A crise dos partidos políticos

Poida que a crise económica que atravesan os países da UE, e entre eles, e de xeito especialmente intenso, España, sexa un dos factores que condicionen ou xustifiquen a impopularidade, ás veces, claro rexeitamento que están a padecer os partidos políticos, que son percibidos como un dos principais problemas para o españois. Os sentimentos de desafección política, deslexitimación dos partidos, desconexión entre representados e representantes crecen día a día, e con elo, corre risco de enfermar o sistema democrático no que nos vimos movendo, que é incapaz de sobrevivir sen os seus aparellos máis fundamentais, os partidos.

O certo é que a desafección política, que cada ano crece en España, pode gardar unha relación moi directa coa participación electoral, que por desgraza é das máis baixas da UE 15, unha participación, iso si, moi desigual entre comunidades autónomas, sendo naquelas denominadas históricas, especialmente preocupante, cando menos iso ocorre en Galicia onde a participación electoral tanto en autonómicas como en xerais é especialmente baixa, pese a que nos últimos anos a traxectoria foi ascendente. Ás democracias son Parlamentos, son representantes, e se no xogo da Democracia a participación da cidadanía falla, estamos a ter una eiva.

España carece dun asociacionismo co que outros países de maior cultura democrática contan

Por outro lado, é máis alá do voto, está o que engloba a participación política, isto é, o contacto cos políticos, a participación cos grupos, con asociacións, as manifestacións, a participación de consumo (boicot a certos produtos)… unha serie de formas de participación política, que son moi dispares e cuxo atractivo así mesmo o é. Neste sentido, España carece dun asociacionismo co que outros países de maior cultura democrática contan.  Mentres a participación en manifestacións , sobre todo nos últimos anos, é unha tónica habitual no noso Estado, non o é do mesmo xeito a colaboración cos grupos políticos, a participación en movementos asociativos, que como xa no seu día sostiña Putnam, xeran capital social, e con elo melloran a calidade da Democracia. Fronte a países como Noruega, Holanda, Suecia; moi activos politicamente, España ten un nivel de actividade medio, e en todo caso, inferior ao desexado e preciso para soster unha Democracia sólida.

Chegados a este punto é preciso distinguir varios conceptos que moitas veces se entrecruzan, que mesturamos e confundimos, e que debemos aclarar, así como, a partir destes conceptos, vinculalos e establecer unha relación que nos aproxime aos elementos necesarios para contar cunha mellor Democracia e un maior apego aos elementos democráticos. Neste sentido debemos falar dos termos confianza social, confianza política e satisfacción coa democracia. É preciso aclarar que este último termo é distinto do de lexitimidade democrática, que é a crenza de que as institucións políticas existentes, pese a que teñen fallos, son as mellores, tal e como afirma Linz, fronte a elo, a satisfacción vai ao funcionamento; neste sentido a lexitimidade é estable fronte á satisfacción que non o é. Os anglosaxóns téñeno doado cando falan de tipos de confianza, empregan trust  para os individuos y confidence é reservado para as Institucións. Se a confianza social, o apego á cidadanía, a confianza na xente; é un elemento preciso para a política este debe selo para aumentar a confianza da cidadanía nos parlamentos, e como mostran moitos estudos, así o é.

A confianza social está asociada coa confianza política (confianza nas Institucións democráticas), e esta estao coa satisfacción coa democracia

A confianza social está asociada coa confianza política (confianza nas Institucións democráticas), e esta estao coa satisfacción coa democracia, polo tanto, unha sociedade sólida, sen fisuras, que estea integrada, semella que pode contar con ese cariz de satisfacción  coa democracia e co funcionamento das Institucións. Norris, dixera hai tempo que a confianza nas institucións é o indicador central do sentimento da cidadanía sobre o seu sistema político, e neste sentido, cabe recordar que os sistemas non veñen dados, senón que ha de ser a sociedade quen os constrúa.

