A corresponsabilidade do accidente

É cedo de máis para calquera conclusión definitiva a respecto do complexo causal que xerou a catástrofe da curva d’A Grandeira. Mais as decisións adoptadas nos últimos días por ADIF e RENFE e as caixas negras son ben elocuentes. Semella que existiu,si, un erro humano, mais este erro humano nunca xeraría por si só o accidente se a seguranza do comboio e do camiño de ferro fose a axeitada. En último de contas, co  moderno sistema  europeo ERTMS o accidente non sería posíbel porque o sistema frearía o tren. Como explicarmos, se non é así, a decisión de ADIF de activar axiña un complexo sistema, recomendado polos expertos que conforman a Comisión ministerial que pescuda o accidente, de freado automático na curva cando a velocidade sobarde os 60 kms/h e o maquinista non actúe.

Semella que existiu,si, un erro humano, mais este erro humano nunca xeraría por si só o accidente se a seguranza do comboio e do camiño de ferro fose a axeitada

A decisión é asisada. Mais chega tarde. Cando abrollou xa a convicción de que os Gobernos de Aznar-Cascos,  ZP-Blanco e Rajoy-Ana Pastor aforraron en seguridade. Como se Galicia non precisase, por algunha estraña causa, da seguranza integral que gozan os AVES a Valladolid, Valencia, Sevilla ou Málaga.

Velaí a razón do nerviosismo dos Presidentes de ADIF e RENFE ao acusar en exclusiva o maquinista Garzón

Velaí a razón do nerviosismo dos Presidentes de ADIF e RENFE ao acusar en exclusiva o maquinista Garzón. Este enfrontará un proceso penal no que, sen prexuízo da súa presunción de inocencia, aparecen pegadas dun comportamento irregular que podería ser constitutivo de delito. Mais o dos Presidentes de Adif e Renfe é de puro cinismo político. Non poden seguir un día máis en cadanseus postos.

Os Gobernos do PP e PSOE toleraron unha seguridade desaquelada no traxecto. E un erro humano puido facer  o resto, cando o sistema estaba pensado para que a vida dos pasaxeiros non estivese exclusivamente nas mans do maquinista Garzón.

 

A arrincadeira: Lástima de bois.

A Coruña coñeceu unha feira taurina absolutamente orfa de seareiros e unha demostración cidadá a prol da súa cancelación que sobardou os límites de determinados colectivos animalistas ou partidos da esquerda nacionalista para acadar unha transversalidade social, xeracional e interclasista. Pódese admitir a subvención encuberta de 90.000 € do Concello a este espectáculo? É admisíbel manter na Lei de protección aos animais de Galicia a taurina licenza para matar?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.