Sobaco patrio

Durante o franquismo, o cardeal Pedro Segura y Sáez decide excomungar os boleros. Declara o baile agarrado pecado mortal. Por iso nos bailes, a tenrura estaba condeada ao inferno e as parellas máis lúbricas obrigadas a deixar entre eles o espazo xusto para que pasase -sen rozar- "el Ángel de la Guarda”. E así foi como os palleiros se convertiron no paraíso e os sillóns das boites en epicentros celestiais. Mais tamén, nos retretes dos Casinos de alta alcurnia, logo da sesión de Adoración Nocturna, os avós dalgúns dos responsables de Nuevas Generaciones fodían sen reparos. E ninguén os fusilaba nos descampados. Nin sequera cando despois do coito inconfesable ían á casa a bicar na fronte á parenta. Algúns asumían o franquismo só cando conviña. Igual que agora.

Algúns asumían o franquismo só cando conviña. Igual que agora

O franquismo hérdase igual que “as xoias de mamá” ou os divertículos no colon. É unha enfermidade conxénita. É ter o sangue contaminado. Por iso suamos durante un verán a un rebaño de pipiolos alzando os brazos e presumindo de sobacos patrios. Algúns recuperan con orgullo as bandeiras dos baúis familiares, outros cómpranas nos bazares chineses “que venden de todo”.  Porque son os seus modais, así foron educados: soltan gases lacrimóxenos na Blanquerna ou esquecen destituír de xeito fulminante a un alcalde que di que un asasinado político merecía ese final.

Eu convido dende aquí aos fillos de González Pons para que me permitan facerlle unha visita guiada tan tétrica como a do seu pai a un lugar que teño a poucos quilómetros do meu sofá: chámanlle a Volta da Moura

Hai unhas semanas, Esteban González Pons, alto cargo popular, escribía unha columna no diario Las Provincias na que, baixo o título “Perfectos ignorantes”, criticaba esta moda ultra tan actual (que, curiosamente, fai furor no seu partido). Pero Don Esteban, tipo áxil no deporte de desviar a atención, falaba de que eses rapaces estaban inspirados polo nazismo. Falaba de Hitler, do desembarco de Normandía, e dun cemiterio alemán ao que levou aos seus fillos “cuando han tenido edad”. Eu convido dende aquí os fillos de González Pons para que me permitan facerlle unha visita guiada tan tétrica como a do seu pai a un lugar que teño a poucos quilómetros do meu sofá: chámanlle a Volta da Moura, alí caeron decenas sobre a terra mentres ese Deus que según Ratzinger non estivo en Auschwitz tampouco pasaba por alí. 

O que pasa é que non é rendible criticar aos que conforman unha parte relevante do teu electorado, e por iso só as ditaduras que non son a nosa son as malas

Os xestos, os símbolos, dos que estamos a falar dun tempo a esta parte son herdanza do franquismo e non do nazismo. O que pasa é que non é rendible criticar aos que conforman unha parte relevante do teu electorado, e por iso só as ditaduras que non son a nosa son as malas. Se aquí hai xente á que non lle sae condenar sen miramentos os crimes contra a humanidade de corenta anos de ditadura é porque, todo apunta, “mamá tampouco o faría”.

A Fundación Francisco Franco vén de solicitar a través de Twitter unha intervención militar para frear “a deriva de España”. Non sei que é peor: que sexamos os únicos que permitamos que exista unha Fundación que leve o nome dun tipo así ou que teñan unha conta de Twitter. Haberá que ir pedindo cita para que nos depilen o sobaco correcto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.