Neoliberalismo e crise socio-política

Se a nivel xeral tiveramos que concretar en dúas frases as consecuencias socio-políticas do neoliberalismo, decantariámonos, seguramente, pola progresiva polarización social e o debilitamento do poder dos Estados. Pero, vista a realidade máis polo miúdo, dá a impresión que o neoliberalismo económico, empoleirado no movemento globalizador, está degradando a maioría das dimensións da vida e converténdose na gran forza destrutora das conquistas herdadas; e o que é máis grave, sen case que oposición. Este furacán con efectos devastadores, pensamos que cómpre enraizalo na súa capacidade de transcender aos propios Estados, o que lle permite ir autonomizándose das sociedades na medida en que vai  rachando todo vínculo coas mesmas. Estamos, daquela, perante un proceso de desocialización económica que afecta singularmente a vertebración social; propiciando, neste eido, consecuencias dramáticas para o mundo laboral ao debilitarse todas as institucións de control do poder económico que operaban a nivel estatal.

Tal desartellamento, xa que logo, desbrozou o camiño para a progresiva dualización social, pero tamén, como xa dixemos, para unha fonda e ampla desocialización que se foi consolidando nestas últimas décadas

Tal desartellamento, xa que logo, desbrozou o camiño para a progresiva dualización social, pero tamén, como xa dixemos, para unha fonda e ampla desocialización que se foi consolidando nestas últimas décadas. En definitiva, o mercado, dirixido por criterios neoliberais, foi gañando a batalla ás institucións socio-políticas á par que a sociedade, como consecuencia, principiaba a súa lenta descomposición. Estamos, pois, mergullados nun fondo proceso de crise nacido dunha nova redistribución do poder e que nos está  afectando á cerna do propio sistema democrático.

Neste novo contexto, aínda que están a agromar movementos sociais esperanzadores, a realidade socio-política segue a estar marcada polo continuado debilitamento e impotencia da actual armazón institucional, da que, como consecuencia, xa emerxe un visible  estrago social.  Unha das resultantes máis negativas, entre outras que aquí tamén salientamos, deste deterioro devandito, semella ser o decantamento da atomización social. Poderiamos falar, en definitiva, de moreas de individuos sós, desartellados, temerosos, sen esperanza, e en moitos casos subsistindo xa no mundo do precariado. Este fenómeno, froito, entre outras causas, do continuado desmoronamento da andamiaxe social, ao noso modo de ver está empezando a provocar, empregando termos do sociólogo Durkheim, o fenómeno da anomía, causada por un esmorecemento do sentido compartido e dos valores e normas nacidas das relacións intersubxetivas que outrora se nucleaban na contorna das institucións sociais.

Vense percibindo un progresivo esvaecemento moral en significativos segmentos sociais, no senso de minguar no seu entusiasmo polo ben común

Ademais e constatando dignas reaccións illadas, tamén convén dicir que nas últimas décadas vénse percibindo un progresivo esvaecemento moral en significativos segmentos sociais, no senso de minguar no seu entusiasmo polo ben común, na  súa capacidade crítica perante as diversas esferas de poder, na súa aposta polo futuro, e, daquela, na súa consistencia ideolóxica e capacidade de reacción ante a inxustiza. Semella, pois, que é nesta situación de fragmentación, atomización e laxitude e cunha vertebración social enormemente feble, onde, ao noso entender, cómpre enmarcar estas eivas que se substancian, en definitiva, nunha insuficiente respostas colectiva da cidadanía á gran crise inducida que estamos a vivir. A isto teríamos que engadir a orfandade alarmante de liderado social que, sen lugar a dúbidas, axuda explicar a desorientación na que vive a cidadanía, o que dificulta a construción de alternativas que volvan equilibrar o actual sistema.

Vivimos fundamentalmente en sociedades de servizos nas que os intereses están moi fragmentados, moitas veces contrapostos, contribuíndo a dificultar aínda máis a construción dunha unidade de acción

Polo demais, hoxe vivimos fundamentalmente en sociedades de servizos nas que os intereses están moi fragmentados, moitas veces contrapostos, contribuíndo a dificultar aínda máis a construción dunha unidade de acción o suficientemente sólida que posibilite dar unha resposta cívica, ampla e contundente á continuada perda de dereitos que está a sufrir gran parte da cidadanía, e tamén, á demolición socio-política que se está a producir en moitas sociedades desenvolvidas. Estamos, en definitiva, perante  síntomas bastante nidios de degradación social e que están a dificultar a reconstrución do tecido asociativo, clave para restituír o equilibrio socio-económico perdido e para afortalar un sistema democrático que nos permita ser donos do noso propio futuro.

