Lei de innovación. Nova oportunidade perdida

O pasado mércores 29 de maio aprobouse, sen pena nin gloria, o que en calquera país serio sería unha cuestión fundamental: a Lei de Fomento da Investigación e Innovación de Galicia

O pasado mércores 29 de maio aprobouse, sen pena nin gloria, o que en calquera país serio sería unha cuestión fundamental: a Lei de Fomento da Investigación e Innovación de Galicia. Dificilmente podemos pensar nun cambio de sistema produtivo cara outro baseado no coñecemento sen ter en conta a I+D e a innovación. Pois ben, o Partido Popular decidiu non apostar polo cambio, e manter unha política limitada e que en pouco beneficia o desenvolvemento endóxeno do noso país. Por que esta Lei non vai mellorar a situación da nosa economía, da investigación nin a dos nosos investigadores e investigadoras?

a) Aposta por un perfil claramente mercantilizador da I+D e a innovación. Falar de mercantilización neste sector é controvertido en si mesmo, pero máis o é cando non fan ningún tipo de distinción, dende a investigación básica á innovación só debe potenciarse aquelo que poida ser mercantilizado. Eu pregúntome como vai mercantilizar unha investigadora de física cuántica algún descubrimento. Ou podería Einstein ter vendido a fórmula e=mc2?

Centrarse na mercantilización da innovación en lugar doutros elementos como son a súa difusión é un erro

Por outra banda, centrarse na mercantilización da innovación en lugar doutros elementos como son a súa difusión é un erro. A innovación é un dos segmentos onde existen maiores erros de mercado, cun tradicional subinvestimento polo risco ao fracaso. Polo tanto, estariamos eliminando a posibilidade de que se produzan innovacións en sectores estratéxicos para a nosa sociedade pero que o mercado non asume. O compromiso público é unha cuestión fundamental para un correcto funcionamento dun Sistema Nacional de Innovación, moi por riba da simple mercantilización de innovacións.

Non se establece ningún tipo de compromiso de financiamento para a I+D ou a innovación

b) Non se establece ningún tipo de compromiso de financiamento para a I+D ou a innovación. Calquera Lei deste estilo sen compromisos de financiamento ficará en papel mollado, ao ser un elemento central, e en maior medida no caso galego. Os tradicionais déficits de investimento (público e, sobre todo, privado) fan que calquera política activa para o fomento da I+D ou a innovación teñan un curto percorrido. Aquí podemos ver a evolución dos últimos anos:

Como vemos, despois dun importante incremento durante o bipartito (incremento dun 20%), entre o ano 2008 e 2011 o investimento en I+D sufriu un forte descenso. Pois ben, a Lei non establece ningún mecanismo para que esta situación mude. Só un pequeno dado: Euskadi supera o 2,1%, e continúa o seu ascenso, mentres nós non superamos o 0,93%.

Despois dun importante incremento durante o bipartito (incremento dun 20%), entre o ano 2008 e 2011 o investimento en I+D sufriu un forte descenso

Por suposto, non foron aceptadas as emendas do BNG cara o incremento do financiamento até o 3% e a introdución dunha taxa para grandes empresas que se aplique para o financiamento dos Plans de I+D desenvolvidos pola Xunta.

Non foron aceptadas as emendas do BNG cara o incremento do financiamento até o 3% e a introdución dunha taxa para grandes empresas

c) Non se fai unha soa mención á I+D e á innovación como elementos encamiñados a mellorar o benestar da poboación. Precisamente un elemento catalizador da I+D é que o sector público aposte por aplicar novas tecnoloxías en servizos sociais ou sanidade, o que produce novo valor económico acompañado de melloras na nosa calidade de vida. Como non podía ser doutro xeito, o benestar non é unha prioridade.

Non se aposta por unha carreira investigadora propia. Polo tanto, a única saída profesional que terán as persoas investigadoras continuará a ser a Universidade, nun contexto onde non se realizan contratacións e onde tampouco existe a figura de persoal investigador.

d) Non se aposta por unha carreira investigadora propia. Polo tanto, a única saída profesional que terán as persoas investigadoras continuará a ser a Universidade, nun contexto onde non se realizan contratacións e onde tampouco existe a figura de persoal investigador. Se ben os modelos catalán e vasco son exemplo de que é posíbel desenvolver políticas neste sentido, o Partido Popular non aceptou as emendas do BNG para o impulso dunha carreira investigadora propia. Por certo, esta sería posiblemente a mellor saída para os problemas de contratación daquelas persoas investigadoras que remataron durante este tempo as súas becas (como os Ramón y Cajal e os Isidro Parga Pondal) que serán expulsadas á emigración.

A visión da I+D e da innovación é totalmente seguidista das liñas estratéxicas estatais e europeas

e) A visión da I+D e da innovación é totalmente seguidista das liñas estratéxicas estatais e europeas. A introdución de innovacións non pode levarse a cabo en todas partes por igual (non todos os países poden ter un Sillicon Valley), polo que a especialización produtiva ten que darse cara os sectores produtivos galegos, non a través de imitar economías que non son a nosa. Ben certo é que será complexo emular un CERN en Galiza, pero tamén é certo que en Suíza dificilmente conseguirán unha biodiversidade mariña coma a nosa. Esta ten que ser a nosa prioridade, conseguir exercer sobre a nosa economía un proceso de desenvolvemento endóxeno, en lugar de mirar cara outras latitudes sen saber o que temos.

Polo tanto, o que podería ter sido un elemento dinamizador da economía galega, que sentara as bases dun novo paradigma económico máis alá da construción e o turismo rematou por ser un trámite parlamentar sen maior relevancia.

O que podería ter sido un elemento dinamizador da economía galega, que sentara as bases dun novo paradigma económico máis alá da construción e o turismo rematou por ser un trámite parlamentar sen maior relevancia

Por moi orgulloso que se amosara o defensor da lei, o parlamentario popular Pedro Arias (aquel vello profesor da Facultade de Económicas e ADE na USC, que non deixou de fumar na aula até marchar ao Parlamento fai catro anos) acabamos de perder unha oportunidade de ouro para Galiza, para a súa sociedade e para a súa economía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.