O novo Centro Galego de Bos Aires

As voltas da vida. Quen diría que no ano 2013 a nosa filla emigrante Arxentina tería que volver a botar unha man para axudar a súa nai Galicia. Semella unha maldición que os poboadores do anaco máis verde de Europa teñan que ir buscar un traballiño fóra cando no fermoso paraíso atlántico aínda hai moito por facer. Se somos ricos en paisaxe; algo vai mal cando máis de 100.000 cidadáns comen grazas aos Bancos de Alimentos. Se somos ricos en auga; algo vai mal cando algúns bergantiñáns cambian o seu limpo río da vida ---alí chámase Anllóns--- polos euriños envelenados dunha empresa mineira estranxeira. Se somos bos aforradores; algo vai mal cando rouban 500 millóns de euros en depósitos ---precisamente aos que eran clientes “preferentes”--- baixo a reprimenda de que gastaban moito máis do que lles permitía a súa economía.

As voltas da vida. Quen diría que no ano 2013 a nosa filla emigrante Arxentina tería que volver a botar unha man para axudar a súa nai Galicia

En contraste coa nosa desfeita se imos ao sur de América atopamos unha Bos Aires chea de movimento e sobre todo de alegría. As tendas, os bares, os parques industriais rebordan de actividade. Un cambio moi visible témolo no transporte de pasaxeiros. Agora os tradicionais “colectivos” son novos e posúen un sistema de pagamento electrónico. Que o país vai ben tamén se detecta na faciana dos condutores que son moito máis amables que na nosa pequena Santiago de Compostela e iso que alí percorren unha xigantesca urbe ateigada de tránsito. Poida que a razón do sorriso porteño, enfrontado ao aceno tenso do condutor compostelán, estea en que quen te leva a cotío ---sexa a estudar, pasear ou traballar--- reciba un salario digno. Hai que entender que se che rebaixan 100 euros dos mil mensuais que cobrabas, non é doado tratar con cordialidade aos pasaxeiros que soben ao autobús camiño da ponte do Romaño.

O último ano na Arxentina conseguiron o récord histórico de matricular un millón de vehículos. En Galicia andamos a buscar a estación de servizo que teña o combustible máis barato

A República Arxentina leva 10 anos de constante crecimento económico. Alí medran e aquí imos para atrás con 5 anos de crise no lombo. Os arxentinos ---non todos pero unha ampla maioría--- confían no futuro. Nós estamos moi preocupados por non ver aínda a luz no horizonte. Un exemplo: o último ano na Arxentina conseguiron o récord histórico de matricular un millón de vehículos. En Galicia andamos a buscar a estación de servizo que teña o combustible máis barato. Un coche pequeno dunha marca europea ---se é chinés custa menos--- feito ou ensamblado no país anda polos 64.000 pesos. Un salario medio é duns 10.000 pesos mensuais. Hai moita demanda de vehículos novos e os interesados teñen que inscribirse nunha listaxe de espera como era en Galicia nos anos 1960-1970 cando se mercaba un “600”. Se queremos xantar ou cear uns excelentes calamares fritidos ---recomendo tamén os “cornalitos”--- temos que ir cedo ou agardar rolda xa que o restaurante “Gijón” do curmán da miña amiga Susana está sempre petado na esquina de San José e Chile.

Algún lector pensará que estou divagando ou que cobro do goberno arxentino por defender a boa xestión do presidente Kirchner e da presidenta Fernández. O que eu vin pódeo comprobar calquera que viaxe ata Bos Aires

Algún lector pensará que estou divagando ou que cobro do goberno arxentino por defender a boa xestión do presidente Kirchner e da presidenta Fernández. O que eu vin pódeo comprobar calquera que viaxe ata Bos Aires. Entón, a pregunta é onde está a raíz de que en Europa critiquen con ferocidade e mala educación ao goberno arxentino engadindo absurdos comentarios persoais sobre a viúva de Néstor Kirchner. A min que son un ignorante pero que teño ollos paréceme albiscar que o tema de fondo é que a República Arxentina foi quen de librarse do xugo do FMI e xestionar os seus múltiples, variados e xigantescos recursos en beneficio da cidadanía. Aí está o tema: non aceptan que un país antes afundido teña hoxe unhas reservas monetarias superiores aos 50.000 millóns de dólares. Son magos os gobernantes arxentinos? Coido que a recuperación do país non é o froito de ningún feitizo senón o resultado de aplicar unha política económica que aposta polo crecemento interno sen ter que pedir préstamos no exterior.