Os Estados, nomeadamente os do sur de Europa polo seu endebedamento, tamén perderon autonomía e, pola globalización, como xa dixemos, capacidade de influenza no sistema económico

Por outra banda, os Estados, nomeadamente os do sur de Europa polo seu endebedamento, tamén perderon autonomía e, pola globalización, como xa dixemos, capacidade de influenza no sistema económico. Ningunha outra institución transnacional está a exercer con eficacia e decisión a laboura de equilibrio que outrora asumían os Estados. Esmorece, desta maneira, a posibilidade de pacto social entre capital e traballo, entre economía e sociedade que foi o fundamento do devandito equilibrio socio-económico que viviu Europa dende 1945 ata a década dos setenta; e, daquela, tamén esmorece o peso da cidadanía nas distintas institucións democráticas, quebrándose así a súa lexitimidade. Esta quebra, precipita as devanditas institucións socio-políticas a unha paulatina descomposición, e, como consecuencia, a todo o corpo social. A cidadanía queda desta forma no maior dos desamparos e na desorientación máis absoluta, o que contribúe claramente a potenciar a súa pasividade, a súa desafección cara á política  e, en definitiva, a debilitar gravemente o sistema  democrático.

Pero neste contexto de crise, que ten como consecuencia máis visible un progresivo e dramático empobrecemento da maioría social, agroma xa, según as últimas enquisas, un claro, importante e crecente malestar en gran parte da cidadanía; focalizado fundamentalmente na maioría das actuais “institucións representativas”, que semellan impotentes e, en todo caso, inoperantes ante o poder económico-financeiro global; pero, tamén, ante o enorme poder oligárquico-financeiro que domina no Estado español. Todo iso está a  afectar, sen dúbida, ao propio sistema democrático, abríndose un abano de posibilidades futuras dabondo preocupantes para a nosa convivencia.

Todo iso está a  afectar, sen dúbida, ao propio sistema democrático, abríndose un abano de posibilidades futuras dabondo preocupantes para a nosa convivencia

En definitiva, fóra das particularidades de cada país, o que semella claro é que estamos a vivir unha nova realidade, fundamentalmente dominada por unha economía financeira independizada da sociedade, á marxe da economía produtiva e monopolizada polos grandes poderes globalizados con capacidade dabondo para instrumentalizar á maioría das institucións representatvas dos Estados. Cuns cidadáns, ademais, que quedaron orfos dos mecanismos institucionais axeitados para pór a devandita economía ao servizo das persoas. Polo tanto, pensamos que o problema fundamental emerxe do deterioro democrático que se está a substanciar tanto nas institucións europeas como estatais.

Tal debilidade está a propiciar a total diverxencia de intereses: por unha banda, dos grandes poderes económicos e financeiros globalizados e en mans dunha élite de globalistas, e, pola outra, dos da maioría da cidadanía agredida nos seus dereitos máis básicos pola devandita globalización neoliberal e, de forma vergoñenta, como xa dixemos, en situación de desamparo institucional, dado que moitas das institucións representativas están a incumprir a súa función lexitimadora. Este proceder posibilita o nacemento da corrupción que  tanto nos enche de carraxe. Hai no fondo, pois, unha crise de representatividade que está a corromper o sistema e do que emerxen síntomas ben visibles que se substancian, ao noso modo de ver, no continuado avance da extrema dereita europea.

Hai no fondo, pois, unha crise de representatividade que está a corromper o sistema e do que emerxen síntomas ben visibles que se substancian, ao noso modo de ver, no continuado avance da extrema dereita europea

Como consecuencia de todo o devandito, pensamos que entre o poder económico neoliberal e o poder social, hoxe nun total desequilibrio, principia a esparexerse de forma preocupante un gran baleiro que cómpre reconstruír, e só terá lexitimidade, eficacia e consistencia se se fai dende unha actitude inequivocamente democrática e en base a novos actores sociais que emerxen da loita por defender, non só os dereitos básicos que lles están sendo usurpados polo actual poder elitista e que cómpre coordinar nun movemento unitario. Aquí é, ao noso modo de ver, onde hai que centrar a gran tarefa a desenvolver nesta nova etapa histórica.

Pois o escenario de polarización crecente que estamos a vivir só potencia as desigualdades, a destrución das identidades básicas, a precariedade, a marxinalidade social e a corrupción institucional. En definitiva, neste contexto de lenta descomposición, mentres se enriquece escandalosamente  unha minoría, degrádanse as condicións de vida da gran maioría social. E, así, con esta nova configuración da realidade, semella posible que a irracionalidade volva a ocupar o baleiro que semella estar deixando as vellas “institucións representativas”, hoxe instrumentalizadas polo poder sen límite dos chamados mercados. Daquela, cómpre asumir que o futuro ou é de todos ou non será democrático.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.