0 Gardados para despois

Carme Adán

T-Solar ou a vontade de existir

Comezamos o que se denomina un curso político. A historia repetida como parodia sitúanos de novo diante da corrupción da dereita que va moito mais alá dos papeis de Barcenas, os ordenadores destruídos ou o vindeiro episodio de promesas incumpridas. É a corrupción de quen con cinismo decide derrotar a sociedade, eliminar o ben común, os dereitos e valores que como fíos diversos tecen o noso soporte cotián.

Mais de dous meses os traballadores e traballadoras dedican o seu tempo, día e noite, a defender que non se desmantele unha fábrica innovadora e punteira no deseño e fabricación de paneis solares

Por iso o peche de T-Solar sorprende e gratifica. Mais de dous meses os traballadores e traballadoras dedican o seu tempo, día e noite, a defender que non se desmantele unha fábrica innovadora e punteira no deseño e fabricación de paneis solares. Iso que se denomina I+D+i no parque tecnolóxico de Ourense ten un magnífico exemplo. Tecnoloxía avanzada, xente moza formada para o traballo, un mercado en auxe,  instalacións novas con moitos millóns de euros de inversión pública e privada dan corpo a esa expresión tan empregada e publicitada por Feijóo como esquecida nas súas políticas reais. Non había ningún motivo para pechar a produción, tampouco o hai agora para que se poida vender e que continúe co traballo.

T-Solar representa o que vive este país todos os días. Unha normativa do estado que condea as enerxías renovábeis galegas para alimentar as grandes eléctricas e a todos os políticos xubilados do PP e do PSOE que forman parte dos seus Consellos de Administración

T-Solar representa o que vive este país todos os días. Unha normativa do estado que condea as enerxías renovábeis galegas para alimentar as grandes eléctricas e a todos os políticos xubilados do PP e do PSOE que forman parte dos seus Consellos de Administración. O desleixo absoluto do goberno galego ante o que significa a incapacidade para decidir sobre a política enerxética de Galiza. Só por poñer un exemplo podemos ver como as Illas Canarias conseguiron manter as primas as enerxías renovábeis mentres nós imos camiño de ver un incremento da factura da luz polo canon eólico do último concurso eólico de 2010, por certo, concurso totalmente fallido que non reportou nin un só posto de traballo.

T-Solar tamén representa a resistencia ante a inxustiza e a sen razón, a vontade de seguir traballando no país e pular por algo distinto. Seguro que parecerá unha loita cativa nunha cidade do interior galego, mais é todo o contrario. É unha enerxía vital irradiada por todos os poros de quen non quere que o baltarismo deixe por herdanza o ermo social coa música de bombos de fondo. Coido que é un conflito que excede as fronteira da cidade termal porque hoxe é unha bandeira de resistencia ante a esmagadora sensación de que nada se pode facer por mudar as cousas.

Seguro que parecerá unha loita cativa nunha cidade do interior galego, mais é todo o contrario. É unha enerxía vital irradiada por todos os poros de quen non quere que o baltarismo deixe por herdanza o ermo social coa música de bombos de fondo

Fronte ao cinismo do PP está a valentía dos traballadores e traballadoras. Fai pouco pasei unha xornada con eles na fábrica e sentín como facía moito tempo que a política paga a pena, que o común deféndese desde o colectivo. A compañeira Tereixa Paz, que leva os dous meses alí pechada, falaba ese día con grande emoción do moito que leva aprendido neste peche. De como creceu como política e persoa. 

T-Solar é moito máis que un conflito laboral ou o peche dunha fábrica. Expresa o sentir dunha Terra que se resiste a ser vendida a prezo de saldo por incomparecencia dos seus gobernantes.

Acerca de Carme Adán

Doutora en filosofía pola USC. Catedrática de filosofía de ensino secundario. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía entre os anos 1999 e 2005. En 2003 publica “Feminismo e Coñecemento”. Secretaria xeral de Igualdade (2005-2009) da Xunta e deputada do Parlamento galego polo BNG ata 2016.