Sementes para a cultura galega

O Consello da Cultura Galega está de aniversario e o primeiro que me vén á mente é un recordo tristeiro, mais tamén apaixoado, do Seminario de Estudos Galegos.

O Consello da Cultura Galega está de aniversario e o primeiro que me vén á mente é un recordo do Seminario de Estudos Galegos. A súa destrución despois da Guerra Civil foi un crime de lesa humanidade contra o pobo galego

A súa destrución despois da Guerra Civil foi un crime de lesa humanidade contra o pobo galego. O Institut d´ Estudis Catalans non correu a mesma sorte e as consecuencias, despois de 40 anos de ditadura franquista e de 30 de democracia, á vista están. E aínda recoñecendo que as comparacións son sempre odiosas, hai que ver as diferenzas abismais que nos separan dos cataláns, porque pese aos esforzos reiterados de moita xente aquí, o espírito do Seminario non o demos recuperado.

Reclamaba para Galiza, a través da súa actividade, a modernidade para o noso país, entendida esta como un “equilibrio entre tradición e futuro”

O Seminario de Estudos Galegos reclamaba para Galiza, a través da súa actividade, a modernidade para o noso país, entendida esta como un “equilibrio entre tradición e futuro”. O que confería este ar de modernidade era, en esencia, a interdisciplinariedade que ofrecía e o seu espírito integrador.

Para enteder a importancia desa interdisciplinariedade baste con poñer o exemplo do Laboratorio de Xeoquímica do Seminario. Nel traballaba Parga Pondal nos anos 30, antes da desfeita. Era un científico especializado en xeoloxía que, a través das súas investigacións, daba a coñecer os recursos mineiros galegos explotables de maior importancia económica. Pero isto non fixo graza ao réxime franquista, pois para que empresas foráneas explotasen os nosos recursos mineiros non conviña que estes traballos de investigación trascenderan. Digamos que para vender cómodamente o país, era moito mellor calar de vez este tipo de publicacións.

Foron pasando os anos e a partir da década dos 50 comezaron a nacer iniciativas que trataban de recuperar aquel espírito

En Galiza foron pasando os anos e a partir da década dos 50 comezaron a nacer iniciativas que trataban de recuperar aquel espírito. Naceu a editorial Galaxia, e xa nos 60 comezaron a agromar as asociacións culturais como o Galo ou o Facho. O Grupo Sargadelos nos anos 70, guiado polas bases establecidas no Laboratorio de Formas creado por Díaz Pardo e Seoane, fixo o imposible por trascender aquelas ideas. Pero aquel pulo tan importante que deron entre todos, que contribuiu indubidablemente ao advenimento da democracia e dun estatuto especial de autonomía para o noso país, revelouse insuficiente en plena democracia.

Á atomización das institucións galegas que lle seguiron na década dos 80 e dos 90 uniuse unha dependencia extraordinaria do propio sistema autonómico

Á atomización das institucións galegas que lle seguiron na década dos 80 e dos 90 (Consello da Cultura Galega, ILGA, Instituto Ramón Piñeiro, e un longo etc, por non citar todas as fundacións vencelladas aos nosos devanceiros), uniuse unha dependencia extraordinaria do propio sistema autonómico e, polo tanto, do goberno de turno en cada momento, que aquí ven sendo practicamente sempre da mesma cor.

E, en momentos como os actuais, terriblemente difíciles para a cultura galega, esta atomización –que desafortunadamente duplica as actividades nalgunhas institucións no canto de acodir na procura daquela interdisciplinariedade de corte republicana–, convírtese na excusa perfecta do gobernante para non repartir o orzamento: “Sentímolo, pero non hai cartos para todos”.

Os canadianos queren as nosas minas de ouro, os mexicanos os nosos asteleiros, os cataláns quedaron con Fenosa e agora quedarán con Pescanova, as Caixas de Aforros serán para o mellor postor... namentres as vidas de milleiros de galegos honrados vense envoltas por unha espiral de corrupción que nos salpica cada día.

Esta atomización convértese na excusa perfecta do gobernante para non repartir o orzamento: “Sentímolo, pero non hai cartos para todos”

E todo acontece cando a cultura está máis castigada, máis deprimida e máis agoniante ca nunca. E cómpre dicir e repetir e reiterar unha e outra vez ata a saciedade, que sen cultura galega este país non ten futuro de seu.

Pero hai que darlle unha volta, ou se cadra unha reviravolta, ter visión de futuro e aceptar o novo presente que nalgúns aspectos amósase radicalmente distinto a todo o anterior, e buscar xeitos de financiamento novos. Agora que volve haber unha fenda enorme entre ricos e pobres, sería bo acodir ao mecenado e outros xeitos filantrópicos de colaborar co noso patrimonio e o que queda por crear.

A cultura é o espello da nosa sociedade, pon en valor os nosos recursos e fainos sentir merecentes do noso. Pero para que a cultura galega volva ser accesible a todos outra vez e non se perciba como algo hostil, frío e alonxado da cidadanía, non só se presisan cartos, senón o desexo de levar a cabo experiencias novas, ter ganas de atopar e distinguir sensacións diferentes e –respectando o construído anteriormente– deixar de actuar como se estivéramos despachando asuntos correntes establecidos anos atrás.

O novo milenio sitúanos nun escenario que nos obriga a cambiar, a asumir unha nova visión máis aberta e adaptada a todas as novidades que se van implantando pouco a pouco dende hai máis dunha década: as novas formas de comunicación, a desaparición do papel, as novas tecnoloxías que mudan o xeito de crear, etc. Tendo en conta sempre que todo é aproveitable, porque agora non convén desbotar nada. Nos últimos anos temos perdido un enorme sentido do colectivo e o individualismo golpea coma un puño, paralizándonos en demasiadas ocasións.

Ten que ser un aniversario apaixoado, porque se algo nos desmostrou o cambio á era dixital, as políticas regresivas e a crise salvaxe que padecemos é que todo está aínda por facer

O aniversario do Consello da Cultura Galega é tristeiro porque a cultura institucional galega pasa por momentos moi delicados, xa que logo non hai hoxe ningunha institución vencellada á cultura que goce de boa saúde. Sen embargo, ten que ser un aniversario apaixoado, porque se algo nos desmostrou o cambio á era dixital, as políticas regresivas e a crise salvaxe que padecemos é que todo está aínda por facer. E para sementar de novo, precísase moita paixón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.