Partido-movemento: algo máis que unha marca

A escena, inmortalizada hai máis de sesenta anos no filme Quo vadis de Mervyn LeRoy, decorre no magno pazo imperial: Nerón, ao recibir malas novas da recepción coa que o pobo romano recolle a súa política, esixe primeiro unha versión distinta, un novo relato no cal os seus súbditos acollan con alborozo a actuación do seu divino emperador; despois deduce que, en todo caso, a subversión, de existir, será debida á maléfica intervención interesada dos “inimigos de Roma” (non del, de Roma). Finalmente, diante da evidencia incontestable, conclúe que o problema está no seu propio pobo: son un fato de desagradecidos.

A personaxe encarnada por Peter Ustinov contén o resumo da reacción clásica da esquerda política diante da ruptura de pontes coa esquerda social, pontes sen as que unha alternativa real é simplemente inviable

E velaquí como a personaxe encarnada por Peter Ustinov contén o resumo da reacción clásica da esquerda política diante da ruptura de pontes coa esquerda social, pontes sen as que unha alternativa real é simplemente inviable.

Malia que os berros de “que non, que non, que non nos representan” deixan pouca marxe para a súa interpretación, sempre se pode argumentar que van dirixidos contra o PP, ou contra o PSOE, ou mellor aínda, contra os dous: a queda do bipartidismo, disque. Neste contexto o único que faría falta sería elaborar propostas que conecten con ese suxeito político sen representar, demostrarlles que nós sí somos distintos, dando por suposto que tal suxeito existe xa, que non hai que conformalo. E o mesmo da que para uns sexa a clase traballadora na súa acepción clásica de proletariado fabril, a nación galega como ente ahistórico conformado como suxeito inmutábel desde o principio dos tempos ou a cidadanía do común ou maioría social; ou unha mistura de varios ou de todos. O caso é candidatarse para representante na procura de representados.

Sempre quedará o plan b: botarlle a culpa aos medios de comunicación que nos atacan, ao bipartidismo renacido, ao avanzo do individualismo no seo da sociedade, á perda da hexemonía ideolóxica da esquerda

Claro é que se a resposta diante de tan tentadora oferta é negativa – que o será, máis tarde ou máis cedo – sempre quedará o plan b: botarlle a culpa aos medios de comunicación que nos atacan, ao bipartidismo renacido, ao avanzo do individualismo no seo da sociedade, á perda da hexemonía ideolóxica da esquerda, ao divisionismo-reformismo-esquerdismo segundo conveña e, en última instancia, aos representados que votan a quen prexudica os seus intereses en vez de a nós, que os defendemos.

O que compre, pois, é construír ese suxeito político e facelo a través da creación e organización do tecido social, de ceder protagonismo á sociedade civil

É por iso que compre que na esquerda política se precisen os termos cando se fala de construír o partido-movemento, porque no momento actual máis que un eixe estratéxico é unha necesidade vital. E non se trata de ampliar a acción social, porque todos os partidos teñen xa intervención social ( e os que teñen máis votos é porque teñen moita), o que compre é cambiar a direccionalidade nesa relación entre partido e movemento/s; rachar o utilitarismo consistente en empoderarse nos movementos sociais para gobernar e esquecelos – cando non marxinalos – unha vez chegados ao goberno. O que compre, pois, é construír ese suxeito político e facelo a través da creación e organización do tecido social, de ceder protagonismo á sociedade civil, de rachar a división xerarquizada entre partido e movemento, de tecer entre todas e todos un verdadeiro contrapoder.

A segunda parte da ecuación é priorizar ese traballo fronte á acción institucional, porque é necesario sermos realistas. Si, paradoxalmente do que o reformismo acusou sempre á esquerda máis consecuente foi o de realizar plantexamentos utópicos, pero en tempos de soberanías secuestradas, de déficit imposto por vía constitucional, de concellos baleirados de competencias e de ingresos, de imposicións da ditadura financeira ás institucións democráticas, o que resulta unha burla e un engano é pretender convencer a ninguén de que é posíbel transformar única ou principalmente desde as institucións, máxime tal e como están concibidas. Porque sabemos que en canto intentemos actuar en consecuencia con calquera programa rupturista os poderes fácticos porán en marcha toda a súa maquinaria para impedilo. E a iso só se resposta cun contrapoder activado, cunha cidadanía organizada que se sinta copartícipe das transformacións e xa que logo actúe para defendelas.

En canto intentemos actuar en consecuencia con calquera programa rupturista os poderes fácticos porán en marcha toda a súa maquinaria para impedilo. E a iso só se resposta cun contrapoder activado, cunha cidadanía organizada

E se difícil resulta que a esquerda chegue ao poder sen unha sociedade civil organizada e activada, que se manteña sen ela é directamente imposíbel. Que se dedique a destruíla, suicida.

Quizais sexa o momento axeitado de lembrar, sen ningún afán de mimetismo máis con arelas de aprender doutros procesos, que unha das consecuencias da devastadora crise dos anos 90 en América Latina (con tantos puntos en común coa que nós vivimos) foi a desaparición da práctica totalidade da vella esquerda e a súa substitución por unha nova esquerda xurdida do movemento social.

Claro que tamén pode ser que todo o anterior non sexa así, e nós debamos seguir pelexando nun mercado competitivo por vender o noso deterxente. Ao fin, lavar, a xente ten que lavar a roupa, e non parece polo de agora que vaian tirar ao lixo coa lavadora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.