A loita polo espazo político verde

EQUO presentouse ás pasadas eleccións xerais nun intento de unir todas as forzas políticas ecoloxistas existentes en España. Algunhas quedaron fóra, pero EQUO tivo o recoñecemento do Partido Verde Europeo e presentouse en tódalas autonomías excepto Cataluña onde ICV representa a mesma liña política. O proxecto de EQUO está deseñado a medio prazo polo que a súa prioridade actual é asentar a súa construción no congreso constituínte que terá lugar este verán.

O verde vende. É certo no mundo empresarial, no que algunhas compañías enerxéticas contaminantes se venden coma ecolóxicas, e é certo no mundo político no que todo grupo que se prece empeza por colocarse a etiqueta de verde ou ecoloxista segundo lle cadre ó presentarse ante o electorado.

O verde vende. É certo no mundo empresarial, no que algunhas compañías enerxéticas contaminantes se venden coma ecolóxicas, e é certo no mundo político no que todo grupo que se prece empeza por colocarse a etiqueta de verde

Así Esquerda Unida foi ás eleccións xerais unindo ás súas siglas as de Os verdes, o que non é máis ca unha operación de cosmética electoral dada a nula presenza en Galicia deste partido e a tradición de IU de facer prevalecer o crecemento sobre a sustentabilidade.

O Encontro Irmandiño, trala súa escisión do BNG, declara a súa intención de atraer forzas antisistema e altermundistas, tradicionalmente unidas ao movemento político ecoloxista. Só caben dúas opcións para esta forza (xunto ós partidos que se lle unan, EN, PNG, +G, etc.): constituír unha forza nacionalista claramente competidora do BNG e que o electorado elimine a que considere que sobra, ou crear un novo espazo político menos esencialmente nacionalista e máis achegado ás novas formas de facer política que latexan no movemento verde, no ecosocialismo. Con esta segunda opción, podería sumar adhesións desde o galeguismo non nacionalista fronte a un BNG esgotado que padece un retroceso continuado e persistente.

Así mesmo xurdiu de Ben Común (unha plataforma que se inspirou no 15M) e unha nova forza política moi minoritaria: Os Ecogaleguistas, que pretende tamén o espazo verde aínda que está por ver que non sexa máis ca unha plataforma de aterraxe para o Encontro Irmandiño, dado que este partido levaba varios meses cavilando coa posibilidade de saír do BNG e do control político interno da UPG. Finalmente cabe citar o PACMA e o Partido da Terra, que se moven tamén no ámbito político ecoloxista ou animalista aínda que non teñen unha presenza política relevante.

Do mesmo xeito que é correcto que cada forza ande o seu camiño e fixe cales son as súas posicións definitorias, tamén lles é esixible que tomen as súas decisións con responsabilidade e realismo, sen desvirtuar o seu proxecto político por negociar unhas listas electorais, pero tamén sen destruír posibles vías de transformación social real en Galicia por purismos ideolóxicos ou ambicións persoais sen sentido.

O verde non é só unha etiqueta para venderse nas eleccións. O futuro é verde ou non será porque non todo vale en economía: a natureza non é só un patrimonio paisaxístico senón tamén un recurso a medio e longo prazo que debemos protexer das ansias destrutivas dos empresarios que só ven o seu beneficio económico privado (como se está a pedir para a declaración de Parque Natural para o Monte Pindo).

O crecemento produtivista ilimitado non é xa posible e temos que virar a vista cara a unha economía sostible e a un reparto equitativo entre todas as persoas

O crecemento produtivista ilimitado non é xa posible e temos que virar a vista cara a unha economía sostible e a un reparto equitativo entre todas as persoas. Temos que xestionar os residuos racionalmente e loitar contra as incineradoras coma se está a facer, parece que con éxito, no Irixo. Non se poden desbotar as enerxías renovables coa escusa da crise económica porque son unha fonte de riqueza e de emprego na que temos posibilidades reais de desenvolver tecnoloxía exportable con alto valor engadido. Finalmente temos que profundar a democracia para loitar contra a corrupción e abrir novas vías de participación cidadá.

Son as posturas ante todo isto as que dirán se as forzas que se presentan como verdes ou ecoloxistas o son de verdade ou só por mercadotecnia electoral. EQUO cónstame que é sincera; espero que as demais se sumen ó carro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.