Pensións non reformadas

Pasado xa o rebumbio xerado polo borrador presentado en nome do goberno pola primeira Ministra de Traballo que non cotizou un só día laboral na súa vida que non fora con cargo a algún cargo público ou político, o rexeitamento por parte da cidadanía é xeral. Tamén por parte de todos os grupos que forman a oposición parlamentaria e tamén, como non, dos grupos que forman a oposición ao goberno central que emana dos diferentes parlamentos autonómicos. Con todo, nin a clase política e sobre todo os medios de comunicación non din a verdade. Non é certo que a proposta da reforma das pensión sexa un ataque á clase traballadora e ao benestar dos que xa non poden reverter a súa situación. Cando menos non é un ataque a toda a clase traballadora.

Ningún político saíu diante dun altofalante para denunciar os seus privilexios

De incluír á clase política dentro do que se pode entender como un traballador, resulta evidente que os privilexios acumulados durante os últimos trinta anos por esta clase parasitaria non se tocan. Ningún político saíu diante dun altofalante para denunciar os seus privilexios, como que mentres que todos nos temos que cotizar durante 35 anos para cobrar a totalidade da base reguladora da pensión á que teñamos dereito, aos membros do Goberno chégalles con xurar o cargo e permanecer no mesmo durante sete anos para obter a pensión máxima de xubilación.

Mentres que todos nos temos que cotizar durante 35 anos para cobrar a totalidade da base reguladora da pensión á que teñamos dereito, aos membros do Goberno chégalles con xurar o cargo e permanecer no mesmo durante sete anos para obter a pensión máxima de xubilación

Este privilexio chamado pensión parlamentaria, previsto no Regulamento de pensións parlamentarias do ano 2006, non é máis que a pensión que as Cortes abonan con cargo ao seu orzamento a aqueles representantes públicos que estiveran como membros do Congreso de Deputados ou do Senado polo menos durante sete anos. Iso sen falar polo denominado plus por cese de parlamentario, que supón que durante dous anos perciban de indemnización 4000 euros ao mes, ou sexa 96.000 euros, o que contrasta coa modificación que supuxo a reforma laboral para as indemnizacións por despedimento de calquera traballador. Dita indemnización é maior no caso dos ministros, que cobrarán o 80% do seu soldo, e poden compaxinar dita remuneración coa de deputado ou senador. E a todo isto hai que sumarlle o feito de que os políticos son os únicos que poderán percibir máis de un soldo público.

E o lamentable é que tampouco ningún medio de comunicación de ningunha liña editorial é quen de sacar as vergoñas a un goberno indigno que mantén os privilexios como señores feudais nin a ningún representante público cando se postula en contra dunha reforma das pensións que empobrecerá aos cidadáns e manterá os privilexios das castas dirixentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.