Quero ver se o Centro Galego aínda ten as súas grandes portas de madeira ou foron roubadas polos “peronistas” e “montoneros” para vender como leña para os “asados domingueros”

Feita unha pequena aclaración sobre o éxito dunha política nacionalista que fuxe do veleno dos maiores asasinos da humanidade ---os donos das escuras sociedades filibisteiras que chaman Fondos de Inversión--- vou achegarme ata a esquina de Belgrano e Pasco. Quero ver se o Centro Galego aínda ten as súas grandes portas de madeira ou foron roubadas polos “peronistas” e “montoneros” para vender como leña para os “asados domingueros”. Disque son todos “chorros” e por iso “afanaron” as valiosas obras de arte da Pinacoteca Social. A miña sorpresa foi cando ao entrar son recibido por un funcionario que me pregunta o nome e a quen veño a visitar. Logo, outro compañeiro ---no meu caso foi unha rapaza--- escribe no rexistro. Non sei, semella que terei que esquecer a idea de levarme para pendurar na miña caso aquel óleo sobre tea de Castelao titulado O Cego xa que cando baixe haberá quen pregunte polo contido dun grande envoltorio rectangular de 142 X 102 que non cabe debaixo do brazo.

O interventor xudicial do Centro Galego ten as raíces paternas en Sicilia e as maternas en Salamanca. Quere dicir que don Carlos La Blunda Criado non está afastado da sensibilidade galega e tampouco descoñece que as morriñas son sempre moi semellantes

O interventor xudicial do Centro Galego ten as raíces paternas en Sicilia e as maternas en Salamanca. Quere dicir que don Carlos La Blunda Criado non está afastado da sensibilidade galega e tampouco descoñece que as morriñas son sempre moi semellantes. Coñeceu a terra dos avós e tamén sabe onde se poden comer uns fresquiños percebes galegos a bo prezo. Ademais de competente profesional con importantes responsabilidades en complicados traballos de auditoría, é un amante do tango. Haberá quen diga que o de ser tanguero non ten importancia ou utilidade. A miña opinión e xustamente a contraria. Coido que se La Blunda sabe escoitar ou bailar un tango está máis formado emocionalmente para quitar do peirao do pesimismo ao Centro Galego e facer que volva a navegar polas augas do futuro. O sentimento dos amantes do tango é un silencioso motor interior que os move a actuar despois dunha acougada reflexión.

Estou enteiramente convencido de que o interventor cumprirá co seu difícil encargo aínda que necesita tempo porque as grandes feridas non sandan dun día para outro

Estou enteiramente convencido de que o interventor cumprirá co seu difícil encargo aínda que necesita tempo porque as grandes feridas non sandan dun día para outro. Hai que ser prudentes e protexer a don Carlos dunhas agresivas bacterias do xénero Resentidus Directivus que actúan movidas pola vinganza. Son só media ducia de ex directivos que atacan coa mentira en resposta a perda duns privilexios de boludos de cuarta categoría. Utilizaban o cargo para ir a calquera consulta médica sen ter que pedir cita e logo saían con bolsas de medicamentos para toda a familia. Unha vergonza pola que non pediron desculpas xa que a culpa do sucedido é da presidenta Fernández que quere apropiarse do Centro Galego para instalar a sede central do “Frente para la Victoria”. Espero que nos vindeiros meses algúns persoeiros da colectividade convoquen reunións para comezar a falar do novo Centro Galego de Bos Aires xa que despois da intervención nada volverá a ser o mesmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.