Entre todos

Un día calquera da semana, un pouco apurado, decides comer vendo a tele no sofá e por inercia pinchas TVE­‐1 á hora do telexornal e entre a fame que tes e os líos que traes envoltos nos miolos déixaste levar por ese rebumbio de noticias reviradas que obvian unha morea de cousas importantes e comeza a lobotomía, sen piedade. Nunha xornada así, a presentadora Barbie ou ben a Monster High, informan de que a reitora da Universidade de Málaga acaba de conseguir algo extraordianario: os alumnos con excelente currículum que non teñan recursos para cursar estudos universitarios serán apadriñados por grandes empresas que pagarán a súa matrícula para que poidan estudar a desexada enxeñería. Que cousa tan espléndida! Por que non se lles ocurriría a outros reitores antes?

Entre todos é un programa digno de ser estudado porque é o paradigma de como pouco a pouco aos cidadáns se nos vai situando á marxe das institucións democráticas, ou incluso en contra delas

Pero claro, a mañá foi dura, despois de comer dache un baixón e como aínda tes tempo antes de sair de novo á xungla diaria en que se converteu o traballo, ficas estomballado no sofá á espera de máis milagres e, despois de enterarte de que saraiba en Mallorca en pleno mes de setembro, chega o máis abraiante da xornada, un programa “para todas as familias” que substitúe á tradicional telenovela. A máis crúa realidade imponse e a solución está Entre todos. Hoxe os protagonistas son un matrimonio de Alcalá de Henares cunha filla de cumpreanos. Sen traballo e sen prestación por desemprego, non teñen para material escolar, nen para roupa e tampouco para comer, así que menos aínda para unha torta de aniversario. A presentadora pide “axuda á sociedade” e choven as chamadas: a panadeira da vila regalaralles unha tarta, unha compañeira da escola da pequena prestaralle os libros e o do taller mecánico proporcionaralle traballo ao marido. E mentres todo se sucede, hai que ver o río de bágoas da pobre muller, agradecendo até o infinito tanta axuda e dando grazas a Deus por ter un programa de televisión (pública) así.

Entre todos é un programa digno de ser estudado porque é o paradigma de como pouco a pouco aos cidadáns se nos vai situando á marxe das institucións democráticas, ou incluso en contra delas. Pois, non sería laboura do Ministerio de Educación proporcionar becas ou eliminar as taxas aos alumnos brillantes que queren seguir estudando e non teñen cartos para facelo? Non sería laboura do SEPE procurar traballo a ese mecánico en paro? Non sería laboura do Ministerio de Traballo formar a esa muller que non para de chorar para que salga do inferno diario no que se converteu a súa casa?

Os dereitos sociais están completamente desprezados e a mercantilización dos mesmos queda patente en programas de televisión coma este

As bases dunha sociedade democrática susténtanse sobor duns alicerces ben clariños: os dereitos políticos, os dereitos civís e os dereitos sociais. Estes últimos están completamente desprezados e a mercantilización dos mesmos queda patente en programas de televisión coma este: os dereitos sociais –e con eles todas as cousas elementais que se protexen– convertidos nunha grande subasta. Problemas que debería resolver o Estado, o Goberno, a Administración Pública, ofrecidos como mercadoría. Quen teña sorte, salvarase ao amparo da iniciativa privada.

O que non conta a actual televisión pública é que as axudas estatais ao sector financeiro ascenden a máis de cen mil millóns de euros, o que ben se podería considerar un estrepitoso fracaso económico que nos está saíndo extraordinariamente caro a todos e, ademais, implica un retroceso democrático moi perverso.

Só terán dereitos sociais quen poidan pagalos, e cando isto sexa así, xa non serán dereitos, serán insulsas pero vitais mercadorías

Só terán dereitos sociais quen poidan pagalos, e cando isto sexa así, xa non serán dereitos, serán insulsas pero vitais mercadorías. Es os cidadáns deixaremos de ser os titulares deles para converternos en consumidores. Pero non se preocupe, se algún día non pode acceder a un produto social, chame a Entre todos, seguro que en nome da caridade (e por que non, da audiencia), amañarán os seus problemas. Quen dá máis?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.