dun sistema económico que fai augas e que non fai explícito que o seu tratamento para perpetuarse pasa polo sacrificio de varias xeracións. Neste contexto asistimos, cunha mestura de indignación e medo, á perda acelerada das nosas conquistas socio-laborais e identitarias que están a configurar o que moitos xa chamamos “maioría social agredida” e que algúns darwinistas do neoliberalismo confunden “coas pólas secas que a treboada da crise ten que tronzar”.

Nesta dialéctica co pensamento único, polo tanto, a síntese ten que chegar, se a esquerda é capaz de manter no social e no identitario unha posición de ruptura

Neste marco adverso, pode a esquerda actuar como unha opción reformista, manter a equidistancia e mudar as condicións dende dentro do sistema? Permite o sistema posicións asentadas na socialdemocracia e no keynesianismo? Eu coido que se somos honestos podemos chegar á conclusión de que a resposta é negativa para estas dúas preguntas. Non é que esa non sexa unha opción propositiva lexítima, é simplemente, que na folla de ruta daqueles que marcan os tempos, ese matiz ou posicionamento non ten acubillo. Nesta dialéctica co pensamento único, polo tanto, a síntese ten que chegar, se a esquerda é capaz de manter no social e no identitario unha posición de ruptura. Debemos traccionar o eixo do debate nun momento no que, o movemento das placas tectónicas ideolóxicas do permitido ameaza incluso a posicións socio-liberais afastadas da socialdemocracia clásica. Ninguén pode garantir que a saída da crise busque espazos sociais máis cálidos. A saída autoritaria está enriba da mesa, os camiños de máis dereita, tecnócratas e recentralización semellan o prato do día.

A posición de ruptura non debe substanciarse nunha emenda á totalidade. Iso sería minusvalorar  a complexidade da inxustiza que nos agride e as formas que esta ten adoptado para perpetuarse e reproducirse

A posición de ruptura non debe substanciarse nunha emenda á totalidade. Iso sería minusvalorar  a complexidade da inxustiza que nos agride e as formas que esta ten adoptado para perpetuarse e reproducirse. Unha emenda á totalidade significaría tratar cun berro a excelente diagnose que se ten feito da enfermidade e as súas causas. A viaxe cara modelos máis cálidos, que aínda non están escritos pero que non deben basearse en tabulas rasas, debe facerse dende a esquerda cun programa rupturista de mínimos coa complicidade da maioría social agredida, que debe actuar como motor, convencida desta necesidade.

Debe facerse dende a esquerda cun programa rupturista de mínimos coa complicidade da maioría social agredida, que debe actuar como motor, convencida desta necesidade

De sobra é coñecida a importancia da linguaxe e a comunicación en asentar e perpetuar o pensamento único. Os media como segundo poder e continuidade do poder económico, atópanse nun período de adaptación e de metamorfose. Non son inmunes á inestabilidade do sector financeiro e de  aqueles que o sustentan. Tampouco ao troco na cultura da comunicación coa emerxencia das novas tecnoloxías, a democratización na xeración e difusión da información e á crise do papel. A estratexia da sobreinformación para desinformar perde peso. Existe un troco nos tratantes da información. O cidadán xa non é en moitos casos un mero receptor. Actúa activamente na creación de opinión e na difusión das novas que lle interesan, desbroza a mensaxe que recibe, peneira o ruído de fondo, incide na comunidade con vencellos nas redes sociais.

Onde antes se empregaba a sobreinformación agora impera o apagón informativo co risco de que iso incida na percepción de perda de pluralidade. En Galiza sabémolo ben

Diante dese troco no campo de xogo, o sistema adáptase, diversifícase e desenvolve novas estratexias. Onde antes se empregaba a sobreinformación agora impera o apagón informativo co risco de que iso incida na percepción de perda de pluralidade. En Galiza sabémolo ben. A irrupción do grupo parlamentario da coalición AGE no Parlamento Galego levantou moitas expectativas. O silenciamento  das súas iniciativas ou a súa trivialización  dende entón non é inocente, agás excepcións. O vencello do poder político galego actual a esta estratexia tampouco. A pesar diso, resulta evidente o avance social en apoios desta proposta política. A maioría social agredida comeza a operar fóra das fontes de creación de opinión habituais. Todo está en cuestión.

Falan de austeridade cando eliminan dereitos sociais ou identitarios, de liberdade cando queren xustificar as agresión aos máis

Por outra banda, a linguaxe que se emprega resulta, tanto como por algunhas canles de información coma polos responsables políticos que exercen de mandados dos mandados, terriblemente perversa. Non existía até agora na mesma unha confrontación directa cos agredidos e abúsase da linguaxe positiva para anunciar sistematicamente medidas que van en contra  da cidadanía. A realidade descríbena esgotando o oxímoron no seu subconsciente sen pudor. Falan de austeridade cando eliminan dereitos sociais ou identitarios, de liberdade cando queren xustificar as agresión aos máis, de igualdade para amparar situacións de desigualdades ou de medidas de mellora na xestión cando falan de limitar servizos públicos.

