0 Gardados para despois

Xesús Veiga

Os intocábeis

Remataron as comparecencias previstas na Comisión creada no Parlamento galego para investigar o sucedido coas Caixas de Aforro.Houbo opacidades informativas impropias dun sistema democrático (a documentación non aportada pola Comisión Europea e o Banco de España así como as restricións impostas á que procedía da Xunta), incomparecencias de persoas determinantes na historia da desfeita desas entidades financeiras (Fernández Ordóñez, Almunia e Marta Fernández Currás) e ausencias inauditas (a de X.M. Beiras o día no que Méndez e Gayoso acudían ao Pazo do Hórreo). Existiu, tamén, un significativo denominador común entre os directivos das Caixas, os cargos gobernamentais (de Madrid e de Santiago) e os responsábeis dos organismos reguladores: pouco recoñecemento autocrítico dos erros cometidos, desprazamento das culpas cara os demais actores e refuxio na imprevisibilidade da evolución económica rexistrada nos últimos anos.Non deixa de ser surrealista comprobar que os mesmos que participaban na cerimonia apoloxética dun modelo de crecemento no que só cabía contemplar virtuosos ciclos ascendentes e desprezaban a bomba que se estaba cebando coa burbulla inmobiliaria, descubran agora, sen pudor, o inferno do devalo prolongado e a volatilidade da economía de casino.

O resultado das comparecencias confirma o efecto destrutor dun sumatorio indiscutíbel: aventuras expansivas de Méndez e Gayoso –obsesionados por demostrar que eran discípulos de Botín e González- cando o ladrillo xa era cuestionado polos líderes da orxía especulativa;  pasividade ou complicidade dos organismos reguladores (Banco de España e CNMV) e dimisión no cumprimento das obrigas de control residenciadas no goberno da Xunta.

Non se analizou suficientemente o período anterior á chegada do bipartito. O propio Feijoo só falou do sucedido a partir de 2004 dando a entender que ate ese momento todo discorría acertadamente no universo das Caixas

Poren, houbo dous aspectos pouco tratados nos recentes debates parlamentares. En primeiro lugar, non se analizou suficientemente o período anterior á chegada do bipartito. O propio Feijoo só falou do sucedido a partir de 2004 dando a entender que ate ese momento todo discorría acertadamente no universo das Caixas.Mais non se pode entender o enorme poder acumulado por Gayoso e Méndez sen botar unha mirada, como mínimo, aos 16 anos de fraguismo e observar as lóxicas que presidían as relación entre os directivos e os responsábeis gobernamentais.A pesar de que en 1995 e no ano 2003 foron acometidas reformas parciais da Lei galega de Caixas, o PP non quixo cambiar as regras que rexían o funcionamento interno das entidades e que permitían consolidar prácticas de dominio incompatíbeis mesmo coa lóxica dunha administración mercantil eficiente e moderna. En realidade, durante eses anos, formalizouse un singular pacto: Méndez e Gayoso eran intocábeis na súa estrutura de poder corporativo a cambio da utilización dos importantes recursos dispoñíbeis no financiamento de proxectos e actividades sinaladas polo goberno de Fraga. A partir de ese status consensuado, todo o que veu despois resulta certamente intelixíbel aínda que non sexa admisíbel para quen pensamos que as institucións políticas e as Caixas deberían ser ferramentas ao servizo dun proxecto de creación de riqueza e benestar para a maioría da sociedade galega.O labor da coalición entre o PSdG e o BNG, tan meritorio en moitos campos, naufragou gravemente nesta asignatura tan relevante.E o non recoñecemento explícito desta eiva debilitou mais do necesario as posteriores estratexias opositoras ao novo ciclo triunfante do PP.

Méndez e Gayoso eran intocábeis na súa estrutura de poder corporativo a cambio da utilización dos importantes recursos dispoñíbeis no financiamento de proxectos e actividades sinaladas polo goberno de Fraga

Por outra banda, o actual presidente da Xunta non foi quen de explicar o papel xogado por Rajoy e Montoro cando a equipa económica de Zapatero modificou os criterios de solvencia e provocou o fracaso da fusión e o inmediato proceso de bancarización que xa coñecemos.A chamada reforma financeira foi o único espazo de consenso entre o agónico goberno socialista e o futuro relevo que xa se albiscaba.Feijoo era un convidado de pedra:quería aparentar unha capacidade de influencia que non tiña para evitar un custe electoral que finalmente non pagou.

Os vindeiros meses serán outra proba de algodón para este presidente que fuxe compulsivamente do seu pasado (Marcial Dorado, Pablo Crespo, Fraga) para abrazar un futuro tan incerto como perigoso.Novagaliciabanco é unha pataca quente que está nas mans do partido que acumula –no Estado e na Galiza- a maior dose de poder político das últimas décadas.

Acerca de Xesús Veiga

Economista