0 Gardados para despois

Pablo Vaamonde

O naufraxio do hospital de Vigo

O naufraxio do novo hospital de Vigo, esas seis torres como seis quillas contra o vento, semella ser definitivo. Desde hai meses, en contra do manifestado polas autoridades sanitarias, as obras están paradas e non atopan saídas para continuar. A empresa concesionaria encargada de construír e despois xestionar o hospital non é capaz de conseguir financiamento. Os bancos non se fían, non lle dan o crédito necesario. O que ía ser a gran obra sanitaria deste goberno, en resposta a unha necesidade imperiosa da comarca viguesa, atópase en stand by. Fagamos un breve repaso cronolóxico do acontecido.

A empresa concesionaria encargada de construír e despois xestionar o hospital non é capaz de conseguir financiamento. O que ía ser a gran obra sanitaria deste goberno, en resposta a unha necesidade imperiosa da comarca viguesa, atópase en stand by

  • Febreiro de 2009. O goberno progresista (2005-2009) aproba a creación dun novo complexo hospitalario en Vigo, despois dun longo proceso de negociación e consultas no que participan numerosos profesionais e representantes da sanidade comarcal. O proxecto tenta dar resposta á carencia crónica de camas da zona e propón a integración da poboación hoxe adscrita ao hospital privado Povisa. Créase unha empresa pública coa aprobación dun Plan Económico-Financeiro suficiente para rematar as obras nun período de 5 anos (2009-2013), cun custe final inferior a 500 millóns de euros.
  • Abril de 2009. O PP ocupa o poder en Galicia. O goberno de Núñez Feijóo, mediante un Trámite de Urxencia (que evita presentar un estudo comparativo das diferentes posibilidades de financiamento e construción), paraliza este proxecto e substitúeo por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). Este sistema de concesión, usado no Reino Unido hai tres décadas, ten demostrado que é menos eficiente, máis caro e ofrece un servizo de peor calidade. En Madrid e Valencia o PP impulsou este modelo de xestión: hoxe teñen a sanidade pública na ruína e con graves problemas asistenciais. O goberno galego coñece, con certeza, estas experiencias; mais estima que, neste momento de crise inmobiliaria, na sanidade hai posibilidade de negocio privado a expensas dos orzamentos públicos. O proxecto impulsado introduce mermas importantes: reduce o número de camas, desaparecen determinados servizos esenciais e mantén o hospital de Povisa dentro da rede pública con poboación asignada (parte da cidade e a península do Morrazo). Iníciase aquí un proceso inzado de irregularidades.
  • Setembro de 2010. O Sergas adxudica á consultora PwC un contrato para avaliar as ofertas de licitación e seleccionar a empresa que se encargará do proxecto do novo hospital (nesta consultora, con fortes vínculos co poder, traballou De Guindos cando deixou Lehman Brothers –en bancarrota-). O Sergas pagoulle 220.000 euros a PwC por un informe que non aparece no expediente solicitado polo TSXG: os defensores da sanidade pública sospeitan que tal informe non existe.  O contrato de 1.3000 millóns de euros para proxectar, levantar e explotar os servizos do novo hospital adxudícanllo a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) integrada por bancos arruinados  (entre eles Bankia e CAM, entidades rescatadas e coas peores cualificacións de solvencia por parte do Banco de España) e construtoras en bancarrota. Entre estas últimas está OCASA, considerada hoxe unha firma “tóxica”, que está denunciada por estafa e recibiu unha multa de 5.5 millóns de Competencia. Nela  tivo un alto cargo o conselleiro Agustín Hernández. Esta empresa subcontratou parte da obra a Hierros Santa Cruz, propiedade de Telmo Martín, membro relevante do PP, concelleiro en Pontevedra e diputado (o máis rico do Congreso).
  • Marzo de 2011. Na precampaña das municipais Núñez Feijóo acode a Vigo, cando ainda non comezaran as obras, para inaugurar o novo hospital. Rodeado de altos cargos sanitarios e locais apareceu coma un campión, coma si estivese xa co hospital funcionando. Houbo máis inauguracións (setembro-2011, dous meses antes das eleccións), pero en realidade as obras comezaron en xuño de 2011 e hoxe están paradas.
  • Febreiro de 2012. A empresa concesionaria anda desesperada en busca de financiamento. Mentres, Núñez Feijóo pregoa as bondades deste sistema. No congreso do PP celebrado en Sevilla afirma que “la experiencia de algunas comunidades autónomas ha demostrado la eficacia de este modelo en el ámbito sanitario”. Nunha ponencia reclama a extensión deste modelo sen restriccións:  “La innovación en la gestión es un requerimiento de la sanidad moderna, y no debe ser constreñida o penalizada por las leyes más allá de la firme garantía de los estándares de acceso y calidad en la prestación”. 
  • Xuño de 2012. A UTE declara un socobrecuste de 8 millóns de euros na cimentación da obra, que lle reclama á Xunta, por ter que buscar solucións “ante a falla dun estudo xeotécnico do solar”, que o Sergas afirma ter entregado xunto co prego de condicións do concurso. Estas tácticas, que introducen sucesivos modificados sobre a obra prevista, empréganas moito as  empresas concesionarias para aumentar os beneficios.
  • Xullo de 2012. “A día de la fecha -4 de julio-, transcurrido más de un año desde la adjudicación del contrato, el acceso a la financiación bancaria se ha visto cerrado”, afirman os representantes da UTE nun escrito dirixido a un xulgado de Santiago.  O feito é que ningún banco accede a prestar fondos para este proxecto e a concesionaria considera “completamente alteradas” as bases do contrato.  As obras, iniciadas coa aportación do 20% por parte da propia concesionaria, non teñen forma de seguir. Ningunha entidade bancaria confía na viabilidade deste proxecto.
  • Outubro de 2012. Todas as forzas sindicais e os partidos da oposición, xunto con miles de persoas, ocuparon a cidade de Vigo nunha concorrida manifestación contra da privatización do novo hospital. Non foi a única: houbo, nestes últimos meses, numerosos actos de protesta e reivindicación que reflicten a preocupación cidadá polo rumbo que está a seguir a política sanitaria na comarca. Hai poucos días (maio-2013) os líderes da oposición e dos sindicatos, xunto con dirixentes de SOS Sanidade Pública, persoáronse ante as obras do hospital para denunciar a súa paralización. “Por un hospital único sen recortes nin privatización” é o lema da campaña que van impulsar para reclamar o rescate do proxecto para que sexa público na súa financiamento e xestión.

