A casa da collona

Venme á cabeza estes días un artigo de Eduardo Rolland publicado en La Voz de Galicia o 11 de novembro de 2012. Para resumir, a expresión a casa da collona serve para cualificar un desastre. E alude a un burdel, un lupanar, un prostíbulo, un quilombo, unha casa de citas, un local de alterne ou, para dicilo en prata, unha auténtica casa de putas.

Vai sendo hora de deixarnos de utilizar neoloxismos tipo aforradores, inversores ou perfil de cliente de alto risco por poñer algún exemplo

Falemos da aínda non consumada estafa da venda de preferentes e subordinadas (digo isto porque o delito de estafa desaparecerá só no momento en que recupere o 100% dos cartos todo cliente que non sexa Inversor Institucional). Vai sendo hora de deixarnos de utilizar neoloxismos tipo aforradores, inversores ou perfil de cliente de alto risco por poñer algún exemplo. Quero dicir que avogados, economistas, empregados do banco, por exemplo, non son investidores institucionais e, na miña opinión, foron tan enganados como os pensionistas ou os menores de idade.

Hai ben pouco dábase por rematado o proceso de arbitraxe, a derradeira oportunidade de recuperar os cartos por unha vía amigable, por chamalo de algunha maneira. Bruxelas, dicía o banco, o Goberno da Xunta e do Estado e o Banco de España non permitía pasar esa liña roxa.

O mes de agosto serve para decisión tomadas entre bastidores, a escondidas dos cidadáns, entre o Poder Executivo, o Xudicial e o Financeiro

O mes de agosto serve para decisión tomadas entre bastidores, a escondidas dos cidadáns, entre o Poder Executivo, o Xudicial e o Financeiro. Por exemplo, o 10 de setembro, Fernando Restoy, presidente do FROB e subgobernador do Banco de España, comparece no Congreso dos Deputados e, entre outras cousas declara “que nos próximos meses un dos eixos fundamentais da actuación do Fondo será finalizar a investigación de operación sospeitosas nas entidades que controla, entre elas, Novagalicia Banco, e decidir se hai probas suficientes para ir aos xulgados".

“O FROB está analizando as auditorías internas que lles encargou aos bancos baixo a súa dirección e, nalgúns casos, baralla contratar o servizo de firmas expertas en análise forense para despois decidir se hai que depurar responsabilidades”. “Xa hai dez causas penais fronte a directivos ou exdirectivos de entidades e terceiros nos que se investigan presuntos delitos relacionados co tráfico inmobiliario e as súas retribucións, abertas precisamente a instancias do FROB tras detectar operación irregulares de dubidosa racionalidade económica”. Non pasará igual que cos discos duros do Partido Popular?

O día 11 de setembro o presidente Feijoo anuncia que lle pedirá ao FROB a reapertura do proceso de arbitraxe, disfrazado esta vez de “acordo prexudicial”, “conciliación” ou, ainda non se sabe ben, que coello con aspecto de legalidade sacará da chisteira. Seguimos na casa da collona.

O luns 16 de setembro o Fiscal Superior de Galicia anuncia que o xuízo previsto para o 19 de setembro no que reclamaría a nulidade dos contratos, queda suspendido. NCG BANCO allánase no procedemento. Estamos a día de hoxe pendentes de que o xuíz titular do Xulgado de 1ª Instancia num. 11 da Coruña dite o auto correspondente a este allanamento. É unha opinión particular, pero este xuíz debería saber que existen sentenzas de tribunais europeos que en casos similares declararon, igual que pasou coa cláusula solo das hipotecas, que existiron cláusulas abusivas, deficiente comercialización e, en definitiva, un engano masivo na venda de preferentes e subordinadas. Non vale conformarse con dicir: “no lo volveré a hacer”.

Todos os posibles compradores tributan fora de Galicia e, creo que todos, con algunha sede social ou sucursal en paraísos fiscais

Será en poucos días, e curiosamente ás portas da perda dunha entidade financeira que tributa en Galicia. Porque é ben certo que todos os posibles compradores tributan fora de Galicia e, creo que todos, con algunha sede social ou sucursal en paraísos fiscais.

A ningún experto se lle ocorreu a posibilidade de que este banco, cunha cota de mercado de case un 50% en Galicia, pase ao control público, cando, isto xa o comprobaremos, as vantaxes vía beneficios fiscais do banco comprador imos pagalos os penitentes de sempre.

Xa lle fixeron a limpeza do banco malo, un 60% de limpeza do problema das preferentes e subordinadas que agora queren converter nun 80%. Xa fixeron a limpeza da cláusula solo. Permitídeme un aviso: A circular 5/2012 de 27 de xuño do Banco de España crea un novo índice que servirá de referencial nas hipotecas que se chama IRS (Interest Rate Swap). En outubro de 2012 publícase por primeira vez ese índice e resulta unha porcentaxe un 33% superior ao Euribor. En todas as escrituras de hipoteca figura que o índice a ter en conta será o Euribor ou, desaparecido o Euribor, o índice que indique o Banco de España.

O banco comprador non quere problemas e o Partido Popular, co examigo de Marcial Dorado á cabeza, estase encargando do traballo sucio

O banco comprador non quere problemas e o Partido Popular, co examigo de Marcial Dorado á cabeza, estase encargando do traballo sucio. Como vemos, todo negociado entre bastidores, ás costas dos procedementos normais, si, digo normais, porque legais son todos os acordos que para iso contan uns e outros con expertos, forenses ou non, en salvar á banca e seguir limitando recursos para a saúde, o ensino, a investigación ou a cultura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.