Apoio orientativo eficaz e calidade no ensino

A incesante diversión que proporciona unha bicicleta durante unha tarde de verán, de súpeto, vese truncada por un cravo ou deus sabe que. Unha inesperada picada pretende arruinar aquela marabillosa tarde asollada. Resignación. Tentamos solucionar o dano. O alboroto aprémanos a ir máis rápido, en non cesar o interese de volver desafiar os colegas, por ver quen alcanza a máxima velocidade por aquel camiño franqueado por abundante maleza. Erramos ao executar a solución: a fuga de aire non cesa. Repetimos todo o proceso, máis rápido, alterados pola idea de deixar escapar aquela diversión. Volvemos errar.

España é o país da Unión Europea con máis licenciados en paro. Pero non é un dato novo, é un dato que vén repetíndose desde o ano 2006

Como ocorreu? Pensaba, deitado na cama, escoitando os grilos a través da xanela que daba ao patio e que permitía entrar aire fresco da noite. Esquecinme do problema, de solucionar a picada, arrastrado pola inercia da diversión, e deixei escapar unha marabillosa tarde de verán xunto aos meus amigos.

Este entrañable relato non o é tanto se falamos da educación universitaria española, que arrastrada pola inercia de producir licenciados, é incapaz de arranxar a picada que impide que estes universitarios alcancen un traballo relacionado cos seus estudos. Ou, simplemente, un traballo. España é o país da Unión Europea con máis licenciados en paro. Pero non é un dato novo, é un dato que vén repetíndose desde o ano 2006.

Os últimos movementos dos responsables da educación universitaria, lonxe de acudir á raíz do problema, decidiron colocar un novo parche sobre a picada, que servirá para seguir atrapando a mozos e mozas na universidade que algún día, despois de terminar os seus estudos universitarios sen perspectivas de futuro, tombados na súa cama durante unha calorosa noite de verán, farán a mesma pregunta: Como ocorreu?

Como nun sistema universitario de calidade, co aprobado establecido nun 5.0, pódese afirmar que alguén por baixo desa nota non reúne os requisitos para desempeñar a profesión para a que está a estudar?

Nun intento por redirixir o fluxo de estudantes entre a oferta educativa, pronunciouse a brillante idea de afirmar que un alumno con menos dun 6.5 de media nunha titulación debería pensar se realmente ten un perfil válido para eses estudos. Sigo estupefacto. Como nun sistema universitario de calidade, co aprobado establecido nun 5.0, pódese afirmar que alguén por baixo desa nota non reúne os requisitos para desempeñar a profesión para a que está a estudar? Claramente, é unha posta en dúbida da calidade do sistema universitario español.

Investimento en orientación: estudos adecuados ao perfil e capacidades do alumno, mediante un apoio orientativo eficaz e de calidade ao longo de todo o proceso educativo. Esa si sería a forma de conducir, e non reconducir, os estudantes

Un responsable de RRHH do xigante informático Google afirma que a mellor estratexia para sacar boas notas é saber que adoita preguntar o profesor en cuestión, e que tipo de respostas está a esperar atopar nun exame. Con este argumento, é inútil avaliar a solvencia dun alumno pola súa nota media do expediente. É cuestión de habilidade para resolver un exame.

Investimento en orientación: estudos adecuados ao perfil e capacidades do alumno, mediante un apoio orientativo eficaz e de calidade ao longo de todo o proceso educativo, con especial énfase nos últimos cursos de educación obrigatoria e bacharelato. Esa si sería a forma de conducir, e non reconducir, os estudantes cunhas expectativas creadas sobre un futuro intanxible. E calidade, calidade no ensino.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.