A monarquía pasmada

Neste mundo moderno e raro unha institución sabe que tocou fondo cando ten que andar negando oficialmente até o que solta calquera badulaque nas redes sociais. Zarzuela deu unha rolda de prensa para acalar a Twitter, Facebook e Tuenti e desmentir rotundamente a abdicación. Zarzuela non tocou fondo, directamente afunde na Foxa das Marianas. Con ese entusiasmo tan monárquico que caracteriza á maioría dos medios, informóusenos de que era a primeira rolda de prensa convocada xamais pola Casa Real. A ninguén se lle ocorreu pensar que tanta opacidade constitúa parte do problema e mellor sería non insistir nun dato tan pouco edificante.

Neste mundo moderno e raro unha institución sabe que tocou fondo cando ten que andar negando oficialmente até o que solta calquera badulaque nas redes sociais

"Marche Don Juan Carlos, marche” corea a parte máis rancia dos monárquicos e a dereita ultracasposa. "Aguante, Don Juan Carlos, sexa forte", anima outra parte dos monárquicos, inquietos ante a figura dun príncipe de quen ninguén sabe ben como ou que pensa sobre política ou economía. Só sabemos seguro que fala inglés fluído, algo que está moi ben e resulta moi útil, pero só impresiona a quen non saiba inglés.

O problema maior hoxe non reside en quen ocupa o trono. O problema está na institución. Quen pense que o cambio de monarca, limpa, fixa e dálle esplendor á monarquía, non se decatou de que España non é o que era

O problema maior hoxe non reside en quen ocupa o trono. O problema está na institución. Quen pense que o cambio de monarca, limpa, fixa e dálle esplendor á monarquía, non se decatou de que España non é o que era. As institucións deben xerar equilibrio, regras e certidume. Se non o fan, tornan inútiles e como todo o inútil, antes ou despois, desaparece.

A monarquía hoxe crea máis desequilibrio que equilibrio. Cando a Casa Real di transparencia, en realidade di que vai desvelar algunha cousiña e o pouco que conta acaba escurecendo aínda máis o moito que cala. Unha conseguidora internacional pode iniciar unha tormenta institucional armada só cun Vanity Fair. Nas comparecencias reais, cada vez máis xente mira ao redor buscando a cámara oculta.

A monarquía hoxe crea máis desequilibrio que equilibrio. Cando a Casa Real di transparencia, en realidade di que vai desvelar algunha cousiña e o pouco que conta acaba escurecendo aínda máis o moito que cala

As regras que rexen o funcionamento da Casa Real sempre foron discrecionais e arbitrarias. Pero agora percíbese con maior claridade. O caso da infanta e os seus sucesivos exilios dourados en Washington e Suíza representa o exemplo máis acabado de arbitrariedade incomprensible para a maioría. Pero non o único. O encubrimento de Urdangarin, ou os negocios e trapicheos nunha corte que se nos dicía que non existía emerxen como ese lixo que nunca se acaba de sacar. Se algo sabemos hoxe é que a Xustiza non é igual para todos, maxestade.

A monarquía española converteuse nunha fonte constante de incerteza. Ninguén sabe onde saltará o próximo escándalo, ou a seguinte boutade, ou a próxima frivolidade. Estamos todos moi cansos e fartos de bobadas. Mentres a monarquía non se sacuda o pasmo e entenda iso, só perderá o seu tempo e o noso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.