Voluntariamente

Nesta inesperada e madrugadora primavera andamos todos baixo mínimos. Sempre pensei que habería un as para matar un tres, ou iso din os xogadores de cartas. Os que case non xogamos, ou si, pero pasamos moito máis tempo mirando ou espiando por riba do ombreiro dos outros, notamos debaixo dos pés como se houbera un terremoto que ven de lonxe, algo que treme pero que non acaba de estoupar, que vén e vai.

Ogallá puidéramos facerlle unha boa trampa a todo iso que non entendemos pero que está a determinar o que será de nós, das  nosas vidas minúsculas, da nosa real supervivencia nestes tempos tan salvaxes. Polo momento, parece que todos asubiamos polo baixo intentando zafar as treboadas, metemos as mans nos petos baleiros e seguemos, de perfil, a ollar como xogan os que teñen eses naipes na man. Sentindo levemente ese ruído e desexando que marche canto antes. Ou que non se achegue de máis a nós.

Dicía alguén que non se deberían facer mudanzas nas épocas revoltas. Eu penso que son, precisamente, as mellores para facelo. E nos contextos absurdos certas revolucións individuais, pequenas, feitas man con man, póñenlle cor á negrura dos tempos. Lín, por exemplo, como hai quen disfraza de restaurante un comedor ao que acoden familias que non poder facer fronte xa aos gastos de alimentación.

Tamén vin, neste mundo ao revés, como uns rapaces teñen que reclamar material escolar e calefacción, aquí, ao lado de casa. Tamén pode ser, digo eu, que quen reparte os cartos pense que a educación pública é un recurso para os pobres, os que non poden pagar a privada, e non, sinxelamente, un dereito. Un deses que parece que xa están gastados de tanto mencionalos e que parece que temos que ter medo de exercer.

Ao que, quizais, non deberíamos renunciar é ao xeito de exercermos a nosa solidariedade.  Algo  humano, pero totalmente voluntario. E manter o concepto dese acto voluntario como o que exactamente é: unha mellora, un acto de civismo lexítimo e desinteresado. Non cubrir uns ocos, cada vez máis grandes, na fenda do que é público. E comprender, máis ca nunca, o valor do termo “profesionalidade”.

Quizais non paga a pena pensar que establecer unha xerarquía nos traballos, un catálogo de ocupacións “menores”, “eliminables” ou “prescindibles” implique unha perda de dignidade para certas profesións. E tamén para a sociedade que sustenta isto. Quizais é que, coas trampas da linguaxe, esteamos a confundir termos: o que se fai porque queremos contribuír e o que se fai porque non queda outra.  A mesma trampa de pensar que a caridade, de por si, substitúe a xustiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.