A rede de discurso ou o partido rede

Nestes últimos anos foise materializando un gran desencontro entre as organizacións políticas e a sociedade. Desde principios dos anos 90, os índices de militancia política, así como os de participación electoral, están a baixar en Galiza e tamén no conxunto da vella Europa, salvo en circunstancias excepcionais. Esta redución da participación afectou especialmente ás organizacións que se consideran progresistas. En Galiza, especialmente desde a caída do goberno bipartito nas eleccións do ano 2009, veñen xurdindo diferentes análises sobre cal é o problema da esquerda política para non ser capaz de converter o descontento social xerado pola crise nunha toma do poder electoral.

Nestes últimos tempos puidemos asistir a diferentes manifestacións de reafirmacións ideolóxicas, chamadas á constitución de partidos-movemento, impulsos da democracia interna a través de listas abertas

Nesta análise da crise dos partidos progresistas hai dúas liñas básicas que son complementarias. Unha liña de análise céntrase no compoñente programático-ideolóxico: os partidos políticos para competir na contenda electoral convertéronse en catch-all-parties (partidos atrápao todo) que renunciaron a medidas conflitivas que formaban parte do núcleo da súa cosmovisión para acadar o máximo apoio social nun contexto de estabilidade e suposto benestar económico. A outra liña de análise céntrase no xeito en que as direccións dos partidos se foron afastando da súa base social, creándose unha partitocracia que tomaba decisións á marxe dos militantes e desconectada das iniciativas da cidadanía consciente e dos seus movementos sociais de novo cuño que nos últimos anos veñen tendo unha importacia crecente a medida que ía baixando a dos propios partidos políticos.

Froito destas análises, nestes últimos tempos puidemos asistir a diferentes manifestacións de reafirmacións ideolóxicas, chamadas á constitución de partidos-movemento, impulsos da democracia interna a través de listas abertas, primarias ou simples redefinicións nominais.

En todo isto non hai nada novo, son análises e solucións que se veñen repetindo en diferentes espazos e tempos da historia das organizacións e movementos progresistas ou de esquerdas

En todos estes posicionamentos hai sen dúbida elementos de verdade que teñen a súa valía, pero coido, sen ánimo de ofender, que son análises moi limitadas e superficiais, xa que pensan máis en termos dos erros que se produciron en traumáticas experiencia pasadas que nas condicións sociais presentes e futuras. De feito, é interesante observar que en todo isto non hai nada novo, son análises e solucións que se veñen repetindo en diferentes espazos e tempos da historia das organizacións e movementos progresistas ou de esquerdas.

Mentres que as organizacións políticas proxectan os seus erros do pasado no presente, desde diferentes ámbitos das ciencias sociais estanse a proxectar no futuro os cambios que se están a producir no presente. Os cambio tecnolóxicos provocan importantes mudanzas sociais e neste momento estamos a vivir importantes cambios tecnolóxicos que foron equiparados cunha nova revolución industrial. A eclosión das tecnoloxías da información e as comunicacións coouse nas nosas vidas non só como un conxunto de novos gadgets ou xoguetes aos que dedicar o noso consumo, estase a crear unha nova cultura, un cambio antropolóxico nos xeitos de comunicarse e nas relacións sociais que modifica o marco de actuación e organización en diferentes ámbitos. Non é que agora haxa que facer unha web para existir no ciberespazo, senón que o ciberespazo non existe como un ámbito alleo, é consubstancial á praza pública e é tamén a praza pública. Forma parte da experiencia da vida e polo tanto modifica a nosa cultura de participación e actuación social fóra e dentro de internet, inda que o impulso do cambio está na rede.

Primeiro a burocracia prusiana, despois case todas as administracións dos diferentes estados, a empresa industrial fordista, os sindicatos, os partidos políticos, todos seguiron un modelo de organización xerárquica onde a información fluía de abaixo a arriba e as decisións de arriba a abaixo

Recapitulemos e pensemos en como se organiza a sociedade até o de agora. As raíces do modelo están no exército prusiano que durante o século XVIII establece, dun xeito totalmente pragmático, unha nova forma de organización xerárquica e centralizada baseada na disciplina e a “boa administración”. A obra Da Guerra de Carl Von Clausewitz é o culmen teórico desta evolución, na que se establece unha visión científica da organización militar e do exercicio da guerra, baseada nas condicións materiais do seu tempo. Dada a eficacia da organización do exército prusiano, este foi o modelo para as institucións sociais da modernidade. Primeiro a burocracia prusiana, despois case todas as administracións dos diferentes estados, a empresa industrial fordista, os sindicatos, os partidos políticos, todos seguiron un modelo de organización xerárquica onde a información fluía de abaixo a arriba e as decisións de arriba a abaixo e onde o importante era dispor dunha cúpula (individual ou colexiada) moi capacitada, capaz de dixerir toda esa información e tomar decisións. Por que isto era así? Cal era o elemento material que determinaba a eficacia deste modelo fronte a outros? Sen dúbida unha razón importante son as limitacións das tecnoloxías da comunicación dispoñíbeis. O papel pero tamén a radio ou o teléfono son medios que non permiten unha comunicación omnidireccional, simultánea, fluída e inmediata entre múltiples suxeitos, polo que era necesario establecer un punto de encontro dos diferentes fluxos de información para poder tomar as decisións, como ven a afirmar Von Clausewitz na súa obra.

