Lexitimación do franquismo

Preto da cima do monte do Castro, nun lugar privilexiado que domina parte da cidade de Vigo, levántase unha sinistra cruz de pedra, monumento de 12 metros levantado en 1961 en honor dos caidos do bando franquista durante a guerra de 1936, inaugurado polo propio Francisco Franco e que non pode evitar a comparación con outra cruz, esta vez de esperpénticas dimensións: a do Val dos Caidos. Os “monumentos aos caidos” proliferaron ao longo do Estado Español como elementos propagandísticos dunha ditadura que fusionaba deste xeito o político e o relixioso, fomentados desde as diferentes xefaturas de Falange e que representan perfectamente a idiosincrasia franquista: nacional-catolicismo, conmemoración da vitoria, xerarquía, obediencia e ánimo de imperialidade. A representación perfecta do triunfo da morte sobre a intelixencia.

Esta semana, PSOE e PP evitaban a demolición deste motivo de indignación para toda aquela persoa que participe dos valores democráticos

Esta semana, PSOE e PP evitaban a demolición deste motivo de indignación para toda aquela persoa que participe dos valores democráticos. En 2013, Vigo mantén nunha zona principal unha horrenda mole de pedra en conmemoración dunha ditadura fascista e da súa represión.  Para manternos nesta perpetua vergoña, ambos grupos municipais escudáronse nunha declaración por unanimidade do Concello vigués de 1981, gobernado entón polo socialista Manuel Soto, que confería ao monumento a representación de todos os caidos na guerra, pirueta que pretendía saltarse a historia, inserida nese proceso de esquecemento, de deformación da memoria colectiva que os herdeiros do franquismo necesitaron impoñer para facer gobernábel o estado durante a Transición.

Coa Lei da Memoria Histórica na man, o concello podería borrar dunha vez toda a simboloxía franquista das igrexas sen necesidade de facer concesión algunha

Para poder lexitimar a Transición e lexitimarse  a si mesmos, as elites franquistas non só podían xogar co medo ao movemento de sabres, senón que necesitaban crear a ficción de que en 1936 tivera lugar unha guerra entre irmáns, esvaendo así o que en realidade fora o sistemático aniquilamento físico do movemento obreiro por parte das forzas fascistas vinculadas aos intereses de terratenentes, industriais e demais compoñentes das elites extractivas. Dito isto, poderiamos preguntarnos se aqueles que foron asasinados durante o holocausto franquista, ou que caeron nas distintas frontes armadas contra o avance do fascismo, poden ser representados por semellante cruz, construída como exaltación da feroz ditadura contra a que enfrontaron as súas vidas. A resposta a esta pregunta, naturalmente retórica, debería de axudarnos a situar a cada cal no seu bando.

Cítase tamén, como escusa para evitar a demolición da cruz franquista, un acordo co bispado no que a Igrexa permite a retirada dos símbolos falanxistas que ata entón, con orgullo, vestían as súas fachadas, a cambio de manter en pé a cruz dos caidos. Coa Lei da Memoria Histórica na man, o concello podería borrar dunha vez toda a simboloxía franquista das igrexas sen necesidade de facer concesión algunha. O problema que se lle suscita a Abel Caballero, paladín do máis bruto localismo, é que a Igrexa supón un elemento de poder, e non hai nada que motive máis ao PSOE que agachar a cabeza unha e outra vez diante dos poderosos, para poder demostrar aos de arriba que son un partido con vocación de estado, un partido no que se pode confiar, un alicerce no que se poden apoiar sempre que o necesiten.

López Font, como Abel Caballero e todo o aparello do PSOE, non se consideran herdeiros dun partido que loitou contra o fascismo, senón que terminan identificando as súas posturas cos herdeiros directos do franquismo

Os ricos nunca terán nada que temer con eles, como xa demostrou Zapatero en maio de 2010. Cos que estamos abaixo, en cambio, o seu comportamento é ben distinto. Á fin e ao cabo, o PSOE está totalmente baleiro de ideoloxía, convertido nun simple partido xestor do poder, interesado en manter o status quo do 78 que administra xunto ao PP e que só atende ao reclamo das elites. Por iso, tal vez sexa sincero o concelleiro López Font cando di que o que se levanta no monte do Castro é unha simple cruz: López Font, como Abel Caballero e todo o aparello do PSOE, non se consideran herdeiros dun partido que loitou contra o fascismo, senón que terminan identificando as súas posturas cos herdeiros directos do franquismo.

PSOE e PP non son o mesmo, pois a súa base social é distinta. Moitas votantes do PSOE son persoas comprometidas cos nosos dereitos e coa democracia; pero os intereses do seu aparello coinciden plenamente cos do PP

A transformación do PSOE , apoiada nos marcos alemáns dende finais dos 70, nun partido con vocación de xestor de réxime, nun partido máis preocupado polo benestar das elites e os seus intereses económicos que dos intereses materiais das clases populares, totalmente desconectado da súa propia historia, salta á vista de forma evidente neste caso. A insultante defensa do máis significativo emblema da ditadura na cidade por parte dos dous grandes partidos sérvenos como novo exemplo dunha realidade que cada vez é máis palpábel para máis xente: que existe unha liña que separa nitidamente ao PSOE do resto das forzas políticas de esquerdas, e que detrás desa liña o seu compañeiro de viaxe é o PP. PSOE e PP non son o mesmo, pois a súa base social é distinta. Moitas votantes do PSOE son persoas comprometidas cos nosos dereitos e coa democracia; pero os intereses do seu aparello coinciden plenamente cos do PP; ambos partidos serven aos mesmos amos, ata cando do que falamos é da celebración da barbarie franquista. Os intereses das traballadoras, están radicalmente enfrontados aos seus.

É totalmente necesario que coloquemos sen ambaxes ao PSOE do outro lado da barreira, que rompamos definitivamente con eles

Por iso, para poder romper coa herdanza da ditadura, para que as que estamos sufrindo os recortes podamos romper coa austeridade, é totalmente necesario que coloquemos sen ambaxes ao PSOE do outro lado da barreira, que rompamos definitivamente con eles. Da conivencia entre uns e outros, a defensa esta semana da Cruz dos Caidos é, simplemente, un exemplo máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.