Non temos escolla

O nacionalismo galego está nun momento crítico. Segundo este se resolva, asistiremos á confirmación definitiva dun declive parece imparable, ou, pola contra, a unha viraxe para iniciar unha difícil remontada. O contexto en que estoupa esta crise non pode ser máis preocupante, pois coincide cunha ofensiva brutal contra as conquistas sociais en Europa e cunha hexemonía esmagadora da dereita tanto no continente coma no Estado. En Galicia o momento tamén é pésimo desde o punto de vista da fortaleza do noso autogoberno e da afirmación da nosa lingua e cultura. Mesmo a conxuntura electoral é desfavorable, cunhas eleccións autonómicas á vista e cun Partido Socialista seriamente dividido e debilitado.

O momento é, pois, inoportuno para abrir unha crise, pero é precisamente o devandito marco o que a precipita. O declive electoral do BNG vén de lonxe e nas últimas convocatorias atinxiu cotas alarmantes, cunha caída de voto especialmente significativa nas cidades e entre a mocidade. A capacidade de influencia social e cultural do nacionalismo tamén está baixo mínimos, a pesar do vigoroso movemento cívico que se ergueu en defensa do galego.

A reacción da forza dominante no BNG, a UPG, ante estes reveses consistiu no reforzamento do seu control sobre as organizacións que considera os seus satélites

A reacción da forza dominante no BNG, a UPG, ante estes reveses consistiu no reforzamento do seu control sobre as organizacións que considera os seus satélites, no asalto aos postos de saída nas candidaturas electorais (especialmente nas urbes) e no repregamento ideolóxico a posicións cada vez máis retrógradas. O sector máis intransixente da UPG, apoiado no dominio sobre a CIG, exerceu unha presión incesante para impor unha liña de progresiva redución do pluralismo interno dentro do Bloque, de marxinación dos adversarios e de asfixia das voces discrepantes.

Temores e cautelas

A decisión de saír do BNG tomada polo Encontro Irmandiño (e probablemente tamén de Máis Galiza: agardaremos ao vindeiro domingo) e por centos de militantes provoca lóxicas reticencias. Reticencias que medran cando se comproba que os liderados brillan pola súa ausencia ou polo seu desconcerto, coa honrosa excepción de Beiras e á expectativa do que fagan potenciais referentes como Teresa Táboas ou Pérez Bouza. Esa militancia heteroxénea e confusa, fundamentalmente de base, será quen de erguer un novo proxecto? E como será ese proxecto? Non estamos ante o risco de que se reedite un BNGbis? E supoñendo que se dea argallado, que viabilidade terá, no contexto dun arco político-electoral moi consolidado, e contando co atranco que supón a esixencia do 5% do voto para entrar no Parlamento galego?

Non estraña que no presente contexto algúns cargos municipais que no fondo comparten o descontentamento e as razóns das xentes que estamos saíndo do BNG prefiran optar pola cautela

Non estraña que no presente contexto e ante o devandito panorama, algúns cargos municipais que no fondo comparten o descontentamento e as razóns das xentes que estamos saíndo do BNG prefiran optar pola cautela. Incluso é comprensible que compañeiros e compañeiras que ven os problemas de xeito similar ao noso consideren máis sensato quedar dentro. Será de agardar que uns e outras sirvan de contrapeso ao dominio incontestado da UPG e axuden a tender imprescindibles pontes de colaboración no futuro.

Derradeira oportunidade

Sería insensato ignorar os complexos desafíos que terá que confrontar un proxecto renovador do galeguismo. Farán falla doses masivas de traballo, de habilidade e de perseveranza, ademais de moita sorte. Pero a alternativa non está entre arriscarse a unha aventura temeraria versus continuar colaborando nun proxecto político sólido, coas súas chatas. Consiste en deixar definitivamente o nacionalismo nas mans dunha casta dirixente que, coa súa pechazón, incompetencia e sectarismo probou sobexamente a súa nula capacidade para abrir camiños de futuro, condenándonos á esterilidade e á desesperanza; ou pola contra, sumando esforzos, tirando enerxías do pluralismo, tratar de forxar un instrumento político útil para Galicia, apto para reforzar a súa capacidade de decisión e a súa identidade e disposto a colocar as institucións de autogoberno ao servizo da modernización, o progreso e o benestar do país no seu conxunto, e moi en especial das clases traballadoras. Tal cousa será irrealizable? Igual si, pero non nos deixaron outro remedio que tentalo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.