Celso Dourado: resistir para sobrevivir

A casualidade quixo que nun destes venres de verán coincidisen en Barreiros, a pouco máis de 500 metros de distancia, o compromiso das Habelas Hainas e máis a Orquestra Panorama cuxa maior militancia é o alimento do seu propio ego ao berro inducido de “Panorama Oe”.

A casualidade quixo que nun destes venres de verán coincidisen en Barreiros, a pouco máis de 500 metros de distancia, o compromiso das Habelas Hainas e máis a Orquestra Panorama

As Habelas Hainas actuaban na Queimada Proletaria do Camping Gaivota cun repertorio que evidencia a súa loita por evitar que a música tradicional manteña contravalores agresivos coas mulleres. A Panorama facíao nunha praia próxima con intervencións inzadas de comentarios sexistas e postas en escena que non fan senón perpetuar o concepto de muller obxecto. Contrastes: a cultura como ferramenta para a transformación social fronte a espectacularización e a banalización máis absolutas da verbena popular.

O responsábel da actuación das Habelas Hainas no Gaivota era Celso Dourado, alma máter do cámping canda a Teresa Barcia, e corazón e cabeza do Eido Dourado, un espazo de arte e cultura de visita obrigada á beira da praia das Pasadas, en Barreiros.

A Panorama actuaba nunha praia próxima con intervencións inzadas de comentarios sexistas e postas en escena que non fan senón perpetuar o concepto de muller obxecto

Hai quen di de Celso que é un artista ou creador e non falta á verdade pero tal definición non é suficiente para dar cabida a magnitude da súa “obra global”.
Como persoa din del os que o coñecen ben que Celso é auténtico, vitalista, amigo, sincero e xeneroso. No camping, no Eido ou na súa vida diaria, este fillo de labregos acostumado, tal e como el recoñece, a “resistir para sobrevivir”, milita no activismo artístico, social e cultural e eis o cerne da súa vida e obra: o compromiso co país e coa loita social, inherente a Celso e máis á todo aquelo en canto participa.

Mostras do seu compromiso activo hainas a esgalla. A primeira delas a súa obra pictórica que non está concebida para o simple goce e admiración por parte de quen a observa senón que obriga a pensar e a reflexionar até o extremo, segundo recoñece o propio Celso, de que moitas veces “parte da miña obra é coma unha hostia frontal” polo seu carácter profundamente desgarrador.

A axenda cultural que presentan tanto o Eido Dourado coma o Camping Gaivota durante estes meses de verán achegou e achega a Barreiros músicas galegas e do mundo dunha calidade extraordinaria

Ou o Eido Dourado, un espazo para o diálogo entre o creador e a súa obra artellado polo propio Celso que se configura coma un entorno de exposición e creación no que importan contido e continente, tanto os cadros coma a pedra ou a columna da parede nas que se asentan ou a paisaxe da que forman parte. Un eido erguido durante un feixe de anos en base á autoconstrucción e ao emprego de materiais de refugallo: vigas de madeira reutilizadas, postes da vella liña eléctrica, travesas do ferrocarril…

Ou a axenda cultural que presentan tanto o Eido Dourado coma o Camping Gaivota durante estes meses de verán e que achegou e achega a Barreiros músicas galegas e do mundo dunha calidade extraordinaria. Unha proposta que debera sacar as cores de ducias de concellarías de Cultura do país que foxen deste tipo de propostas e se refuxian no espectáculo e entretemento como únicos horizontes da súa programación.

Celso acredita no poder da cultura como instrumento de rebeldía, de loita, de transformación e de resistencia

Celso acredita no poder da cultura como instrumento de rebeldía, de loita, de transformación e de resistencia, de aí que decida apostar polas Habelas Hainas, polos versos de Silvia Murias, polas melodías da lusofonía de En Clave de Fado, polo canto contemporáneo de Mónica de Nut, polos ritmos dos Som do Galpom ou pola voz do Tino Baz. Hai quen decide programar a Panorama.
Contrastes.

Como diría Celso, “resistir para sobrevivir”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.