Non, terrorismo tampouco é isto

Nos días previos ao xulgamento na Audiencia Nacional de varios presos independentistas galegos, estanse a producir mobilizacións na rúa, declaracións e pronunciamentos nos medios de persoas e colectivos moi diversos. Entre eles chamou especialmente a miña atención un vídeo e un texto postos en circulación o xoves 20 de xuño baixo o título “Terrorismo é...” no que se nos di que terrorismo é...

que o Estado se apodere dos corpos das mulleres
que nos obriguen a emigrar para atopar traballo
que destrúan e envelenem a nosa terra
ficar sen teito habendo miles de casas deshabitadas
que os bancos que rouban á xente reciban cartos do Estado
que che resten dereitos por ser inmigrante
que se reduzan os salarios e aumenten as horas de traballo baixo ameazas de despedimento
a imposición dun único modelo de sexualidade
privatizar, mercantilizar e españolizar o noso ensino
que unha crianza galega teña vergonza de falar a língua da súa terra
non ter a soberania do noso
a impunidade dos políticos corruptos
pasar toda a vida traballando e non chegar a fin de mes
a violencia, o control social e a tortura dos corpos policiais
non ter perspetivas de futuro
que o Estado se apodere das palabras
Terrorismo é empregar os medios públicos do Estado para reprimir e criminalizar aos movementos sociais

Non é a primeira nin será a derradeira vez que desde os movementos sociais se aplica o concepto terrorismo a diversas formas de violencia que en realidade non o son, facendo así un fraco favor ás persoas inxustamente acusadas polo Estado de practicaren terrorismo. Son cada vez máis comúns nos movementos de esquerda expresións como terrorismo machista, terrorismo bancario/hipotecario, terrorismo empresarial/económico... pero tamén outras como terrorismo sindical, desde a dereita. Parece como se abrira a veda e xa o substantivo terrorismo admitise calquera adxectivo que se nos ocorrer para descualificar ao contrincante político ou social da nosa elección, e como se todos aceptásemos a validez dese xogo. Pero precisamente con isto coido que estamos facendo válida a estratexia do Estado, a súa teoría de que “todo é terrorismo”. Eu xa vivín o comezo desa estratexia no País Vasco cando inventaron aquilo do “terrorismo de baixa intensidade” que despois derivou na cantiga de “todo é ETA”, e agora dóeme ver como moita xente cae en algo moi semellante cando fala p.ex. de “terrorismo machista” ou “terrorismo hipotecario” por poñer simplemente dous coñecidos exemplos. Da mesma maneira que queimar un caixeiro non podemos aceptar que se cualifique como terrorismo, tampouco podemos caer na mesma falacia ao tildar de terrorismo un asasinato por motivacións machistas ou unha hipoteca con cláusulas abusivas que remate nun desafiuzamento por moi tráxicas que sexan as consecuencias deses feitos. O terrorismo, aínda que non conte cunha definición unánime nos dicionarios das diversas linguas, e moito menos en todos os Códigos Penais, si que pode e debe ser delimitado conceptualmente. Se queremos que se aplique con rigor a súa definición cando xulgan a unha compañeira ou veciño, debemos ser nós os primeiros nese rigor e non usármolo para calquera descualificación política. Se non é terrorismo a disidencia social, tampouco é terrorismo calquera forma de opresión ou de violencia do sistema, do Estado ou da clase dominante. O terrorismo, na súa definición máis clásica (e polo tanto máis firme e menos deturpada pola deriva securitaria mundial liderada polos EE.UU. tras os atentados do 11 de setembro de 2001) e tamén máis internacionalmente aceptada (plasmada en resolucións da ONU como a 51/201 de 1996 ou a 1566 do Consello de Seguridade de 2004) limítase a actos que deben cumprir todas as características seguintes:

Pretenden expresamente causar un estado de terror na poboación ou en determinados colectivos.
Buscan forzar a un Estado ou organización internacional a tomar determinadas decisións políticas.

Asemade, en non poucas das definicións expresamente debe causar mortes ou serios danos á poboación civil, e polo tanto excluiríanse da definición de terrorismo os atentados contra as forzas e corpos de seguridade do Estado ou membros do exército, así como as sabotaxes contra bens materiais ou infraestruturas que non causen danos persoais. E non podemos tampouco pasar por alto que en varias delas tamén se inclúe o carácter indiscriminado nos actos terroristas o cal implicitamente aparece como condición necesaria para que haxa un estado de terror pois consegue que calquera persoa se sinta vítima potencial desa estratexia organizada de atentados mortais.

Na nosa lingua, se acudimos tanto ao dicionario da RAG como ao Estraviz podemos achar tamén unha definición clásica que require a confluencia dos tres elementos: organización + violencia + intención de impoñer uns fins políticos. Se falta calquera dos tres elementos que o caracterizan, non podemos falar, xa que logo, de terrorismo.

Dentro das deturpacións extensivas do concepto podemos achar exemplos a nivel lexislativo, como na decisión da UE de 2002 (xusto despois do famoso 11 de setembro) que engadiu arbitrariamente baixo esa definición os actos que “desestabilizasen gravemente ou destruísen as estruturas fundamentais políticas, constitucionais, económicas ou sociais dun país ou dunha organización internacional”. E tamén poderiamos incluír nesta tendencia a ampliación que recolle a nova edición da dicionario da Real Academia Española de la Lengua cunha nova acepción que cualifica como terrorista a “creación de alarma social con fins políticos” (xa non aparece nin a necesidade de que sexan actos violentos nin de que se cre terror na sociedade... abonda coa simple alarma!). Recoñezo que resulta sumamente tentador aplicar a propia anchura destas ampliacións de significado ás accións de quen nos domina e explota, dándolle a volta á súa propia arma, pero debemos preguntarnos: iso non implica aprobar o uso desa arma, non estamos dándolles no fondo a razón, dando por válida a súa interesada manipulación das palabras, a súa orwelliana neolingua?

Na miña opinión, con expresións como as que se inclúen no citado vídeo estase favorecendo inconscientemente a estratexia do inimigo no terreo semiótico desta guerra:“Terrorismo é que o Estado se apodere das palabras” di paradoxalmente un cartel amosado no vídeo pola poeta Luz Fandiño... sen nos decatarmos de que ao usarmos desa maneira a palabra terrorismo favorecemos precisamente a destrución do seu significado lexítimo. Estarmos alerta contra a aplicación espuria deste ámbito semántico a calquera tipo de disidencia esíxenos algo totalmente contrario: a coherencia ética de non aplicarmos tamén unilateralmente ampliacións do concepto terrorismo a todo aquilo que detestamos e contra o que loitamos. Xa que logo, deixemos claro que terrorismo non é o que algúns desde o poder (coa imprescindible axuda dos medios de comunicación que controlan) nos queren facer crer, pero que tampouco é o que algúns desde a sociedade responden nun lamentable recurso ao “e ti máis!”. Non lles sigamos o xogo e sexamos os primeiros en aplicarmos con rigor e ética o termo de terrorista e rexeitemos a súa instrumentalización como mecanismo de demonización social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.