0 Gardados para despois

Xaime Subiela

A nación aberta e os seus inimigos

O nacionalismo galego é algo moi valioso para os habitantes deste país. Poucos idearios e movementos son tan nobres e útiles para esta sociedade. Galiza é hoxe un suxeito político porque houbo uns intelectuais que concibiron que as diferencias culturais tiñan significado político, e porque houbo un movemento social e político que fixo respectar a dignidade do país e das súas xentes, e estas ideas impregnaron á maioría da sociedade. O galeguismo é un movemento de modernidade contextualizada e consciente, que conectou cos movementos máis avanzados de cada época para que Galiza vivise o seu tempo de forma autocentrada.

 

O nacionalismo antipático

Non sei cando o nacionalismo comezou a percibirse como unha ideoloxía restritiva, pero o certo é que hoxe moitas galegas e galegos non se senten atraidos por este ideario. Valórase o traballo e a tenacidade dos do Bloque, a súa capacidade de dicir as cousas como son e de reivindicar o xusto. Pero é como se non fosen fiables para gobernar e proxectase unha desconfianza cara os seus militantes como persoas pechadas, dogmáticas. Evidentemente a nova onda centralizadora e nacionalista española fai mella na poboación, ao igual que as campañas de descrédito dos nacionalismos periféricos. Pero o certo é que non soubemos ofrecer unha versión do nacionalismo aceptable para a maioría da sociedade galega. Podemos pensar que séculos de colonización producen un pobo alienado, ou podemos pensar que non estamos acertando con esta proposta. Por suposto hai diferentes graos de consciencia, pero eu respecto moito á cidadanía.

En determinados casos o Bloque funcionou como un nasty party, un partido antipático -na versión que circula por aquí-. Unha corrente importante da nosa tradición identificou ser firme con estar mal encarado, como se a amabilidade fose unha forma de transixir co sistema. Foi calando un estilo de comunicación política de formas crispadas, que reñía aos destinatarios, fosen outros políticos, xornalistas, militantes, votantes ou á sociedade en xeral. Moita xente víase repelida, aproximábase a nós con temor de non cumprir co modelo galeguista fetén. Houbo unha desconfianza cara a sociedade, cara os comportamentos deturpados das galegas e galegos realmente existentes. Isto está tendo consecuencias, penso que un nacionalismo triste é un triste nacionalismo.


Nación inclusiva

O galeguismo pode ser hexemónico en Galiza. O problema non é só que haxa poucos nacionalistas, a cuestión é tamén a proposta de nación que se ofrece á cidadanía. O reto é conformar unha idea de nación válida para a maioría da sociedade,  concibir o galeguismo como algo bo para cada un de nós e para o conxunto do país. Durante moito tempo pensábase que todo o mundo quería o propio, que só había que alentar a consciencia nacional, e tarde ou cedo a nación sería consciente e reivindicaría os seus dereitos.

Acontece que isto non avanzaba, que a identidade nacional non medraba e fixo por vincularse ao benestar social, o BNG só prosperaría se asociaba o seu nacionalismo ás melloras sociais. Isto ten todo o sentido, pero continúa tendo un carácter instrumental, o nacionalismo avanza se o asociamos cousas que a sociedade valora. O reto agora é conseguir unha concepción da nación que sexa valiosa en si mesma, boa para as persoas que o asumen; non só para o país, mais para quen o compoñemos como un proxecto de futuro que nos mellora como persoas ao participar nel.

Para que unha versión sexa aceptada pola maioría da sociedade debe asumir a realidade de partida e facerse consciente de que a inmensa maioría da cidadanía galega ten unha identidade dual, dito de outro xeito, non considera que a galega sexa a súa identidade exclusiva nin ven problemática a coexistencia das dúas identidades -mesmo entre os votantes do BNG-.

Unha proposta do nacionalismo galego concibida como antiespañola é inverosímil que chegue a ser hexemónica. Combater o centralismo ou o nacionalismo español non debe contrapoñerse á convivencia e ao vínculo co hispano. Avanzar cara maiores cotas de consciencia e autodeterminación individual e colectiva debe conciliarse co feito da identidade múltiple; a práctica totalidade da poboación non ve incompatible a identidade política galega con outras.

 

Nacionalizar a nación

Todas as galegas e os galegos deben ser participes na ideación e desenvolvemento da nación. Os seus principais mentores, os/as nacionalistas, deben demostrar a potencia das súas ideas e do seu proxecto implicando a cidadanía nese proceso. A cidadanía ha de apropiarse do proceso para que sexa democrático e exitoso, se percibe que a interpretación da súa identidade é un patrimonio particular dun grupo, a consecuencia será que non a fará súa.

Haberá que romper coa visión estreita da nación, a que considera como espurios os comportamentos que se saen do modelo. O galeguismo ha de ser un ideario de emancipación e desenvolvemento humano, que busca a liberdade para que cada quen poda ser o que queira na vida, individual e colectivamente, establecendo as condicións de posibilidade para poder ser libres; igualdade para que poidamos desenvolver as nosas capacidades de forma plena todos e todas sen discriminación; fraternidade para sermos unha comunidade que fortalece os seus lazos para medrar como país e como persoas.

O galeguismo debe ser o que máis une, estreitando as relacións entre nós e conectándonos co mundo. Compréndese mal predicar a unidade promovendo unha ruptura. Somos un país paradoxal, e isto tamén o semella: romper para unir. Precisamos un camiño autónomo para romper cunha idea estreita do nacionalismo, impulsar unha nación aberta que sexa aceptable polas maiorías sociais, para que fagan seu o proceso de construción nacional. Abrirse á sociedade, pecharse á versión estreita e patrimonializada. A nación é un labor onde cabemos todos e todas, os nacionalistas os primeiros, estean ou non no BNG, pero sen exclusividades. Neste momento é moi importante tender pontes e non cavar trincheiras.

Acerca de Xaime Subiela

Xaime Subiela naceu en Chantada, vive en Ames e ten dúas fillas. Politólogo, traballa como investigador social e consultor público en temas relacionados coa participación cidadá, planificación estratéxica, normalización lingüística, desenvolvemento urbano e coa cultura. É concelleiro de @AmesNovo e foi candidato @En_Marea. O seu labor profesional e escritos pódense consultar no blog https://xaimesubiela.wordpress.com/