Que é o Estado? Para que serve?

O vindeiro xoves, 3 de outubro terá lugar a mesa redonda Que é o estado? Para que serve?, organizada pola plataforma cidadá ECOAR))). A cita será ás 20:00h., na cafeteria De Catro a Catro (r/ Girona 16, Vigo). O obxectivo é achegar á cidadanía as distintas posturas defendidas por diversos actores políticos e sociais en torno a esta cuestión, amosando as diferentes opcións. Para tal fin, participarán nesta palestra distintos representantes de partidos políticos, sindicatos e outros colectivos sociais.

A cidadanía está sendo sometida a una serie de limitacións absurdas e flagrantes en eidos tan básicos como a educación, a sanidade ou o acceso á xustiza, por mor da adopción dunha serie de políticas por parte do estado que responden aos intereses da elite e o sector privado

Debería resultar chocante a decisión de organizar un debate sobre o papel do estado e a súa utilidade, cando é este o modelo de organización política, social e económica no que nos movemos? En absoluto, máxime cando se trata dun modelo obsoleto, incapaz de adaptarse aos cambios estruturais sufridos pola sociedade, asedidado pola corrupción, cada vez máis patente, e con importantes fendas no relativo á cuestión territorial. O recorte de liberdades e dereitos por parte do estado cara á poboación está no seu punto álxido. A cidadanía está sendo sometida a una serie de limitacións absurdas e flagrantes en eidos tan básicos como a educación, a sanidade ou o acceso á xustiza, por mor da adopción dunha serie de políticas por parte do estado que responden aos intereses da elite e o sector privado, en detrimento do benestar da cidadanía.

Por outra banda, o número de persoas sumidas na pobreza é cada vez maior. A desigualdade é un mal endémico e crecente da nosa sociedade. Así, os ricos son cada vez máis ricos, e os pobres cada vez máis pobres, coa particularidade de que este segundo grupo está medrando a marchas forzadas como resultado das políticas neoliberais que o estado español ven adoptando.

Non só a cidadanía española non tivo nin voz nin voto á hora de escoller ás persoas que exercerían como representantes do noso país, senón que foi Franco quen elixiu o seu sucesor, o actual monarca Juan Carlos I

Hoxe, a Monarquía é máis cuestionada que nunca. O feito de que a Monarquía como institución (e mesmo como concepto) vai en contra dos principios democráticos non é algo cuestionable: ademais de ser unha institución obsoleta, ningunha das persoas que compoñen a Casa Real foi elixida democraticamente. Non só a cidadanía española non tivo nin voz nin voto á hora de escoller ás persoas que exercerían como representantes do noso país, senón que foi Franco quen elixiu o seu sucesor, o actual monarca Juan Carlos I. Non é de estrañar, xa que logo, que a Monarquía xurara no seu momento lealdade ao Movemento Nacional, non así á Constitución Española. Tampouco é estraño que hoxe a cuestión do xenocidio franquista teña que ser investigada dende Arxentina, cando tería que ser unha prioridade para a xustiza española. A Casa Real gasta máis de 500 millóns de euros ao ano segundo diversos estudos, malia ter declarado publicamente durante o ano 2012 só 8,42 millóns de euros (non se contabilizan ningún dos gastos asignados a outros ministerios: garda real, palacios, viaxes,...). No tocante ao custo económico que a Casa Real supón para o país, non debemos esquecer a implicación de parte dos seus membros en diversos casos de corrupción, cun alcance que aínda hoxe descoñecemos.

O que podería supoñer un positivo cambio de paradigma a nivel global vai camiño de converterse nun “máis do mesmo”, do que só se poderá saír por medio da posta en marcha de modelos alternativos

O modelo de estado español está sumido nunha profunda e innegable crise: todas as institucións tradicionais están sendo postas en cuestionamento, coa conseguinte perda de referentes e modelos. O que podería supoñer un positivo cambio de paradigma a nivel global, cunha restruturación institucional baseada nas melloras como froito da experiencia ao longo destes anos do que chamamos democracia, vai camiño de converterse nun “máis do mesmo”, do que só se poderá saír por medio da posta en marcha de modelos alternativos. Por iso hoxe é tan importante debater sobre o papel do estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.