0 Gardados para despois

Alberte García Nespereira

A importancia do público trala catástrofe de Santiago

O accidente ferroviario acontecido o xa infausto día 24 de xullo na parroquia compostelá de Angrois puxo de manifesto varias cousas. A principal, na miña opinión, foi a resposta cidadá, masiva e, na maior parte dos casos, anónima, de moitos veciños que acudiron os feridos nos primeiros momentos trala traxedia e das persoas que se presentaron para doar sangue nos lugares habilitados ó efecto.

A traxedia destes días puxo de relevancia o importante que é contarmos con recursos públicos en momentos excepcionais coma este. Eu repararía nunha tripla vertente: a Sanidade, as Infraestruturas e os Medios de comunicación

Noutra orde de cousas, nun momento no que o debate entre o público e o privado se está dando en moitos ámbitos da sociedade ó abeiro da crise económica e das medidas para afrontala, a traxedia destes días puxo de relevancia o importante que é contarmos con recursos públicos en momentos excepcionais coma este. Eu repararía nunha tripla vertente: a Sanidade, as Infraestruturas e os Medios de comunicación.

Contar cunha boa Sanidade pública implica que as políticas deseñadas dende os gobernos están pensadas para e nos enfermos, non en xerar beneficios a intereses privados afastados deses usuarios últimos, é dicir, os pacientes e as súas familias. Pois ben, no caso dun accidente con múltiples vítimas coma o de Santiago viuse a importancia de contar cuns servizos sanitarios preparados para afrontar situacións extraordinarias, onde non se escatimen recursos en ter máis ambulancias das estritamente necesarias ou onde haxa camas hospitalarias preparadas de se precisaren, tal como sucedeu. Se deixaramos a Sanidade en mans exclusivamente privadas non sería impensable supoñer que os cartos dedicados a urxencias ou a actividades non lucrativas serían mínimos, co conseguinte déficit de atención ás vítimas e agravamento das consecuencias do propio accidente. En relación con este asunto, sen poder entrar en materia por ser un profano, hai críticas que salientan o uso que a Xunta fixo dalgunha clínica privada (La Rosaleda) no canto de empregar o máis próximo e público Hospital de Conxo.

Unha empresa privada que se dedique ben ao propio transporte de pasaxeiros ben á xestión da infraestrutura ferroviaria vai tratar de acadar o máximo beneficio cos mínimos gastos posibles, incluídos os de mantemento e seguridade das liñas

En canto ás infraestruturas quero referirme á posible privatización de Renfe e a súa partición en varias empresas, proxecto que parece que está sobre a mesa do Goberno de España. Este aspecto meréceme unha análise semellante ó tratado anteriormente a respecto da Sanidade. Unha empresa privada que se dedique ben ao propio transporte de pasaxeiros ben á xestión da infraestrutura ferroviaria en si mesma vai tratar de acadar o máximo beneficio cos mínimos gastos posibles, incluídos os de mantemento e seguridade das liñas por moito que haxa unha regulación que os obrigue. Xa vemos o que pasa co mantemento da autoestrada AP-9  e o desleixo con que actuou a empresa concesionaria (AUDASA) nos graves incendios do verán do 2006. Aparte da seguridade unha posible privatización de Renfe probablemente deixaría ó maltreito servizo de tren galego sen moitas das liñas existentes baixo a xustificación mercantil de baixa rendibilidade.

Por último, a traxedia do outro día fíxome valorizar o dereito a unha información de calidade, que non tódolos medios de comunicación deron. Nese senso quero salientar a presenza continua da CRTVG dende o momento do suceso, deixando aparte o feito de que tentaran nesgar as informacións iniciais ó non desbotar un atentado que subrepticiamente inculparía a certos sectores da órbita política nacionalista.

A maior parte dos medios estatais-madrileños, incluíndo ó principio a TVE, non estiveron á altura dos acontecementos ó non darlle a importancia que merecía, coma se o que pasara en Compostela tivera lugar nun país afastado

En contraste, a maior parte dos medios estatais-madrileños, incluíndo ó principio a TVE, non estiveron á altura dos acontecementos ó non darlle a importancia que merecía, coma se o que pasara en Compostela tivera lugar nun país afastado (ás veces semella que esa é a percepción na Meseta). As televisións privadas só se ocuparon desta información unha vez que o accidente xa se convertera en catástrofe e, por exemplo, Antena 3 non suspendeu a emisión do partido amigable de fútbol que estaban retransmitindo cando en Galicia xa non estabamos para xogos. E aínda por riba nos días seguintes presumían de datos de audiencia grazas ó referido evento deportivo, coma se o importante foran os ingresos obtidos ese día e non o servizo de información que lle correspondería prestar a un medio de comunicación.

En conclusión: independentemente de que haxa sectores nos que o sector privado poida desempeñar un bo papel que sinale certas ineficiencias do sector público, resulta imprescindible poder contar con medios públicos alternativos que suplan a falla de interese ou o afán único de lucro dos intereses privados, porque hai cousas nesta vida máis importantes que gañar cartos, tal como vimos o outro día en Compostela.

Acerca de Alberte García Nespereira

Alberte García Nespereira naceu  en Ourense en 1980; estudiou Empresariais en Ourense e Económicas en Santiago. Dende o 2003 traballa nunha empresa viguesa adicada á pesca de altura no departamento financieiro, tanto no relativo ó comercio exterior como á xestión financiera e de impostos. O ano pasado rematou un Máster en Dirección económico-financieira.