Venham mais cinco

Igual que a melodía que dá título a este texto, unha grande parte das cancións de protesta na época, momento histórico de incerteza política e transicións varias, tiñan como apelo pincipal unha chamada á unidade, no senso de fraternidade, como saída idónea á situación. Probabelmente hoxe certas variábeis non sexan moi distintas e chegase o momento de recuperar ideais coma este.

Unha grande parte das cancións de protesta na época, momento histórico de incerteza política e transicións varias, tiñan como apelo pincipal unha chamada á unidade, no senso de fraternidade, como saída idónea á situación

O porqué é múltiple, pero unha das razóns que o sustenta é que todo apunta a que a saída non se atopa nos grandes mantras do “crecemento” e o “consenso”, senón máis ben na cooperación, no ben común e nas institucións para e desde a comunidade. Xa non é pois momento de democratizar estruturas, de crear ferramentas para os movementos sociais e a comunidade, senón de darlle a volta a este principio e facer que o que se pretendía democratizar agora se refunde e fale de democracia. Que as ferramentas que se pretendían poñer “a disposición de”, se convertan nunha “proposición desde”.

Unha destas ferramentas é tamén a dos medios de comunicación. Nos últimos días o proxecto Galiza Ano Cero está a realizar un proceso de recollida de doazóns para manterse e medrar. Atopo cinco razóns para colaborar con esta iniciativa, e animar a que se colabore.

En Galiza Ano Cero o público non é un elemento pasivo, non é un receptor cuxa función sexa apenas a de dixerir a mensaxe

1- O público é parte
En Galiza Ano Cero o público non é un elemento pasivo, non é un receptor cuxa función sexa apenas a de dixerir a mensaxe. Desde o comezo proponse que sexa parte fundamental, recaendo nas súas mans a responsabilidade de que isto siga adiante ou non. Ademais, a comunicación de xeito directo e automático a través das redes sociais facilita a interlocución entre quen quere transmitir e quen debe recibir, isto é, o grupo que traballa na elaboración dos contidos. Sen a implicación colectiva no financiamento, na crítica, na suxestión, na proposta de temáticas e camiños a seguir, Galiza Ano Cero sería só unha iniciativa auto-referencial baleira de todo interese.

Galiza Ano Cero non pretende ser unha iniciativa que marque a axenda dos movementos sociais, senón ao contrario: é a axenda de GAC a que debe ser marcada desde o exterior

2- Argumentos compartidos
Entroncando co punto anterior, Galiza Ano Cero non pretende ser unha iniciativa que marque a axenda dos movementos sociais, senón ao contrario: é a axenda de GAC a que debe ser marcada desde o exterior. Non é tanto a conxuntura presente, senón o diálogo, a necesidade de profundar en cuestións mesmo futuras e as propostas achegadas os factores que deben marcar o ritmo argumental tanto do programa como das entrevistas. Insistindo no anterior, a cuestión aquí non é democratizar, senón falar de democracia, e que desde aí partan as ideas, os argumentos e os temas que deben chegar á pantalla.

3- O factor humano.
Na pasada semana, durante unha das presentacións públicas da iniciativa, unha das poñentes afirmou que o teito de GAC non era outro que o de xerar unha comunidade que cree novos espazos. Ou o que é o mesmo, un proxecto non baseado só en realizar e emitir un debate semanal, no autoconsumo, senón xerar comunidade, ter como fin ser a ferramenta que facilite que unha iniciativa comunitaria teña como filosofía de traballo precisamente o factor humano: nacer, crecer e reproducirse.

4- Unha saída, unha opción, un cubil.
Nos últimos anos a poboación cualificada na Galiza está a aumentar de xeito considerábel. Porén, o seu crecemento é inversamente proporcional ás posibilidades de introducirse de xeito digno no sector privado ou académico. Un capital cognitivo en exceso orientado a eses campos no canto de destinarse a fortalecer o potencial colectivo. Esgotada por tanto a vía privada, por non ser capaz de cubrir necesidades, e por non ser capaz máis que de proporcionar un traballo marcado polos intereses de quen paga, é pois o momento de canalizar todo este potencial a nivel técnico, xornalístico, de análise e pensamento a esta cooperativa televisada.

O modelo económico a nivel interno funciona cun banco de tempo, un modelo que prima pois o compañeirismo e a solidariedade, sen a posibilidade de que existan fins lucrativos

5- Viva o mal, morra o capital
Galiza Ano Cero precisa diñeiro, precísao porque unha multitude de elementos necesarios para a súa execución só poden ser adquiridos por esa vía. Manter dominios na internet, adquirir equipos e pagar transportes son algunhas desas cousas. Porén, non é o mesmo precisar diñeiro que funcionar con el. O modelo económico a nivel interno funciona cun banco de tempo, un modelo que prima pois o compañeirismo e a solidariedade, sen a posibilidade de que existan fins lucrativos, e que ademais funciona de xeito integrador, sustentábel e democrático.


Estes son pois cinco motivos para animar a quen isto lea a ser parte do futuro, ou non futuro, de Galiza Ano Cero, deixando desde xa claro que a económica non é senón unha das múltiples formas de contribuír á suprevivencia da iniciativa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.