Se Rosell mandase...

As últimas declaracións do señor Rosell en Onda Cero resultan intolerables para calquera cidadán que teña un chisco de sensibilidade ou un mínimo senso ético da vida: este señor bota pola boca, con absoluta naturalidade e impunidade, a idea de despoxar dos seus dereitos os traballadores con contratos indefinidos —dereitos que el denomina privilexios— para, disque, incrementárllelos aos temporais; e recoñece que estes últimos son o 90% dos contratos que se formalizan, para rematar cun «e grazas».

Debo confesar que, logo de ler as declaracións, o primeiro que me veu á cabeza foi proferir contra este tipo un insulto que non podo nin debo reproducir por escrito, pero que é ben xusto e merecido; cuestión de manter as formas.

Máis alá do tratamento de «privilexio» que lles dá aos dereitos e normas legais que regulan o mercado laboral, está o fondo deste tipo de declaracións, impensables non hai demasiado tempo porque seguramente serían constitutivas dun delito de apoloxía de terrorismo laboral. E non só polo que di, tamén pola forma en que o di, coa autosuficiencia dun milhomes que actúa e fala por riba da maioría dos parias deste país.
Pero non lle abonda con isto e lanza a idea, coa firme convicción dun demócrata probado, de que aos seis millóns de persoas paradas deste país, o Estado só debería darlles a axuda mínima e necesaria para ir sobrevivindo. Despois disto, non podo evitar que o insulto que non escribín me veña de volta á boca.

Máis alá do tratamento de «privilexio» que lles dá aos dereitos e normas legais que regulan o mercado laboral, está o fondo deste tipo de declaracións, impensables non hai demasiado tempo porque seguramente serían constitutivas dun delito de apoloxía de terrorismo laboral

Para rematala, dá a súa opinión de experto sobre o tratamento que se lle debe dar ao déficit público, que, como non, debe pasar por adelgazar os servizos que hoxe prestan as administracións para llelos dar ás empresas privadas.

Nin esta é a primeira nin seguramente será a última vez que este señor ou algún outro dos seus socios do club empresarial saian aos medios a anunciaren e propoñeren solucións tan racionais e efectivas para combater os graves problemas laborais e económicos do país.

Tanta obscenidade arrepía, tanto atrevemento asusta e tanta brutalidade exaspera.

Moito temo que, de seguir así, axiña o señor Rosell e os seus acólitos sairán propoñendo algunhas medidas do estilo de crear en todas as comunidades autónomas áreas de traballo solidario para a mocidade desempregada

Moito temo que, de seguir así, axiña o señor Rosell e os seus acólitos sairán propoñendo algunhas medidas do estilo de crear en todas as comunidades autónomas áreas de traballo solidario para a mocidade desempregada e parados de longa duración; áreas onde, polo alimento, se traballe en interese da colectividade ao mando do grupo empresarial (CEOE), co fin de ir xerando riqueza futura para o país; ou pedir a suspensión, mentres dure a crise, das normas laborais, en beneficio da produtividade; ou darlle prioridade ao traballo dos homes sobre o das mulleres; e, xaora, pór nas mans da CEOE todos os servizos públicos existentes para que, co espírito empresarial, rendan como é necesario.

Por desgraza, estas burradas non son ficción científica, son algunhas das ideas que están rebulindo nas cabezas destes inefables, insaciables e demócratas representantes da clase empresarial do noso país, para «solucionar a crise».

Se a eles lles xuntamos un goberno ruín, sectario e presuntamente corrupto como o que temos, faise un cóctel intragable para calquera cun mínimo de sensibilidade social.

Como cidadáns temos dereito a esixir un presente e un futuro mellor para a humanidade, e non un mundo peor, como o que esta caste de individuos propoñen coa coartada da crise. Para eles, en singular, o futuro sempre é mellor e máis abondoso, nunca asumen sacrificios propios; é máis, o sacrificio enténdeno sempre en segunda ou terceira persoa. A súa rendibilidade está por riba da maioría, conciben a creación de riqueza como algo persoal e intransferible; son egoístas, insáns, sectarios, paternalistas, falsos e mentireiros compulsivos, sempre nadando a favor da corrente.

Galicia, España, o mundo non avanzarán socialmente se continúan nas mans deste tipo de persoas

Galicia, España, o mundo non avanzarán socialmente se continúan nas mans deste tipo de persoas. Só a democracia dos pobos, o compromiso sincero e real das persoas con ela e a súa participación responsable poderán librarnos destes individuos que no actual sistema se reproducen como cogomelos no outono. Para demostralo non é preciso mirar moi atrás: o seu antecesor, que probablemente non era moito peor ca este, facía propostas ben similares; está na cadea por ladrón.

Para rematar, só quedar dicir que seguramente este escrito non vai arranxar nada, nin sequera achega cuestións novas, alén dunha simple opinión. Pero, polo menos, pretende servir para que individuos coma este presidente empresarial saiban que existen outras visións do mundo menos egoístas, máis solidarias e a anos luz ideoloxicamente das súas; e que, para ben ou para mal, todos os nosos actos teñen consecuencias boas e malas. «Arrieiros somos…»

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.