De “responsabilidades”, información e democracia: O Irixo

As decisións sobre a cousa pública, que entenden antisociais ate os que as toman, parece que son anunciadas sempre no momento no que non poidan influír en procesos electorais próximos. Non importa que a decisión estea tomada e, por tanto, latente tempo antes.

Deste xeito ralvan, a “curarse en saúde”, sobre adiantos electorais posíbeis, por norma non tan imprevisíbeis coma o de Asturias do pasado mes. Emporiso sempre há unha hiperatividade de decisións pouco atractivas xusto ao remate de eleccións.

Hoxe vemos coma o goberno do estado anunciou o aumento do IRPF sobre as clases non financeiras, tódalas demais de facto. Un paso en contradición manifesta co seu discurso electoral, e que continua  coa aprobación dunha nova reforma laboral para facilitar, inda mais, o despido.

Neste ponto apaduaranse ate o desenlace electoral da Andalucía, que, parece, virá con novos recurtes, “axustes”, nos dereitos sociais, educativos e sanitarios, alienados xa os laborais, culturais, de dependencia, xénero e os do noso medio, se os houbo. Alá foron 30 anos de conquista democrática. 
Nestes ataques “pola retagarda” séntense de xeito inda mais acusado a desigualdade e a diverxencia no acceso á información e a falla na independencia da mesma, base da democracia aquí i en todo Occidente, por tempo.

Unha desigualdade produto do progreso da fenda dixital, natural deste estadio tecnoloxizado do Turbocapitalismo, mais inda nunha sociedade en extremo envellecida coma é a nosa, a galega, e  coa paralela implosión dos medios de comunicación-papel tradicionais.

Así, nas xeracións mais novas, o acceso á información, cos medios dixitais, coma o que nos garda, en mestura cas redes sociais, atópase, en potencia, case totalmente democratizado se hai vontade, case ate a posible non identificación prioritaria das novas e da información que nos afectan significativamente perante o bombardeo totalizador e instantáneo da realidade-mundo. Sen caer nise extremo, o potencial acceso a unha información plural e independente é para este grupo ampla, e pode que suficiente.

Por outra banda, o groso do país, xeracións de galegas e galegos, de menor alfabetización dixital, teñen hoxe unha menor pluralidade informativa real pola crise dos medios de comunicación tradicionais, a implosión das marcas-cabeceira tradicionais do mercado galego, e un cambio de paradigma no financiamento dos mesmos, que, para a súa sustentabilidade, adoitan -por convenio mais ou menos explicitado- trocarse no suxeito da externalización dos -ou na conversión en- gabinetes de prensa, #senpreguntas, ben dito por Antón Losada, dos diferentes gobernos locais, “autoanémicos” e “imperiais”; patrocinadores.

Sen preguntas, sen diálogo goberno-medios, non hai información para a sociedade. Só co que di o goberno, sen preguntas, mal pode saber un que esconde cada medido discurso “de responsabilidade”.

Implantáronnos o copago nos asesores de imaxe gubernativa cun par de moedas no quiosco. Ou nos impostos que pagamos, visto o nivel de subsidio polos servizos desenvolvidos.

Os recortes nestes convenios amosáronse arbitrarios en orde a partido, ideoloxía e identidade dominante. Cada un co seu xeito, rogo o lembren, xa que en Galiza, non somos alleos a estas dinámicas. O exemplo de actualidade ben pode ser o seguinte.

Transcorridas as eleccións estatais, o Conselleiro de Medio, Hernández, anunciou o lugar escollido pola empresa adxudicataria, dacordo ca Xunta, para aprofundar no modelo SOGAMA na Galiza-Sul.

Si se confirma, a incineradora e o vertedoiro iran ao Concello do Irixo, que non chega aos 2.000 veciños i está afastado dos centros de produción de residuos de Galiza, do Sul dela e do Noroeste estatal.  200 kilómetros por tren e 100 por estrada de O Irixo aos puntos de maior produción de residuos. Lembremos que dunha beira a outra da nosa terra non ha moito mais. Seríamos quen de cruzala polo medio.

Interesante cálculo do emprazamento, dende a loxística e dende a previsión contable da propia empresa, ao prezo que está o gasóleo e a potencial evolución do mesmo, co pico petroleiro e o que contaminan en por sí estes transportes.

Escoitei o outro dia lexitimar a ubicación polos seus promotores e propagandistas, coa afirmación de que no centro de París tiñan unha instalación similar.
En efecto, mais París, coma Austria, con centos de instalacións de tamaño menor, optan pola proximidade, o tratamento mais preto posible de onde se produzan os residuos, e así, unha área metropolitana  de  case 12 millóns de habitantes, nin Irixo nen catro Galicias, ten as súas incineradoras, pequenas, e así menos contaminantes; pero non as foron levar á campiña, do lado das vides de Borgoña.

Algo rebre camuflado no debate. A privatización dos beneficios do negocio dos residuos dos bens de consumo todos.

Mercámolos pagando ben, produto e carcasa. Mercaremos case calquera cousa e levarémola ledos para casa. Voltaremos pagar, en taxa ao Concello de turno-SOGAMA, esa “UTE”, para que nolas leven fora, xa disque lixo. E voltaremos recompralos para casa feitos enerxía, previa compra das eléctricas a Stella Eólica, como a SOGAMA.

Deste xeito, sen redución, reutilización nin reciclaxe, coma fan alá, “lonxe”, no Barbanza de Avilés coa fracción-resto, os que nos ocupan queimar queimarán case todo o que lle chegue, que niso consiste o negocio; e nos a pagar tres veces polo mesmo, dia sí dia tamén. 

O pobo ten un sentido do evidente, mais os facedores do pensamento único descentralizáronse facéndonos crer que son mais dun e/ou independentes entre eles, pagan esa imaxe, e aprenderon dos erros dos Thatcher e Reagan fai 30 anos. 

Xa non avisarán mais do que veñen facer. Atácannos na noitiña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.