Saír xuntos da crise? O caso galego (I)

É común escoitar que desta crise imos saír se nos mantemos unidos. Un dos recursos máis empregados polo discurso económico dominante precisamente é este: é necesario que o conxunto da poboación faga un esforzo igualitario para que poidamos remontar cara a senda do crecemento. Agora ben, é isto certo? Estamos esforzándonos por igual ou alguén sae beneficiado? Para analizar esta cuestión veremos, en primeiro lugar, a composición do PIB de Galiza dende o ano 2005 polo lado da renda. O PIB pode ser calculado como a suma de tres apartados:

Analizando a evolución dos últimos cinco anos vemos un maior peso dos beneficios empresariais en case catro puntos sobre o total, mentres os salarios e os impostos perden parte da súa importancia

-Remuneración dos Asalariados.
-Excedente Bruto de Explotación: Para simplificalo, beneficios empresariais e ingresos de
traballadores autónomos.
-Impostos netos sobre a produción e as importacións: basicamente o IVE, algúns impostos especiais e
tributos ás importacións.

Con esta suma o que teremos serán as rendas pagadas polos factores produtivos (traballo e capital). Nun exemplo: se Galiza ten unha soa empresa que xera un valor total de 100, no ano 2010 tería distribuído esa produción con 46,9 unidades en salarios, 43,9 en beneficios e 9,3 no pago de impostos.

Analizando a evolución dos últimos cinco anos vemos un maior peso dos beneficios empresariais en case catro puntos sobre o total, mentres os salarios e os impostos perden parte da súa importancia. Se ben no ano 2005 a relación era favorable aos salarios, na actualidade a situación é inversa, cun maior peso dos beneficios empresariais. Ao mesmo tempo, vemos como se produce un forte e rápido deterioro do peso dos salarios na participación do PIB, ca perda de máis dun 5% do seu peso en relación ao ano 2009. Polo tanto, existe unha tendencia clara onde os beneficios empresariais medran e os impostos e salarios caen, dun xeito cada vez máis acusado.

Por outra banda, vexamos a variación anual dos custos salariais unitarios en relación ao Índice de Prezos ao Consumo (IPC), como indicador dos cambios na capacidade de consumo a partir do salario das persoas traballadoras. Como vemos, polo xeral os custos salariais unitarios están por riba do IPC, é dicir, unha persoa traballadora incrementou a súa renda máis do que o fixeron os prezos. Pero temos que facer dúas precisións: a partir do ano 2006 o valor dos custos salariais dispárase non porque melloren os salarios, senón que se comeza a destruír emprego de baixa cualificación, o que infla o valor medio do custo salarial. O outro elemento, máis preocupante aínda, é a tendencia do final da gráfica: dende o ano 2010 o valor do custo salarial descende, até un punto onde o IPC medra moito máis que os salarios. Polo tanto, a capacidade de renda das persoas asalariadas vese reducida de xeito notábel.

Así, conxúganse varios efectos negativos sobre a renda do traballo: incremento do desemprego, caída dos salarios reais e contratacións por baixo dos salarios medios existentes. É dicir, as persoas asalariadas están a perder posicións relativas na súa capacidade de renda en favor dos beneficios empresariais.

Son as microempresas (menos de 10 persoas traballadoras) as que obteñen maiores beneficios en relación ao seu volume de vendas

Por último, vexamos os resultados empresariais. Para analizar isto entre as diferentes empresas empregaremos o Resultado Económico Neto dividido pola Cifra de Negocios1. En primeiro lugar, un dato curioso: son as microempresas (menos de 10 persoas traballadoras) as que obteñen maiores beneficios en relación ao seu volume de vendas, cunha diferencia abismal sobre o resto de firmas (PEMES e grandes empresas).

Un exemplo para entender isto: se McDonalds ten un beneficio de 1.000.000 € e unha cifra de negocios de 10.000.000 €, o valor será de 0,1; ao mesmo tempo, unha microempresa pode ter un beneficio de 1.000 € e unha cifra de negocio de 2.000 €, o que amosa un valor de 0,5. En termos relativos a microempresa está moito máis arriba, aínda que en termos absolutos é McDonalds a que ten máis beneficios.

Xa no tema que nos ocupa, observamos que os beneficios empresariais non tenden a desaparecer, senón que máis ben se manteñen estables até o ano 2010 (non temos datos posteriores para Galiza), independentemente do tamaño da empresa. Ademais, son as grandes empresas as que ven medrar os seus beneficios no período.

É dicir, existe unha redistribución interna entre as fraccións do capital produtivo que favorece ás grandes empresas sobre as PEMES e microempresas. Que quere dicir isto? Que as grandes empresas incrementan os seus beneficios mentres microempresas e PEMES os reducen.

Evidentemente, o grao de volatilidade que existe nas empresas con escasos empregados é moi superior ao das grandes empresas, o que na práctica fai que os beneficios das grandes empresas sexan moito máis seguros, mentres a situación dos beneficios nas microempresas e pequenas empresas é moito máis volátil.

 

A modo de conclusión

Son as grandes empresas as que melloran a súa posición relativa durante o período de crise

Despois de ver esta pequena escolma de datos, podemos tirar unha serie de conclusións:
-Os beneficios empresariais gañan peso sobre os salarios na distribución da produción total.
-Os salarios reais descenden en termos absolutos. Descende así a capacidade de consumo, en base a unha suposta “mellora de competitividade” que non é real.
-Estes dous procesos agudízanse nos dous últimos anos de crise.
-Son as grandes empresas as que melloran a súa posición relativa durante o período de crise. Polo tanto, aínda que existe un conflito capital-traballo, o esquema pode complicarse cando analizamos as loitas entre fraccións do capital que buscan tamén unha maior valorización. Do mesmo xeito, poderíase levar a cabo unha análise capital produtivo – capital financeiro para valorar esta mesma loita.

Como se pode plantexar unha recuperación económica na que o consumo privado descenda, o consumo público manteña políticas austericidas e o mercado exterior continúe deprimido?

Por último, unha cuestión de fondo sobre a situación económica actual. Ante este panorama de descenso salarial por unha banda e corte do crédito pola outra, a renda dispoñíbel (é dicir, a capacidade de compra da cidadanía) vese restrinxida. Desde esta óptica, cales son as posibilidades de reprodución do capital? É dicir, como se pode plantexar unha recuperación económica na que o consumo privado descenda, o consumo público manteña políticas austericidas e o mercado exterior continúe deprimido? Poden tentar enganarnos con discursos interesados ante a “recuperación económica”, pero os datos son teimudos: a recuperación económica non é real e as políticas levadas a cabo só beneficiaron a uns poucos.

 

(1) Empregamos este indicador para así poder establecer unha medida comparábel independentemente do tamaño empresarial e que evite as variacións temporais derivadas do descenso (máis que probábel) da actividade total empresarial a raíz da caída do consumo. Por outra banda, hai que ter en conta que a desaparición de empresas non se valora, elemento importante pero que non imos introducir nesta pequena análise.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.