Hoxe, a cidadanía demanda máis control sobre os políticos, un control exhaustivo do gasto dos nosos parlamentarios, da financiación dos partidos, da concesión de contratos públicos. Vivimos un momento álxido no que os numerosos casos de corrupción, de clientelismo político, suborno e especulación fan que a cidadanía se vexa cansa e alonxada duns representantes lexítimos, que exercen o poder de xeito inadecuado e que erosionan no sentido máis perverso o concepto de democracia representativa. Nos últimos anos, tal vez, de xeito máis forte nos último meses, estamos a ver iniciativas que parten dende a sociedade civil e que camiñan cara o incremento da rendición de contas dos nosos políticos. Que van da man do establecemento de cotas, de umbrais á actuación dos partidos, que entran na financiación, e mesmo chegan a demandar que se regule de xeito común, pautado, as dinámicas internas polas que se han de guiar os partidos políticos.

A Enquisa Social Europea é reveladora, no tocante a percepción da cidadanía española dos partidos políticos, fronte ao resto de países europeos. En todo caso, cabe poñer o acento na necesidade dunha sociedade civil atenta, e que veña a construír cultura democrática, pois se hoxe a situación é negativa, en boa mediada tamén o é debido ao actuar da cidadanía, pois as malas prácticas da sociedade son contaxiadas directamente ao sistema político, que absorbe como unha esponxa, de xeito imparable a mal obrar da cidadanía. É cousa de cultura, que vai máis aló de pensar que o mal está concentrado tan só na clase política, xa vista como unha clase aparte, situada noutro extremo do común da sociedade. Así nolo amosa o gráfico de barras situado abaixo, non hai máis que fixarse no nome dos países con maior confianza nos partidos, países de larga tradición democrática, pequenos, ricos, pero cun gran valor do público, sentido de Estado, e responsabilidade compartida, cun asociacionismo forte e unha boa conexión dos políticos cos cidadáns, que se senten e se fan sentir indispensables dentro do sistema político .

Hoxe agroman novos partidos políticos, que movidos dende a sociedade civil, crecen en adeptos co transcorrer do tempo, en boa medida grazas tamén, a que os chamados partidos clásicos, están a experimentar a súa peor situación dende os inicios da Democracia

Polo tanto, é o momento de dar a volta a ese concepto, hoxe empregado como comodín, e que vemos e lemos en todos os medios, a Desafección, que conta con moitos sinónimos (apatía, alienación, pouca satisfacción) é un termo que se debe ir borrando, e máis se se dá cunha desconfianza no sistema, cunha deslexitimación das Institucións, pois de ser así, entrase nun círculo vicioso, que dana o porvir da sociedade. Torcal fala de dúas dimensións que definen a desafección, por un lado a crenza en que as institucións non responden aos problemas da sociedade, e por outro lado, a dimensión do descolgue ou desenganche coa política, a percepción da política como algo distante. Aquí os partidos, teñen un reto, que deben superar, pois sen persoas non hai partidos, e sen partidos cae a Democracia. Máis o reto é dobre, ou ten dúas vertentes, a cidadanía ha por da súa parte

Hoxe agroman novos partidos políticos, que movidos dende a sociedade civil, crecen en adeptos co transcorrer do tempo, en boa medida grazas tamén, a que os chamados partidos clásicos, están a experimentar a súa peor situación dende os inicios da Democracia. Os datos así o amosan, e as dúas principais forzas perden adeptos, por un lado, por estaren salpicados de casos de corrupción e mala práctica política democrática, e por outro lado, porque xa non son percibidos como axeitados mediadores para o bo funcionamento do Sistema. Hoxe, unha parte da cidadanía demanda maior transparencia, maior conectividade cos políticos, e isto debe ser trasladado, e interiorizado polos partidos. Sen dubida, estamos diante, no comezo dunha transformación xa sen volta atrás que virá a configurar un novo modelo de partidos, aberto a cidadanía, pero que ha contar coa vontade da sociedade de entrar nun xogo, custoso, pero que virá a consolidar unha nova cultura democrática, máis aberta e inclusiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.