0 Gardados para despois

Alberte Blanco Casal

O complexo de Sísifo

Con ocasión dos últimos incendios forestais ocorridos en Galiza algúns expertos insisten en que o problema dos lumes no noso país é unha cuestión estrutural e que se non se cambia a ordenación do territorio e non se inverte a tendencia de abandono do medio rural non haberá solución a este fenómeno. Algúns incluso afirman que a política forestal en Galiza non variou nada nos últimos vinte anos e que ningunha Administración fixo nada polo uso racional do monte. Nada que obxectar ao acertado da primeira parte do aserto xeral desta tese, pero sería totalmente inxusto acreditar en que a política forestal ou agraria da Xunta de Galiza foi invariable independentemente do signo do goberno de quenda. Só no descoñecemento, na irresponsabilidade ou na mala fe se podería sustentar tal afirmación.

Na lexislatura 2005-2009, a Consellaría do Medio Rural, da man do nacionalismo, iniciou unha política forestal e agrícola tendente a inverter os parámetros de abandono do rural incentivando a incorporación de mozos ás actividades agrarias

É indubidable que o monte galego sufriu unha grande transformación, culminada ao longo do pasado século —contra a vontade dunha gran maioría dos seus usuarios—, coa súa masiva forestación desprazando a gandaría extensiva e o pastoreo xunto a outras actividades agrarias complementarias. Ademais, producíronse cambios dramáticos no ámbito socio-económico e no modelo de explotación agrícola, feitos que levaron a un progresivo abandono do rural e estes cambios radicais, non cabe dúbida, están na base dunha parte significativa da actual casuística incendiaria. Partindo desta análise de fondo, na lexislatura 2005-2009, a Consellaría do Medio Rural, da man do nacionalismo, iniciou unha política forestal e agrícola tendente a inverter os parámetros de abandono do rural incentivando a incorporación de mozos ás actividades agrarias e dando inicio á modificación do paradigma forestal ata entón vixente.

Puxéronse en marcha en 2007 as Unidades de Xestión Forestal, que tiñan como obxecto a concentración voluntaria de propiedades para unha explotación racional dos seus recursos

Neste contexto puxéronse en marcha planos de explotación multifuncional do monte onde as actividades ligadas ao sector forestal tradicional foron relativizadas polo impulso dado aos aspectos ambientais, paisaxísticos, gandeiros e de producións non madeireiras, accións que contaban por vez primeira cunha importante dotación orzamentaria e o seu correspondente Servizo Administrativo. Ademais, atacouse de cheo un dos problemas endémicos do monte e, por extensión, do rural galego que é o minifundio.  Para iso puxéronse en marcha en 2007 as Unidades de Xestión Forestal —cunha liña orzamentaria específica— que tiñan como obxecto a concentración voluntaria de propiedades para unha explotación racional dos seus recursos. Esta acción tiña como obxectivo frear o abandono mobilizando os propietarios —comunais e particulares— e poñer ao seu alcance a posibilidade de conseguir explotacións multifuncionais rendibles dentro duns parámetros forestais de prevención e explotación diversificada do territorio.

Esta non foi unha medida illada ou puntual senón que formaba parte dun novo modelo agrario para o país avalado por unha Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (a primeira en Galiza despois de décadas de lumes forestais) e un decreto específico. Estas accións completáronse cunha modernización sen precedentes do sistema anti-incendios ata o punto de que foi considerado modélico por outras administracións e organismos do resto do Estado. Este modelo apoiábase nos avances tecnolóxicos, ademais de incidir prioritariamente nos aspectos de prevención e vixilancia e participación social (poñendo en marcha o Consello Forestal de Galiza e creando a Mesa da Madeira) lográndose unha interlocución positiva con axentes destacados do rural como sindicatos, ecoloxistas, cooperativas agrarias, cazadores, axentes da gandería extensiva e pastores.

Todo este diálogo sen precedentes culminou na aprobación, case por unanimidade no Consello Forestal, do anteproxecto da Lei de Montes de Galiza onde se concretaba o novo modelo forestal

Todo este diálogo sen precedentes culminou na aprobación, case por unanimidade no Consello Forestal, do anteproxecto da Lei de Montes de Galiza onde se concretaba o novo modelo forestal. Neste contexto foi elaborado o Plan de Aproveitamento da Biomasa Forestal Residual onde se contemplaba unha rede de centrais térmicas de biomasa en todo o país para eliminar os restos forestais procedentes da silvicultura e completar o ciclo de realización de faixas perimetrais de núcleos rurais como un medio inmediato de protección fronte aos incendios. Tamén, por vez primeira, regulouse o material xenético de reprodución dándolle utilidade ás investigacións dos nosos científicos que levaban décadas almacenadas en Lourizán. Pero as actuacións non só se restrinxiron ao ámbito forestal; de maneira simultánea entrou en vigor a Lei do Banco de Terras facilitando a mobilidade das terras agrarias abandonadas (un elemento fundamental na propagación dos lumes, ademais de poñer ao servizo de gandeiros e agricultores máis superficie útil) e se intentou poñer a andar o Plan Eólico, unha peza fundamental para o financiamento estratéxico da Galiza Rural.

