Partidos da oposición partida

A reducida envergadura política do hospede de montepío non xustifica que os seus opositores ofrezan análogo raquitismo. Nin tampouco que, nun alarde de autoxibarización, procuren nos seus senllos cónclaves rebaixar aínda máis o alcance do seu poder. Pero xa non se trata de derrotas ou de claras vitorias pírricas, que é o mesmo, senón do triunfo absoluto da inacción política.

Non pido eu que cada líder leve incorporado na súa figura pública un discurso full equipped capaz de seducir a unha masa de xentes insatisfeitas ou que acuda aos mitins co pack de carisma adquirido co prestixio de anos de carreira retórica ou sinxelamente iconográfica. Pero non creo conveniente en termos políticos que o representante máximo dun partido con ánimo de combater por la presidencia teña detrás un grupo numeroso de adversarios ou de directos rivais inamistosos, cando non un conxunto en plena descomposición e ruína.

Non creo conveniente que o representante máximo dun partido con ánimo de combater por la presidencia teña detrás un grupo numeroso de adversarios ou de directos rivais inamistosos, cando non un conxunto en plena descomposición e ruína

Quintana e Touriño tiñan a vantaxe, demolida en pouco tempo, de contar cun apoio partidario notable, sexa por convencemento propio, por intereses compartidos das distintas faccións ou sensibilidades ou porque a moqueta galvaniza contrarios. Pero a súa marcha obrigada (se cadra algo precipitada, visto coa perspectiva dos anos) esnaquizou aquela máis ou menos sólida retagarda.

Agora, esta decadencia pautada pero imparable do BNG, ralentizada se cadra porque non resulta nada doado marchar dunha casa onde un viviu toda a vida, sumada á parsimonia dos derrotados do PSOE (que, por riba, ostentan cargo), que van exhibir un entusiasmo semellante ao dos equipos que xogan o partido polo terceiro e cuarto postos, enche de melancolía aos seus posibles votantes. Entretidos en ver quen gaña esas pachangas asemblearias, os partidos da oposición a Feijoo finxen ignorar que están lonxe os tempos de fidelidades, tan lonxe coma eles do seu posible e desnutrido electorado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.