Neste modelo xerárquico as cúpulas toman as súas decisións sen ter en conta o sentir da base social xa que foron esencialmente concibidas para iso, xa que a base non dispón da información necesaria para facerse un xuízo

Neste modelo xerárquico as cúpulas toman as súas decisións sen ter en conta o sentir da base social xa que foron esencialmente concibidas para iso, xa que a base non dispón da información necesaria para facerse un xuízo. Isto explica que cando se materializa a desconexión entre a dirección e base social nun revés electoral, o típico é  que as cúpulas digan que as decisións foron acertadas, só que non se soubo comunicar ben o seu sentido ou simplemente se afirma que o resultado se debe a campañas mediáticas en contra que conquistaron a unha cidadanía desinformada. Nas cabeciñas colectivas destes organismos non pode ser que a base teña mellor criterio que eles. Isto provoca o berro de ‘non nos representan’ e ‘son todos iguais’ dunha cidadanía consciente cada vez mais informada e acostumada a outras culturas da participación. Teñen razón, todos seguen o mesmo modelo atrasado e contraditorio cunha sociedade que demanda que os representantes, dentro dunha organización ou nas institucións, sexan dinamizadores de decisións colectivas e non decisores autónomos. Os escraches son unha manifestación disto, os cidadáns que lle van reclamar ao cargo público unha determinada decisión están tan ben ou mellor informados que o seu representante, mais os gobernos din que aos cargos públicos cómprelles poderen tomar decisións de xeito autónomo xa que foron elixidos non como representantes da vontade popular senón como cúpula decisoria na cúspide dun estado profundamente xerarquizado. Nunha organización política cun esquema clásico acontece o mesmo, os membros da dirección alegan que foron elixidos nun congreso ou asemblea de toda a organización e que a súa tarefa e tomar decisións de xeito autónomo e resístense a aceptar a vontade das asembleas onde se organizan os militantes, na actividade cotiá.

Os membros da dirección alegan que foron elixidos nun congreso ou asemblea de toda a organización e que a súa tarefa e tomar decisións de xeito autónomo e resístense a aceptar a vontade das asembleas onde se organizan os militantes, na actividade cotiá

Cando en 1966 ARPANET (Advanced Research Projects Agency Network, unha axencia pública de investigación en defensa dos EEUU) comezou a deseñar unha rede de comunicacións que resistise a un ataque nuclear e identificou un problema básico no modelo organizativo que xa unha parte da esquerda tiña reflexionado había tempo. Nunha organización xerárquica se eliminas a cúspide, a organización como tal desaparece ou dilúese. Así que concibiron Internet como unha rede entre nodos que son xerarquicamente iguais e se poden comunicar entre todos eles dun xeito bidireccional ou omnidireccional, simultaneamente e de maneira fluída. Esa é a base material, tecnolóxica, coa que se comunica o 40% da humanidade a día de hoxe e máis dun 50% de galegos e galegas, cifra que segue a crecer cada ano en infatigábel progresión lineal. Espérase que cara o ano 2020 os usuarios de Internet no occidente desenvolto cheguen ao 90% da poboación. Cada persoa é un nodo nesta rede entre iguais, que se pode comunicar de maneira omnidireccional a través de diferentes ferramentas como a web, o correo electrónico, as redes sociais e outras que xorden e xurdirán co tempo. Isto supón unha revolución na comunicación de masas, podemos falar dunha autocomunicación de masas que impón mudanzas culturais e que fai que as vellas organizacións xerárquicas cunha base tecnolóxica e cultural atrasada estean en crise, xa que os seus defectos se poñen moi claramente de manifesto. Por facer un paralelismo histórico é como se a un activista socialista ou comunista de principios do século XX lle falamos dun modelo de organización feudal, considerarao atrasado e mesmo reaccionario.

Espérase que cara o ano 2020 os usuarios de Internet no occidente desenvolto cheguen ao 90% da poboación. Cada persoa é un nodo nesta rede entre iguais

Os que nos dedicamos á tecnoloxía vivimos estes novos modelos de organización en primeira persoa cando nos apropiamos dos nosos medios de produción sen necesidade de “tomar o Pazo de Inverno” nin gañar ningún proceso electoral. O software constrúese con software. Para crear webs coma esta empréganse ferramentas que son tamén software que interveñen en diferentes procesos de produción ao longo do tempo. O software é pois o medio de produción para construír novo software así como tamén as computadoras. Pode parecer estraño que haxa un medio de produción inmaterial pero, se atendemos á raíz do concepto, é así. Se aceptamos este enunciado, o software libre é unha socialización a nivel mundial dun medio de produción que estaba privatizado polas empresas a través de patentes e cláusulas de propiedade intelectual. Este movemento desafiou o poder das multinacionais e, no seu conxunto, non precisou de modelos xerárquicos clásicos senón dunha masa crítica de persoas que coma nodos da rede compartían e comparten realizacións concretas que no caso do software son información pura. Un fragmento de software leva implícita unha decisión de deseño, unha idealización de sobre como debe ser un programa. Así que todas estas persoas tomaron decisións colectivamente compartindo fragmentos de software non para conquistar algo senón para construír algo de novo cuns índices de eficacia e eficiencia contra o que hai difícil competencia, mudando a concepción de toda unha industria.