A dureza e a violencia da realidade, que golpea acotío nas nosas vidas co seu recorte sistemático de dereitos é un antídoto que por elevación racha coa creación interesada de estados de opinión. Contextualiza a desesperación.  A decodificación que algúns segmentos da cidadanía conseguen facer do que se pretende emitir polo pensamento único, a outra pata da mesa que diminúe a capacidade de influencia da mensaxe que se pretende inserir. Diante desta incapacidade, os responsables políticos das medidas que estamos a sufrir están a optar pola axitación practicando estoupidos controlados. Se non podemos amparar o que está a acontecer, marquemos canto menos a folla de ruta, semellan dicir. Nese senso, dentro da crise sistémica, o proceso constituínte que estamos a vivir no estado español corre o risco de xogarse, como na mal chamada transición, coas cartas marcadas. Transversalidade na transmisión do deterioro ético no público, corrupción xeneralizada, financiamento irregular dos grandes partidos, centralismo casposo, desemprego, recortes nos servizos, empobrecemento da maioría social e anacronismo da monarquía semellan argumentos xustificativos suficientes para unha muda radical que fixe outras formas de goberno respectuosas coas demandas identitarias e sociais. Tamén, e non nos levemos a engano, resulta un bo caldo de cultivo, para aqueles que están instalados en gobernos de salvación, tecnócratas ao por maior ou dictablandas avaladas polos mercados financeiros.

Algúns semellan sabelo ben. Hai que pasar da defensa positiva a un ataque vitimizado. Os agresores xogan coas verbas para intentar ser “agresores vitimizados”

Algúns semellan sabelo ben. Hai que pasar da defensa positiva a un ataque vitimizado. Os agresores, aqueles que coas súas decisións por acción ou omisión están a amparar desafiuzamentos (apoiando unha lei hipotecaria inxusta), preferentes (apoiando  un fraude bancario) ou recortes socio-laborais (vía Real Decreto) xogan coas verbas para intentar ser “agresores vitimizados”. Tanto ten que o presidente do Tribunal Supremo entenda os escraches (esas mobilizacións pacíficas nos contornos persoais dos que lexislan) como algo que entra dentro da liberdade de expresión se non existe violencia. Para Cospedal, a secretaria xeral do PP, esa xente é coma os  nazis. Para o ministro do Interior (ese cargo que responde diante de Deus e non da xente) ese tipo de manifestacións, algo que non se pode permitir.

Xogan co medo, a xente do PP xoga co medo para manternos calados mais comezamos a ser intolerantes á súa dose. A realidade ás veces ten estas cousas. A realidade, ás veces golpea cunha dureza que fai ineficaces as vacinas do poder. Véndennos seguridade por liberdade, permiten manifestacións pero militarizan as cidades. Converten os parlamentos en lugares de agresión cidadá cando antes eran lugares de representación. A maiores pídennos que calemos, que miremos para outro lado mentres eles fan o traballo sucio.

Os mesmos notarios da realidade que se indignaron en tempo real na campaña das autonómicas do 2012 coas declaracións de Beiras ("os recortes matan") indígnanse estes días nos medios e  nas redes sociais co incidente parlamentario do cara a cara Feijoo-Beiras

Aquí no noso país, en Galiza, sabémolo ben. Os mesmos notarios da realidade que se indignaron en tempo real na campaña das autonómicas do 2012 coas declaracións de Beiras ("os recortes matan") indígnanse estes días nos medios e  nas redes sociais co incidente parlamentario do cara a cara Feijoo-Beiras.

Que o presidente de Galiza lle diga a un voceiro doutra forza política (BNG) que tan só lle falta sacar o zapato e saloucar (en referencia a Beiras, voceiro de AGE) é esgrima dialéctica, que se negue a responder ás preguntas da oposición é esgrima dialéctica, que non facilite os contratos da Xunta de Fraga co narcotraficante Dorado é esgrima dialéctica, que pretenda modificar a representación da cámara facendo que o voto dun galego das provincias atlánticas valga a metade que o voto dun galego do interior é lexitimidade democrática, que execute ou ampare no país políticas e recortes  que matan é esgrima dialéctica ou circunstancial. Que Beiras o increpe pola súa indecencia un "puñazo", algo intolerable, violencia, motivo para solicitarlle a dimisión.

O señor Feijoo xoga un All-in ao "canto peor mellor". Nese senso está a ser representativo dunha dereita que no conxunto do Estado entende que esa é a súa porta de saída

O señor Feijoo xoga un All-in ao "canto peor mellor". Nese senso está a ser representativo dunha dereita que no conxunto do Estado entende que esa é a súa porta de saída. Non sabe que as reaccións que provoca son representativas dunha maioría social, non sabe que ese señor que o increpaba onte pola súa indecencia representa, máis aló dun deputado de 77 anos, o sentir de moitos homes e mulleres (incluso de moitos homes e mulleres que non o votaron), non sabe que ese xesto é un fío condutor da indignación dun pobo, ese que neste 25 de abril cómpre lembrar, como cantaba  o Zeca, que “é o que máis ordena”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.