Política e afecto

Cambia todo con tal vertixe que as nosas redes afectivas tamén se ven asaltadas. Da mesma maneira que o capital o mobiliza todo para crebar as fronteiras entre o traballo e o tempo dedicado a vivir, igual que aspira a organizar e converter a totalidade da vida en tempo de produción, tamén os afectos asaltan as fronteiras anteriores e aprenden a vencer os límites entre o privado e o público. Percíbese unha socialización dos afectos e as emocións, e percíbese subversiva, pois rebélase contra a disciplina produtiva que o capital lles organiza.

Para o capital, os afectos deben producir mercadoría e someterse ó seu fetichismo. Para o capital, un afecto e unha emoción valen o que custan. E, se non, deben permanecer ocultos, sen socializar, como futura materia prima. Ou serán abertamente reprimidos

Para o capital, os afectos deben producir mercadoría e someterse ó seu fetichismo. Para o capital, un afecto e unha emoción valen o que custan. E, se non, deben permanecer ocultos, sen socializar, como futura materia prima. Ou serán abertamente reprimidos. Mais ó mobilizar afectos e emocións, talvez o capitalismo se aproxime máis ca nunca á súa destrución. A emoción é revolucionaria, porque activa as conexións da razón. A indignación que se expresa en público é unha reacción de afectos agredidos, emocións de resposta. Á esquerda xa lle custa cada vez menos -pero aínda lle custa- recoñecer que afectos e emocións inspiran a necesidade vital de inventar outra sociedade. Cando esa potencia é liberada, nada pode deter a súa capacidade transformadora.

Construír organización nova é imprescindible para lle mirar os ollos ó presente, que é a única forma de llos ver ó futuro. Pero é tarefa imposible sen lles abrir as portas ós afectos e ás emocións, sen dinamitar os diques que os conteñen. O militante, que lle expropia ó capital parte do seu tempo dedicado á produción, xa non é un soldado disciplinado que cumpre ordes. Nin falta que fai. Non o é porque a bagaxe de loitas e as condicións destes tempos lle esixen comprender que a organización é unha imaxe da sociedade que se proxecta. Non o é porque aborrece sentirse man de obra e non está disposto a vender a súa forza de traballo tamén na organización. A organización xa non pode ser externa á propia militancia nin tampouco á multitude proletaria e proletarizada.

A nova organización non terá dono nin propietario máis ca a multitude que se vaia apropiando dela. Eis o proceso máis importante, a socialización non teórica senón real

Iso ocorría no vello réxime, cando o suxeito colectivo era unificado nunha entidade singular e monolítica porque o poder social esixía sometemento da diversidade á uniformidade disciplinada da produción. O problema das vellas organizacións non é unha hipotética corrupción de persoas, programas e liñas políticas, senón a paralaxe crecente entre os seus modos organizativos e políticos e a estrutura social na que pretende operar. A nova organización non terá dono nin propietario máis ca a multitude que se vaia apropiando dela. Eis o proceso máis importante, a socialización non teórica senón real. A nova organización non pode ser xa nunca máis instancia de mediación; ten que ser embrión de valores comúns estruturados por sólidas redes afectivas. Un artefacto común, aberto, determinado a acoller todas as culturas e tradicións de esquerda rupturista.

Unha nova organización da esquerda, aquí e no mundo, propiciará redes de afectos e emocións e nutrirase delas. E comprometerase a non acudir á impostura. A non falsificar. Non recorrer á chantaxe emocional. Non forzar os límites das emocións. Non usalas como estrado para reproducir o máis odiado do sistema que cómpre combater e substituír: o dominio, o control, a chantaxe, o illamento, a criminalización, a persecución do desacordo, a representación, a explotación, a mercantilización do afecto e a emoción. Se a algo nos podemos comprometer os que cremos na necesidade dun mundo novo é a erradicar das nosas prácticas esas actas fundacionais da ignominia. Por puro afecto.

A quen coñeza e comprenda o contexto sociopolítico actual non pode estrañarlle que a Xosé Manuel Beiras o asaltase a emoción en tribuna parlamentaria. Cada provocación merece unha resposta, e xa imos aprendendo que razón e emoción non deben escindirse

A quen coñeza e comprenda o contexto sociopolítico actual non pode estrañarlle que a Xosé Manuel Beiras o asaltase a emoción en tribuna parlamentaria. Cada provocación merece unha resposta, e xa imos aprendendo que razón e emoción non deben escindirse. Na escena parlamentaria todos poñen emocións en xogo. Uns planifícanas para usalas como modo de ridiculizar o adversario; coidan que non mudou o público, que segue asistindo distante e non aludido a un espectáculo de formas lisas contra formas estridentes. Engánanse. Fronte a esta comercialización do espectáculo e das emocións, dos afectos e mais das súas antiemocións, érguese a emoción radical, a que xorde de emborcallarnos no limo da existencia, a prosaica, a imprescindible nun tempo escuro de miseria, pobreza, exclusión, rabia, indignación, carraxe, estafas, escraches, suicidios...

Por puro afecto, hoxe non saen as vellas contas. Por iso non dan comprendido os necios que esa foto de Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz abrazados nos seus escanos é un fermoso fresco de emocións, afectos e verdade subversiva. As tormentas emotivas de Beiras non son analizables conforme ós vellos esquemas do mercado electoral. Expresan como se está deconstruíndo e reconstruíndo o espazo social e as relacións. As de poder e as de solidariedade.

Por puro afecto, hoxe non saen as vellas contas. Por iso non dan comprendido os necios que esa foto de Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz abrazados nos seus escanos é un fermoso fresco de emocións, afectos e verdade subversiva.

Co afecto e as emocións como cemento que seca lenta pero inevitablemente. Que permite comprender as normas de sometemento e subalternidade. Que se fai pétreo para crebalas. A esquerda ten que esnaquizar todos os vellos consensos impostos, tamén aquel que nos prohibía mostrar toda emoción que non tivese finalidade comercial. Nesta confrontación racional e emotiva non hai circo. Algunhas almas puras non o entenden. Só é política existencial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.