Crecemento, emprego e renda básica incondicional

Recesión, PIB e Emprego. A estas alturas xa sabemos que estamos inmersos nunha grave crise económica. E tamén que a crise económica defínese oficialmente por termos entrado en recesión durante dous trimestres seguidos. E que a recesión consiste en que o incremento do Produto Interior Bruto (P.I.B.) é negativo, e como o P.I.B. mide, segundo consenso, a “riqueza de un país”, nunha crise imos ser “máis pobres”, polo que parece normal que vivamos peor. Ou tal vez sexa que antes vivíamos “por riba das nosas posibilidades”.

En calquera caso, visto así, a solución da crise semella doada. Todo consiste en encontrar o xeito de volver a medrar. E xa está. E para medrar contamos basicamente con dúas teorías. A da austeridade, normalmente considerada de dereitas, e a keynesiana, de esquerdas, que non é este o momento de desbrozar, tan só aclarar brevemente que, como dicía nun artigo anterior, non son o mesmo nin representan os mesmo intereses, non hai máis que fixarse na defensa dispar que fan do estado de benestar. Pero, no que aquí interesa, nos dous casos retornaríamos ao crecemento e, como por arte de birlibirloque, á creación de emprego.

Ben, por arte de bilibirloque tampouco. Historicamente hai unha relación entre o crecemento do PIB e a creación de emprego. Si, certamente hai dúbidas sobre se é esta porcentaxe ou aquela outra, que se o 1% ou que se o 3%, pero é artigo de fe que se hai crecemento do PIB hai creación de emprego.  Aínda que para ser un artigo de fe, resulta curioso como se emprega decote a ambigüidade (... podería crearse..., ...estímase que se crearían...).

O que sucede é que a relación basease na Lei de Okun, enunciada polo economista Arthur Okun, e trátase tan só dunha relación empírica: cando medra un, medra o outro.

Expliquémonos: O P.I.B é o cálculo da actividade económica total dun país, medíndose normalmente segundo a fórmula: PIB=C+I+G+X-M. Onde C é o Consumo, I o investimento, G o gasto publico, X as exportacións e M as importacións. Se nos fixamos, o que mide realmente é a produción total no territorio. Por outra banda a produción depende dos factores de produción, clasicamente tres: Terra (Recursos naturais), Traballo e Capital. Se cando crece o PIB hai maior produción e un dos factores da produción é o traballo, normalmente haberá máis traballo, pero a priori non se vai poder saber canto máis, pois se descoñece a importancia relativa dos outros dous factores, de aí a ambigüidade.

A maiores, cada un destes factores de produción está, obviamente, influenciado por outros. Concretamente neste artigo voume a referir á relación entre o Traballo e a Tecnoloxía e aos Límites dos Recursos naturais.

 

Relación do Traballo coa Tecnoloxía

É indubidábel a relación entre traballo e avances tecnolóxicos. Pensemos, por exemplo na agricultura ao longo do século XX, que incrementou considerabelmente o seu PIB ao tempo que reduciu drasticamente a súa carga de emprego por mor da mecanización dos labores agrarios. De feito, nestas últimas décadas o proceso destrutivo afianzouse obrigando a unha especie de fuxida adiante, da agricultura á industria, da industria aos servizos...

Como di Lluis Torrens nun recente e interesante traballo: "Por unha banda o crecemento da produtividade, aínda que retardado nos últimos anos, libera horas de traballo e forza laboral das tarefas que viña realizando. A economía, e nisto o capitalismo fíxoo bastante ben durante dous séculos, busca novas ocupacións para empregar a forza de traballo, sexa producindo novos bens sexa nos servizos, cuxa produtividade crece máis amodo".

E se o cambio tecnolóxico ata o presente é importante, non parece que vaia a ser menor o que está chegando e a súa relación co emprego: As vendas por internet, a administración electrónica, a robotización, a biotecnoloxía, a nanotecnoloxía, enerxías renovábeis...

Pero, en fin, con crecemento crease máis ou menos emprego, mais semella que, sen el, non se crea ningún.

 

Límites dos Recursos naturais

Sen embargo ese crecemento ten límites, como dicía Kenneth Boulding: Quen crea que un crecemento exponencial é compatible cun planeta finito é un tolo ou un economista. Dito doutro xeito, o crecemento tal e como se está a facer terá que frearse. Non vou entrar agora (aínda que sexa importante) en se abonda o crecemento sostíbel, a Economía Baseada en Recursos, ou se temos que ir a políticas de decrecemento, pero o certo é que non podemos seguir así, pois hai límites ecolóxicos, de existencia de materia primas e de contaminación que o farían insostíbel.

E entón, a suma dos avances tecnolóxicos e dos limites dos recursos naturais van significar a fin do pleno emprego?

Outra forma de formulalo: Sería factíbel a creación, ou mesmo o mantemento, de emprego sen incrementar a explotación do factor Terra?. Hai quen o busca nas tecnoloxías verdes, as enerxías alternativas por exemplo, que se supón son máis eficientes necesitando máis empregos para funcionar. Ou na economía social, como é a Lei de dependencia. Certamente hai que ir cara aí, aos empregos ecolóxicos e sociais, e de feito poden ser nichos de traballo que palien, ou mesmo reduzan durante algún  tempo, o problema da falta de emprego.


Fin do pleno emprego

Pero a realidade é que non haberá máis pleno emprego. Cando menos pleno emprego digno, tanto en remuneración como en condicións de traballo. Gústenos ou non, hai un mercado laboral, e neste momento hai un exceso de oferta de man de obra, incluída a de calidade, e non vai haber demanda que a cubra. A man de obra a nivel global vale cada día menos (como en Alemaña e a súa aposta polos minijobs, nunha carreira suicida que, antes, chamábase dumping social) ou simplemente non vale nada e hai paro. Intentar parar a situación con políticas de reparto do traballo ou fixando salarios mínimos pode funcionar un tempo, pero a medio-longo prazo non semella outra cousa que intentar matar elefantes con tiracroios.

E por riba, como vimos, temos que dar un golpe de temón na economía no senso de sostibilidade que mencionamos antes, cara a unha sociedade máis humana que aproveite a riqueza en forma de tecnoloxía e infraestruturas que fomos creando entre todos ao longo da historia, e que sexa solidaria cos nosos contemporáneos e cos nosos descendentes.

E para facelo imos necesitar un colchón que nos permita dar esa viraxe sen esixir heroicidades para vencer á chantaxe do emprego, esa chantaxe que permita a empresas depredadoras propor a explotación de minas como a de Corcoesto, contaminantes, destrutoras do medio e innecesarias co único argumento de, precisamente, crear emprego. Argumento que volvemos a atopar, repetido, en moitas empresas e proxectos de dubidoso interese como Eurovegas, Ence, Madrid-olimpico, etc...

Ese colchón é a renda básica.

Porque outro mundo non só é posíbel, tamén é inevitábel, para ben ou para mal. Nas nosas mans está decidir o camiño.


Enlaces de interese

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.