0 Gardados para despois

David Peón

Capitalismo e Os Ancares

Cantaba Siniestro Total nos 80 aquilo de Pueblos del mundo, extinguíos! e por estes lares o tomamos ao pé da letra. Se cadra os de Costas e Hernández deberon titular o tema máis correctamente como Gallegos del mundo, extinguíos! por que a poboación mundial seguirá incrementándose exponencialmente durante as vindeiras décadas, mentres esta semana o INE publicaba un novo estudo sobre demografía en España onde Galicia mostra o peor saldo vexetativo do Estado, 10.048 mortes máis que nacementos, cunha das taxas de natalidade (7,6 nacementos por cada 1.000 habitantes) e de fecundidade máis baixas do mundo.

Ante a insensibilidade da sociedade e das autoridades ante o peor problema económico e social ao que nos enfrontamos, a min só se me ocorre atizar conciencias poñendo como exemplo a demografía do concello de Navia de Suarna

Galicia enfróntase a un drama. Un drama peor que o desemprego e a crise económica, se ben ambos explican en boa medida a situación demográfica na que nos atopamos, ao tempo que esta agravará as perspectivas económicas do país nunha dinámica que se retroalimenta. En cambio, aquí seguimos todos a velas vir. Ante a insensibilidade da sociedade e das autoridades ante o peor problema económico e social ao que nos enfrontamos, a min só se me ocorre atizar conciencias poñendo como exemplo a demografía do concello de Navia de Suarna, nos Ancares lucenses, desde 1900 a 2012 e cunha proxección a 2050 de continuar a tendencia mostrada na última década.

Certo é que o colapso dos 7.000 habitantes en 1950 aos menos de 2.000 no inicio do século XXI responden máis á emigración do rural da que se beneficiaron en boa medida as urbes galegas, pero a dinámica de envellecemento, natalidade en deserción e consecuente esmorecemento demográfico ao que nos enfrontamos no futuro é compartido tanto polo rural como polas urbes galegas. Como mostra, amosamos no gráfico a continuación a pirámide de poboación, novamente do concello de Navia, no ano 2011.

En 1950 no concello vivían preto de 7.000 habitantes; hoxe apenas 1.300, e o saldo decrece a un ritmo duns 50 habitantes por ano. A razón: como vemos neste segundo gráfico, en Navia de Suarna hai 140 mulleres e homes de 80 – 85 anos, por exemplo, pero só 4 nenos e 2 nenas de 0 a 4 anos en todo o concello. Este é un problema gravísimo a curto prazo para Navia de Suarna, Os Ancares e o rural galego en xeral; non hai espazo neste artigo para describir as eivas que esta demografía provoca en aspectos básicos como a escolarización dos nenos, a atención sanitaria ou o emprego. Máis aínda, a medio prazo esta será tamén a perspectiva que lle agarda a toda a sociedade galega, cunha poboación en recesión por debaixo dos 2 millóns de galegos en 2050, segundo as proxeccións do IGE, e cunha das sociedades máis envellecidas do mundo.

A medio prazo esta será tamén a perspectiva que lle agarda a toda a sociedade galega, cunha poboación en recesión por debaixo dos 2 millóns de galegos en 2050, segundo as proxeccións do IGE, e cunha das sociedades máis envellecidas do mundo

Na vila da Pobra de Navia, capital do concello onde apenas viven hoxendía 300 veciños, non hai máis comercios que un par de ultramarinos, bares, un par de mesóns e unha próspera funeraria. Non hai caixeiros operativos. Non hai, por exemplo, comercios de roupa. A única estación de servizo en quilómetros á redonda está en venda. Navia non entra nos plans de expansión de Zara ou Repsol, está claro.

Baixo unha óptica capitalista, ninguén debería montar unha empresa en Navia de Suarna, nos Ancares, ou na práctica totalidade do rural galego

E ten toda lóxica: o capitalismo necesita mercados en expansión para ser rendible. Calquer óptica que se aplique na xestión empresarial, desde a xestión baseada no valor á dirección financeira pasando polo marketing, ten por elemento fundamental achegar á empresa a rendibilidade que garanta a plusvalía aos capitais aportados mediante a busca de mercados con demanda en expansión. Baixo unha óptica capitalista, ninguén debería montar unha empresa en Navia de Suarna, nos Ancares, ou na práctica totalidade do rural galego; implicaría basear a obtención de rendibilidade para o negocio na atención dunha demanda envellecida e decrecente a pasos axigantados. Un negocio fracasado, con certeza.

Este é o futuro ao que se enfrontarán os nosos fillos desde hoxe a non menos de 3 décadas vista. Darlle un futuro aos Ancares, darnos un futuro aos galegos como país, compre entender que as estratexias de política económica non poden plantexar o problema só desde unha óptica capitalista no mundo globalizado. Hai moito por facer desde unha lóxica capitalista, si; desde a aposta polo tecido produtivo do país a estratexias de internacionalización. Pero coa situación demográfica á que nos enfrontamos, desde unha óptica estritamente capitalista o futuro do país pasa por emigrar, marchar todos, en particular os agora tan ansiados emprendedores, buscar mercados en expansión con mellores perspectivas para a rendibilidade do negocio, e deixar o pais feito un ermo.

Darlle un futuro aos Ancares, darnos un futuro aos galegos como país, compre entender que as estratexias de política económica non poden plantexar o problema só desde unha óptica capitalista no mundo globalizado

Desde unha óptica de país, en cambio, construírmos un futuro e conseguirmos que a sociedade galega sexa sostible nas vindeiras décadas requirirá, necesariamente, complementar as políticas económicas de aposta pola internacionalización con políticas, particularmente no rural galego, que primen o ben público por riba do beneficio privado e a plusvalía; políticas autosustentables, de xeración de riqueza e posta en valor de bosques e terras sen uso, apoio ao movemento cooperativista, bancos de terras, agricultura de proximidade, etc. E, por suposto, por políticas sociais de apoio á natalidade e conciliación laboral e familiar que tenten paliar a perspectiva demográfica á que nos enfrontamos.

Ou eso, ou estirilizar a nuestros hijos, juntos de la mano hacia la extinción.

Acerca de David Peón

David Peón Pose (Pontevedra, 1976) é economista experto en finanzas. Con experiencia profesional en mercados de capitais e xestión de patrimonios, actualmente é Profesor de Finanzas na Universidade da Coruña. Conta diversas colaboracións en medios académicos e xornais, e é coautor do libro ‘Financial Markets: A guided tour’. Máis información na súa web e blogue persoal dpeon.com