O pelexado voto sobre o Protocolo de Pesca UE-Mauritania

Este martes a Eurocámara decidiu sobre o Protocolo de Pesca con Mauritania. O punto máis relevante para Galicia deste primeiro pleno do mes de outubro. Trátase do Protocolo pesqueiro máis importante da UE, tanto en termos de volume de actividades como de contribución financeira (70 millóns de euros por ano). Contempla nove categorías de pesca e afecta a 100 buques de 11 estados membros. Firmado pola Comisión Europea en xullo do 2012 por un período de dous anos e en vigor provisional por autorización do Consello, quedaba á espera da súa ratificación polo Parlamento Europeo.

O Protocolo foi acollido con satisfacción pola parte mauritana, sen dubida, polos mesmos motivos que encontraría fortes críticas na industria pesqueira europea

O Protocolo foi acollido con satisfacción pola parte mauritana, sen dubida, polos mesmos motivos que encontraría fortes críticas na industria pesqueira europea, a saber: aumento da contribución financeira e reducións nas zonas de pesca e no volume de capturas, coa exclusión do sector cefalopodeiro, de especial interese para a flota galega.

A presión política e social, acompasada ó ritmo marcado polos distintos encontros bilaterais mantidos desde a firma do Protocolo, resultaría nunha renegociación na que se acadarían melloras nas condicións técnicas de moitos das categorías de pesca, nembargantes, permanecendo o sector cefalopodeiro excluído das aguas mauritanas por primeira vez desde o inicio das nosas relacións pesqueiras con este país no 1987.

De maneira mais concreta, na reunión do Comité Mixto UE-Mauritania do 19-20 de febreiro en París, producíronse avances nas categorías de atuneiros, peláxicos e mariscos, dándose cauce para o tratamento dos crustáceos e da pesca demersal. Seguiríanlle as reunións do Comité Científico do 2-5 de abril en Rennes e a técnica do 24 de maio en Bruxelas pero o resultado non sería considerado suficiente pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que votaría contra a ratificación do Protocolo o 29 de maio do 2013. Na derradeira reunión bilateral, do pasado mes de setembro en Nuakchott, constatouse a infrautilización das categorías 1 e 7, crustáceos e peláxicos, producíndose a mellora das súas condicións así como diversos progresos nas condiciones técnicas e de control. E aínda que se contempla a elaboración dun protocolo de cooperación científica, non se prevé a participación de embarcacións europeas nas campañas experimentais que teñan lugar.

Non se solventa, con gran impacto para Galicia e para o Porto da Luz, en As Palmas, o cese traumático da actividade da flota cefalopodeira europea, aínda cando representa tan só o 6% das capturas de polbo, unha especie en proceso de recuperación

Non se solventa, con gran impacto para Galicia e para o Porto da Luz, en As Palmas, o cese traumático da actividade da flota cefalopodeira europea, aínda cando representa tan só o 6% das capturas de polbo, unha especie en proceso de recuperación, coa que non se compite coa flota artesanal local e sobre a que outras flotas industriais continúan a faenar. E aínda cando, simultaneamente, aumenta a súa importación a Europa procedente de augas mauritanas e no texto final do acordo increméntase a porcentaxe da súa captura accesoria.

A pesar da expulsión dos cefalopodeiros e das condicións técnicas e económicas menos equilibradas, que producen un desequilibrio que está na orixe da infrautilización do novo Protocolo e que sitúan as relacións pesqueiras da UE na senda da insostenibilidade, o sector español de atuneiros, palangreiros, merluceiros e marisqueiros manifestouse a favor do texto renegociado. Andalucía, tamén anunciou a súa postura favorable ó Protocolo.

Co sector pesqueiro español dividido, sorprende a agora radical posición en contra do Protocolo do Goberno de España

Co sector pesqueiro español dividido, sorprende a agora radical posición en contra do Protocolo do Goberno de España, contraditoria coa autorización do Consello no que adoita a participar a Conselleira de Pesca en representación das Comunidades Autónomas. Quizais só sexa comprensible desde o cálculo, finalmente acertado, sobre a efectiva ratificación do texto na Eurocámara aínda co discurso en contra español o que, por outra banda, pon de relevo máis unha vez a debilidade do noso sector en Europa e a súa malograda táctica de confrontación e politización que tan poucos resultados satisfactorias está a proporcionar.

En definitiva, o impacto sobre Galicia da expulsión do sector cefalopodeiro, a primeira rexión pesqueira de Europa, parece inadmisible. Para os eurodeputados galegos resultaba imposible apoiar un acordo no que a súa flota é a gran sacrificada, máxime cando é inxustificado, desproporcionado e pouco transparente, sen resultar en condicións favorables para o resto da flota e con numerosos indicios que apuntan a que, contrariamente ó Protocolo, flotas de terceiros estados como China e Rusia están a recibir condicións de pesca máis vantaxosas que as da UE.

Deberíamos de atopar respostas áxiles para as dramáticas e inmediatas consecuencias para o conxunto do sector en España e en Europa e aínda de cara á estabilidade socioeconómica e política que implica para un país marcado pola pobreza e a ameaza do terrorismo yihadista como é Mauritania

Como galegos, á vista da dramática ruptura que implica, non podemos mais que apoiar o voto en contra. Agora ben, de ter resultado exitoso, deberíamos de atopar respostas áxiles para as dramáticas e inmediatas consecuencias para o conxunto do sector en España e en Europa e aínda de cara á estabilidade socioeconómica e política que implica para un país marcado pola pobreza e a ameaza do terrorismo yihadista como é Mauritania. Agora, confirmada a súa ratificación, faise necesario que o próximo Protocolo con Mauritania sexa distinto do presente e peche a ferida aberta no noso tecido pesqueiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.