Agora Vigo xa conta co seu Gaiás inacabado, xa ten o seu Elefante Branco, pero segue agardando por unha obra sanitaria imprescindible para garantir unha atención hospitalaria adecuada aos cidadáns

  • Maio de 2013. “No hay ningún problema con la financiación”, afirmou rotunda a conselleira Mosquera, nos inicios da última campaña electoral, cando xa coñecían a posición  inquietante da concesionaria. Aínda que a Xunta negou reiteradamente esta situación, e que as obras estivesen paradas, o certo é que promoveu reunións con diversas entidades bancarias para procurar financiamento sen que obtivesen ningún resultado. Chegou a solicitar un crédito propio ao Banco Europeo de Inversións (BCI) por 180 millóns de euros, co que incumpría o contrato no que se especifica que a financiamento é “a riesgo y ventura de la Concesionaria”. A construtora comezou a rescindir contratos cos traballadores. Agora hai un cento de empregados adicados a tarefas de mantemento; quedan ben lonxe os 2.400 que anunciou a Xunta cando presentou o proxecto. A obra está parada cando falta menos dun ano para que finalice o último prazo establecido para a súa entrega.
  • Epílogo. Non hai moito que Núñez Feijóo sinalaba a ausencia de relato do goberno central. Este non é o relato completo da súa acción de goberno, pero recolle os feitos substanciais dunha parcela importante do seu compromiso. Aquí figuran os enganos, trampas e mentiras que se foron sucedendo durante estes anos. Esta é a crónica dunha morte anunciada, o fracaso estrepitoso da que ía ser a grande obra –e o maior negocio- do seu mandato presidencial. Agora Vigo xa conta co seu Gaiás inacabado, xa ten o seu Elefante Branco, pero segue agardando por unha obra sanitaria imprescindible para garantir unha atención hospitalaria adecuada aos cidadáns.

En Ourense o PP tamén quere privatizar a sanidade. A xerencia do CHOU anunciou en febreiro a licitación da "xestión integral de espazos", por 150 millons de euros, que incluiría a cesión a unha empresa de todos os servizos non sanitarios durante unha década

  • Postdata: Mais hai quen non aprende dos propios erros. Lévannos cara o precipicio e non dan un paso atrás. En Ourense o PP tamén quere privatizar a sanidade. A xerencia do CHOU (dirixida por Eloína Núñez, prima de Núñez Feijóo) anunciou en febreiro a licitación da "xestión integral de espazos", por 150 millons de euros, que incluiría a cesión a unha empresa de todos os servizos non sanitarios durante unha década. A adxudicataria podería subcontratar a realización dos traballos. O concurso quedou deserto: ningunha empresa quere asumir esta concesión. Seguirán presionando, ata conseguir que melloren as condicións económicas, a costa dos orzamentos públicos. Agora van facer un procedemento negociado e a Xunta poderá realizar a adxudicación elixindo os candidatos a dedo.

Acerca de Pablo Vaamonde

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005). Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña (1998-2005). Foi Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005 polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia. Coordenador xeral da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA),  que pretende promover o uso do galego no ámbito sanitario.