Nunha rede o importante é o número de nodos enlazados e a cantidade e a calidade da información que se transmite entre eles. Cando falo de información non só me refiro a meros datos, senón a todos os elementos da comunicación humana como pode ser a toma dunha decisión. Se trasladamos isto a un modelo de organización social o importante non é un nodo central, a “dirección” senón cada un dos integrantes tanto como activistas ou como asembleas de base que se poden comunicar de maneira transversal e tomar decisións informadas de xeito colectivo e horizontal. Pensemos nun movemento social recente con certo éxito como a PAH/Stop desafiuzamentos, está a ser máis eficaz como oposición política que os partidos e os sindicatos. A organización ten un carácter moi difuso, está integrada por asembleas de base con total autonomía centradas na acción local pero son capaces de coordinarse e funcionar a nivel local e global e facer propostas partindo das loitas concretas. Porén, non teñen unha “dirección” centralizada. A nivel mediático está Ada Colau pero ten un xenuíno papel de voceira. Se un nodo da rede da PAH se tentase impor como o centro, non sería capaz, o resto podería continuar co seu activismo e cambiar de siglas, xa que o importante non son as siglas nin o centro senón a rede de contactos humanos que sustenta o proxecto a través do propio activismo de base. Para comunicárense, entre as asembleas, non precisan dunha dirección, xa dispoñen de diferentes medios ao seu alcance.

Os membros da dirección son uns fíos de comunicación entre os nodos, representantes revogábeis da base que está organizada en asembleas soberanas de activistas

Segundo o que acabo de expor, o importante de cara ao presente inmediato e ao futuro das organización políticas non é se a dirección política se debe elixir mediante listas abertas ou pechadas, senón o papel que esta ten que desenvolver. Un papel máis como dinamizador dos fluxos de información e mero executor de determinadas accións que como intérprete e elemento decisor autónomo. Nesta nova concepción, os membros da dirección son uns fíos de comunicación entre os nodos, representantes revogábeis da base que está organizada en asembleas soberanas de activistas.

Polo tanto teñen que ser estes nodos/base os que elixan directamente os seus representantes e os que poidan revogar se non actúan como fíos de comunicación das decisións colectivas da asemblea soberana. É fundamental que a representación teña unha base territorial próxima ás persoas activistas, ten que basearse nun ámbito local reducido para permitir a toma de decisións áxil e poder ser fiscalizada. E entendo isto como unha proposta de transición, xa que a medida que a implantación de internet aumente e se melloren as ferramentas chegará un punto en que xurdirá dun xeito natural que os debates e as tomas de decisións globais se podían realizar totalmente a través da propia Internet coa participación de todos/as os interesados/as, minimizando inda máis o papel dos organismos colexiados.

Na construción de acción política a través das redes hai que traballar na edificación de alternativas que posúan un carácter constituínte, tanto para facer parte dun programa que se aplique desde o poder coma para a xeración dunha nova axenda, fora do ámbito institucional

As novas experiencias organizativas non só falan de novas estruturas, senón tamén doutros xeitos de entender o activismo político. Máis que reafirmar un discurso ideolóxico forte e abstracto, cheo de apriorismos, o importante debe de ser a creación de intereses comúns en torno a cuestións palpábeis e concretas que compartir con outros movementos, outros nodos da rede. No mundo do software libre fíxose célebre a frase show me the code, amósame o código, ou sexa, a realización concreta da túa idea abstracta, da túa visión, e entón discutimos. Isto non supón a negación da existencia de ideoloxías, senón que estas están implícitas sempre en calquera proposta pero é absurdo perder tempo en debates de salón, ten que haber un principio de economía na participación. Na construción de acción política a través das redes hai que traballar na edificación de alternativas que posúan un carácter constituínte, tanto para facer parte dun programa que se aplique desde o “poder” coma para a xeración dunha nova “axenda”, fora do ámbito institucional. As solucións aos problemas non aparecen de xeito espontáneo cando se chega ao poder, senón que cómpre elaboralas a través das redes previamente. Ao igual que os conceptos de participación social teñen que ser experimentados xa antes, cando se están nas marxes do poder e no ámbito de actuación de cada suxeito.

Conclúo subliñando que é preciso desaprendermos os modelos de organización clásicos para aprender de novo, experimentando funcionamentos en rede dun xeito colectivo e horizontal. Ese é un proceso que leva tempo e non se pode deixar para máis adiante, o futuro xa está aquí no presente inmediato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.