0 Gardados para despois

Roberto Mansilla

Brasil como axente clave da cooperación Sur-Sur

O impulso de Brasil como doador de relevancia na cooperación internacional dentro dos países do Sur amplía as perspectivas da xa considerada sexta potencia económica mundial como un actor emerxente a nivel global. En 2011, segundo datos da Agência Brasileira de Cooperação, os recursos financeiros brasileiros achegáronse a mais de 65 países, a maioría da África lusófona e América Latina, triplicando o monto da axuda exterior brasileira na última década1.

Este papel de Brasil como actor emerxente da cooperación internacional ven precedido polo seu fortalecemento económico na última década, así como unha visión multilateral das relacións internacionais que permitiu a Brasilia inserirse nos principais foros internacionais

Este papel de Brasil como actor emerxente da cooperación internacional ven precedido polo seu fortalecemento económico na última década, así como unha visión multilateral das relacións internacionais que permitiu a Brasilia inserirse nos principais foros internacionais (OMC, ONU, BRIC, IBSA, FMI), en pos da igualdade de oportunidades no comercio internacional e a loita contra a pobreza e a exclusión social.

 

Un caso inédito de cooperación exterior

Baixo esta premisa, a implicación institucional do goberno de Lula da Silva (2003-2011), continuado agora coa súa sucesora Dilma Roussef, permite involucrar ata seis ministerios brasileiros como axentes da cooperación internacional, sendo estes os de Desenvolvemento Rural, Desenvolvemento Social e Loita contra a Fame, Pesca e Acuicultura, Ambiente, Agricultura, Gandería e Subministros, e Relacións Exteriores2. Coido que, por tanto, o brasileiro sexa un caso inédito onde un país desenvolvido ou en desenvolvemento implique a tantos ministerios na axuda exterior.

Con especial énfase na cooperación técnica en agricultura e seguridade alimentaria, aínda que tamén noutros sectores como a saúde, educación, formación profesional, medio ambiente ou deportes, o avance da cooperación internacional brasileira ven manifestándose nos derradeiros anos.

Desde 2003, Brasil impulsa cun millóns de dólares anuais o Fondo IBSA para Aliviar a Pobreza e a Fame

Desde 2003, Brasil impulsa cun millóns de dólares anuais o Fondo IBSA para Aliviar a Pobreza e a Fame3, tomando como plan piloto os programas Fame Cero e Bolsa Família creados polo goberno de Lula e que permitiu neste última década a superación da pobreza extrema para aproximadamente trece millóns de familias pobres brasileiras. A implicación brasileira neste Fondo IBSA permitiulle inserirse con gran impacto en proxectos de axuda ao desenvolvemento en Cabo Verde, Guiné-Bissau, Haití, Palestina, Camboxa, Laos, Serra Leoa, Vietnam e Burundi, así como abriu a xanela para novos proxectos en Sudán, na recen independizada Sudán do Sur e Timor Leste.

En 2008, a Agência Brasileira de Cooperação mantiña 236 proxectos de cooperación técnica en 58 países, principalmente en América Latina, Caribe e África, pero sen esquecer Asia Central, Asia, Oriente Próximo e Oceanía. Por tanto, a cooperación técnica brasileira achegábase a contextos tan diversos e distantes como Timor Leste, Palestina, Sudán ou Afganistán. En 2010, Brasil asinou 21 convenios internacionais coa Comunidade do Caribe (CARICOM), así como acordos bilaterais con Xamaica, Guíana, Suriname e Haití.

En setembro de 2011, a Oficina Rexional da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO polas súas siglas en inglés) e o Ministerio de Desenvolvemento Social e Combate á Fame de Brasil, asinaron un compromiso sobre programas de cooperación alimentaria en América Latina e o Caribe a través da conformación do Fondo de Cooperación Internacional Brasil-FAO, creado en 2008 en base ao programa Fame Cero e que permitirá expandir na rexión proxectos de alimentación escola, axuda humanitaria, fortalecemento da sociedade civil, pesca e acuicultura.

Inspirado tamén no programa Fame Cero e a través da FAO e do seu Programa Mundial de Alimentos (PMA), Brasil impulsa o Programa de Compra de Alimentos (PAA polas súas siglas en portugués), na que a través de achegas valoradas en mais de 2 millóns de dólares, o goberno brasileiro comprométese na compra local de alimentos para beneficio das clases rurais en países vulnerables como Etiopía, Malawi, Mozambique, Níxer e Senegal4. Un factor clave neste sentido constitúe a presenza do brasileiro José Graziano da Silva como presidente da FAO desde xaneiro de 2012, tomando en conta que Brasil é un dos 10 principais países doadores da PMA.

 

Cabe destacar que esta relevante implicación brasileira en programas de cooperación internacional igualmente pode albergar razóns de carácter político, a fin de consolidar a pretensión de Brasilia por erixirse nun polo emerxente e alternativo no sistema internacional

Unha cooperación con acento político?

Cabe destacar que esta relevante implicación brasileira en programas de cooperación internacional igualmente pode albergar razóns de carácter político, a fin de consolidar a pretensión de Brasilia por erixirse nun polo emerxente e alternativo no sistema internacional.

A preponderancia de América Latina e África nos programas de cooperación internacional desenvolvidos na derradeira década por parte de Brasil, pode dalgún modo corresponder igualmente a unha estratexia política orientada a gañar influencia e, eventualmente, atraer o voto dos países do Sur á hora de fortalecer diversas demandas brasileiras nos foros internacionais, especialmente no relativo á reforma da ONU (coa inclusión de Brasil na eventual ampliación do seu Consello de Seguridade) así como abarcar un maior poder de decisión brasileiro no FMI e na OMC. Neste apartado compre igualmente considerar o papel que xogan as empresas multinacionais brasileiras, tales como a enerxética PETROBRAS, con importante presenza en países como Bolivia, Mozambique ou Paraguai5.

En todo caso, a preponderancia que ten a solidariedade e a cooperación internacional na formulación brasileira dunha axenda exterior multilateral obriga a valorar, de forma positiva, porqué o Sur traza o seu propio camiño dentro da inevitable transformación do sistema internacional. Brasil, por tanto, marca unha relevante pauta de actuación.

 

(1)(2) FRAYSSINET, Fátima, “Brasil afianza su modelo de cooperación internacional”, Inter Press Service en español, 29 de febreiro de 2012.

(3) DEEN, Thalif, “Brasil impulsa cooperación Sur-Sur”, Inter Press Service en español, agosto de 2011.

(4)(5) FRAYSSINET, Fátima, “Brasil afianza su modelo de cooperación internacional”, op.cit

 

Acerca de Roberto Mansilla

Roberto Mansilla é analista do IGADI