O exemplo do mundo

Somos o exemplo do mundo e somos os últimos en decatarnos. Se fose por nós, os cidadáns, España non levantaba cabeza. Proclamouno o joker sorrinte Cristóbal Montoro: cando polo planeta adiante pensan nun milagre económico, España é o primeiro que lles vén á cabeza. Durante o último G-20 cando falaba o oráculo Rajoy, Obama tomaba apuntamentos. Temos un goberno tan atormentado polo seu pasado que prefire vivir no futuro da súa propia propaganda.

O seguinte eran as olimpíadas. Levaban escrito o nome de España. Até había instantáneas do príncipe Felipe e Leticia de acampada institucional por Buenos Aires. Os promotores de Madrid 2020 afirmaban dispor de enquisas onde nove de cada dez españois estaban por ser olímpicos. "Por suposto que hai diñeiro para pagar os Xogos" aclarara retador o ministro De Guindos, o Señor dos rescates. Nada podía disturbar a forza e menos aínda cando vai chea de orgullo patrio.

A propaganda só funciona en España. No estranxeiro, perde os seus poderes máxicos

Agora o soño converteuse en pesadelo. A propaganda só funciona en España. No estranxeiro, perde os seus poderes máxicos. Madrid caeu á primeira e, hai que dicilo, con certa crueldade por parte do COI.

Non se entristezan máis do estritamente necesario. A longo prazo saímos gañando. As contas estaban botadas ao estilo do Gran Capitán. Cada vez que un xestor español anuncia que imos recoller miles de millóns gastando agora uns centos de millóns xa saben o que segue. Dor, moita dor. É un misterio por que a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela supón un exemplo do faraonismo da burbulla inmobiliaria, mentres que edificar o 80% das infraestruturas duns Xogos que ninguén che concedeu constitúe unha gran vantaxe competitiva.

É un misterio: a Cidade da Cultura supón un exemplo do faraonismo da burbulla inmobiliaria, pero edificar o 80% das infraestruturas duns Xogos é unha gran vantaxe competitiva

Tampouco se ía crear o emprego prometido, nin acudirían os millóns de visitantes calculados. Sería a primeira vez na historia do olimpismo. O chamado soño olímpico é outra mostra do noso apego ao modelo económico que nos trouxo até estes anos infaustos de paro e recesión. Un modelo que por suposto non imos cambiar. Que marchen fóra os médicos, os profesores, os enxeñeiros, os investigadores, incluso os futuros deportistas de elite. Nós quedamos co que verdadeiramente nos importa: o cemento e os turistas.

Que marchen fóra médicos, profesores, enxeñeiros, investigadores ou futuros deportistas de elite. Nós quedamos co que verdadeiramente nos importa: o cemento e os turistas.

Non temos diñeiro para o estado do benestar, para a innovación ou para a ciencia. Iso é gasto, luxos de novos ricos, vivir por riba das nosas posibilidades. As olimpíadas, en cambio, son un investimento, unha oportunidade e un gran negocio. Pero non nos entenden. A alegre mocidade do COI preferiu o ouro de Toquiio á nobreza española. Sempre nos quedará Eurovegas. Máis cemento e máis turistas. O segredo do noso éxito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.