0 Gardados para despois

Francisco Castro

Perder a civilización

Hai moitos anos, como quince ou así, lembro que fiquei moi impresionado despois de escoitar na radio a nova que falaba dunha muller que ao cruzar a estrada fora atropelada nun accidente moi violento e que estaba viva de miragre. Seica o coche batéralle de lado, moi forte, e a pobre saíra despedida polo aire uns cantos metros para estrépito da xente, abraiada, que viu a escena. As persoas botáronse a correr para asistila. Por fortuna, pois temían o peor, axiña se decataron de que, malia a britalidade do impacto, a señora era quen de poñerse en pé...mais caía...e berraba da dor e caía..e púñase en pé de novo, mareada e bambeando para os lados, e caía. Suxeríronlle que estivese quieta, que era mellor que deitase no chan. Pero ela, incomprensiblemente e a pesar de que cando menos unha das pernas estaba claro que estaba rota pois penduraba por debaixo do xeonllo dun xeito estraño, teimaba en manterse ergueita, de pé, ao tempo que repetía que non pasaba nada, que estaba ben, que a deixasen tranquila que marchaba para casa.

A señora estaba irregularmente no país, que non tiña papeis e que estaba convencida de que se entraba nesa ambulancia e a levaban ao hospital, ao ser identificada polas autoridades españolas, había ser devolta ao seu país.

Un home de entre a multitude que ía formándose, identificouse como médico e díxolle que fixese caso, que deitase no chan, que xa el chamara unha ambulancia e que viña de camiño. Ao escoitar iso, a muller botouse a chorar e tentou saír correndo. Mais caiu.

A nova explicaba que a señora estaba irregularmente no país, que non tiña papeis e que estaba convencida de que se entraba nesa ambulancia e a levaban ao hospital, ao ser identificada polas autoridades españolas, coma ela dixera, entre saloucos, había ser devolta ao seu país.

A verdade é que non sei moi ben que é o que foi dela. A nova da radio, como case que sempre acontece cos medios de comunicación, centrábase en contar a historia e pouco máis. Limitábase a ofrecer a parte estrepitosa da realidade, esa que di, mira, pobriña, prefería marchar, aínda que fose moribunda, que ser collida no renuncio de estar no país sen papeis. E non nos contaron o que lle pasou. Aínda que, para o que quero contar hoxe aquí, tampouco importa moito pois moi probablemente a atenderon e non pasou nada de nada.

O certo é que, ata hai ben pouco, no estado español podiamos presumir de ter unha seguridade social universal que non facía distincións de ningunha clase

Pois o certo é que, ata hai ben pouco, no estado español podiamos presumir de ter unha seguridade social universal que non facía distincións de ningunha clase. Por fortuna, ata o de agora, quen aquí entraba tiña dereito a ser atendido. Os nenos e nenas de pais e nais sen regularizar, ata o de agora, tiñan dereito a ser escolarizados no ensino público, ou o que é o mesmo, ao garantirlles a sanidade e a educación, o que se estaba a facer, no básico, era protexelos, coidar deles, ofrecerlles unha posibilidade de futuro.

É o que manda a humanidade.

É o que manda a civilización.

É o que manda a moral e a Declaración Universal de Dereitos Humanos.

Vemos como os neocóns que nos malgobernan, dirixidos pola porcallada universal do mercado, queren facer de todos nós, clientes. E daquela, entenden que todos debemos pagar polo básico

Sen embargo, hoxe, vemos como os neocóns que nos malgobernan, dirixidos pola porcallada universal do mercado, queren facer de todos nós, clientes. E daquela, entenden que todos debemos pagar polo básico. E, se non lles queda outra máis que aturarnos sen pagar (o estado sabe que algo de sanidade e algo de educación e algo de pensións van ter que dar), que sexa para os de aquí e non para os de fóra.

E o peor é que cada vez hai máis xente que está disposta a seguir esta (fascista e intolerante) liña de pensamento.

Por iso vimos nos últimos tempos nacer proxectos de lei para cobrarnos por case que todo e para excluir aos inmigrantes deses servizos básicos que nos convirten, insisto, en humanos e que fan a nosa vida digna, deslizando que terán que pagar ou que non serán atendidos.

Eu pago impostos para iso. Para que me atendan a min pero tamén a quen non ten e o require

Mais atender a todo o mundo que o precise, outorgar unha praza escolar a quen a necesita, é o mínimo que debemos seguir ofrecendo de balde se queremos seguir dicindo que vivimos nun mundo civilizado. Eu pago impostos para iso. Para que me atendan a min pero tamén a quen non ten e o require.

Para que os meus fillos estuden pero tamén os fillos de calquera ser humano que queira vivir aquí.

E se perdemos ese mínimo, perdemos a civilización.

Acerca de Francisco Castro

Francisco Castro naceu en Vigo en 1966. É escritor en lingua galega e ten escrito para todos os chanzos de idade. Traballa como editor de literatura infantil e xuvenil e Coordinador de Novos Proxectos na Editorial Galaxia. Entre outras obras escribiu Spam (premio Blanco Amor de novela 2005) e, para pequenos, Chamádeme Simbad e, en colaboración con Fina Casalderrey, O neno can. Posúe os premios máis importantes da literatura galega e a súa obra está traducida a varias linguas.