Todo ese conxunto de medidas, aínda incipientes, estiveron na base da redución histórica dos incendios forestais dende o ano 2007, en máis dun 76% no número de lumes, e nun 82% na superficie queimada respecto da década anterior

Todo ese conxunto de medidas, aínda incipientes, estiveron na base da redución histórica dos incendios forestais dende o ano 2007, en máis dun 76% no número de lumes, e nun 82% na superficie queimada respecto da década anterior, manténdose en xeral estes parámetros nos anos seguintes experimentando, sen embargo, algúns picos nos últimos anos, especialmente no 2011 e neste ano. Por tanto, aínda que todo é mellorable —e probablemente houbo erros, como é lóxico—, non pode haber ningunha dúbida de que o Goberno Galego naquela altura estaba decidido a cambiar o paradigma forestal e agrario do país. Tamén é indubidable que nunha lexislatura escasa non se podían acometer todos os cambios que o rural galego necesitaba  e, menos aínda, consolidalos.

Estas medidas resultaron malogradas ao entrar de novo o PP na Xunta. Os cambios estruturais levan tempo, por iso é a continuidade das boas políticas o que pode evitar as crises incendiarias limitando a vulnerabilidade do territorio

Non fai falla dicir que todas estas medidas resultaron malogradas ao entrar de novo o PP na Xunta. Os cambios estruturais levan tempo, por iso é a continuidade das boas políticas o que pode evitar as crises incendiarias limitando a vulnerabilidade do territorio. Sorprende que, igual que en épocas anteriores á reforma de 2006, volvan a producirse situacións de perigo dos núcleos rurais cun incremento inusitado de niveis 1 e cun importante aumento dos grandes incendios (superiores a 500 ha), con varios no mes de agosto superiores incluso ás 2000 ha sen que se teña producido un excesivo número de lumes que impedise unha axeitada actuación dos servizos contra incendios.

En definitiva, parece que é esa falla de continuidade das políticas que comezaron a dar resultados despois da vaga de lumes de 2006, como a posta en marcha das vixilancias móbiles do SPDCIF, a implicación da sociedade no voluntariado do monte, os convenios coas Comunidades de Montes en materia de prevención e vixilancia, os convenios de prevención coas entidades locais para a limpeza das faixas de protección de núcleos, o abandono do plan de Biomasa, a falla de diálogo coas Comunidades de Montes e os axentes sociais, a volta ás brigadas municipais, a eliminación dos proxectos de multifuncionalidade do monte, así como a parada en seco das Uxfor, e outras ducias de cousas máis, as que están producindo unha forte regresión no monte volvendo colocar os incendios no primeiro plano da política forestal.

Cómpre recoller os aspectos positivos xa experimentados no seu momento e contrastados na práctica para non ter que volver a partir de cero cada vez nunha estéril, esgotadora e inútil andaina como lle ocorreu a Sísifo

Por tanto, si que houbo unha política forestal galega diferente durante a lexislatura 2005-2009 e, pola contra, nos últimos anos estamos asistindo a un cambio radical desa política cos resultados que todos podemos ver. Sería bo para o país —e coido que non sería moito pedir— que algúns que teñen a ver co monte ou co sector agrario no seu conxunto —nos ámbitos da defensa ambiental, universitario, sindical ou empresarial— fixesen un esforzo para lograr unha diagnose máis obxectiva que permitise recoller os aspectos positivos xa experimentados no seu momento e contrastados na práctica para non ter que volver a partir de cero cada vez nunha estéril, esgotadora e inútil andaina como lle ocorreu a Sísifo.

Acerca de Alberte Blanco Casal

Profesor numerario de Tecnoloxía de Ensinanza Secundaria. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador de varios diarios dixitais, ademais da revista do Fórum Galaico Transmontano editada en Chaves (Portugal). En abril de 2013 publicou a súa primeira novela: Arcadia. Os gardiáns do segredo.