Desaloxemos as touradas de TVE

Dicía o Director de TVE, Leopoldo González-Echenique, que as touradas tiñan apoio social e por iso debían gozar nun espazo na canle pública. Sen embargo, o antigo compoñente dunha coñecida cadea hoteleira semellaba esquecer a normativa de protección á infancia que impide a emisión de contidos de violencia gratuíta en determinadas franxas horarias.

A audiencia colleitada no territorio galego, un pésimo 4,8% da audiencia permite evidenciar o nulo soporte á tauromaquia que existe aquí

Así, a denominada franxa reforzada ou franxa de especial protección infantil tivo que someterse á ideoloxía taurina para albergar entre os seus contidos a emisión dun festexo taurino en directo, a tortura e a matanza dun animal en vivo, e como festa de sangue que era, tiñan que velo tamén os menores.

A audiencia colleitada no territorio galego, un pésimo 4,8% da audiencia permite evidenciar o nulo soporte á tauromaquia que existe aquí, e os impulsos que o Partido Popular programa para tratar de incentivar a asistencia a un negocio baseado no subsidio e na lacra do maltrato animal exceptuado como tal nas diferentes leis de protección animal autonómicas, agás as Illas Canarias e Cataluña.

Sen embargo esta tourada coas cámaras de TVE, a corporación que pagamos todas e todos, tamén supuxo un auténtico punto de inflexión na negativa social e política. En Galicia, BNG e Alternativa Galega de Esquerda presentaron iniciativas para rexeitar esta retransmisión, propostas como a das deputadas de AGE, Yolanda Díaz e Eva Solla, que se terán que debater no pleno, e dende ese mesmo momento veremos a pobreza argumental dun Partido Popular que xa se refuxiou no “non risco de proliferación masiva” para non rematar definitivamente coas touradas no debate dunha Proposición de Lei presentada polo BNG. No Congreso, BNG e tamén Compromís-Equo trasladaron propostas, e diferentes organizacións civís, entre elas a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas esixiron a desconexión do sinal territorial de TVE.

En Galicia, BNG e Alternativa Galega de Esquerda presentaron iniciativas para rexeitar esta retransmisión

Como se pode permitir unha tourada na franxa de protección mentres contidos de ficción non teñen as mesmas oportunidades? Son da opinión de que calquera contido violento ou explícito non pode ter cabida nun espazo onde existen grandes probabilidades de recepción para os menores, e a normativa ao respecto é moi clara. Que pasa entón coas touradas?

Unha barbarie que percibe un mínimo de 570.000.000€ do conxunto do Estado, aos que se lle suman (segundo un estudo de ERC presentado na Eurocámara) ao redor de 130.000.000 euros da Política Agraria Común. Uns cartos que terían mellor destino en políticas sociais, pero que rematan subsidiando soldos millonarios, empresarios da tortura e afeccionados.

Unha barbarie que percibe un mínimo de 570.000.000€ do conxunto do Estado, aos que se lle suman (segundo un estudo de ERC presentado na Eurocámara) ao redor de 130.000.000 euros da Política Agraria Común

O cambio de política en TVE é evidente, contribuír ao enxalzamento da barbarie e do maltrato cara os animais non só coas retransmisións en directo, senón con contrapartidas en espazos informativos que, por outra banda e por obra e graza do PP, só perden audiencia. De seguro que a presenza de touradas na Televisión Española suporá un novo golpe de espectadores, como xa demostran os índices recollidos trala tourada do pasado 1 de Setembro. Nin interese nin soporte. Só hai que ver os horarios de emisión de Tendido Cero (TVE) e Clarín (RNE), relegados a grella de menor impacto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.